O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica onte as bases reguladoras de concesión das axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou a construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo, así como para os acometidos en viveiros por determinados produtores de materiais vexetais de reprodución.
A Consellería de Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, destinará 946.755,7 euros a estas dúas liñas de actuación. No caso da mellora dos centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo ou a construción de novos para dita funcionalidade, a contía dispoñible é de 291.035,24 euros. Para investimentos en bioseguridade en viveiros, a cantidade ascende a 655.720,24 euros.
Destas achegas poderán beneficiarse persoas físicas ou xurídicas, pero tamén entidades sen personalidade xurídica. No caso das subvencións para centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo, serán aqueles titulares ou propietarios deles que estean autorizados e rexistrados polos órganos competentes, e se comprometan a melloralos ou a construír un novo centro de limpeza e desinfección.
Os beneficiarios das axudas para viveiros deberán ser operadores profesionais rexistrados como produtores no Rexistro de operadores profesionais vexetais e estar autorizados polo órgano competente para producir material vexetal de reprodución.
As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación será dun mes a partir de hoxe.