A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, en Silleda (Pontevedra), superou o ano pasado en varias ocasións o seu récord absoluto en canto ao prezo pagado por un exemplar na categoría de vacún maior. Hoxe volve rexistrar un récord histórico, cun boi adquirido por 9.927euros. Trátase dun animal que foi mercado pola empresa portuguesa Serragados Comércio de Gado. Esta cifra supera os 8.579 euros que ata este martes supoñían o máximo prezo e que foron pagados por outro boi o 16 de novembro do ano pasado.
O animal que ostenta agora o récord é un boi de raza Minhota nacido en xullo de 2016 e propiedade de Ganadería Villanustre, do lugar de As Travesas, en Carral (A Coruña), unha gandería que se dedica a criar e cebar bois e que nestes momentos conta con 275 exemplares de diversas razas nas súas instalacións. O propietario desta gandería, que dende fai anos compra becerros de cebo na Central Agropecuaria de Galicia Abanca, incorporouse a semana pasada como vendedor na categoría de vacún maior deste mercado.
Recórd de facturación
Por outra banda, a Central rexistrou hoxe unha facturación de 444.011 euros na categoría de vacún maior, a segunda maior cifra desta categoría, soamente por debaixo dos 457.076 euros do 16 de novembro do ano pasado que marcan o récord absoluto.