O abono orgánico elaborado por Aviporto (Portomarín, Lugo) demostrou en ensaios as vantaxes que presenta en comparación cos fertilizantes minerais. Máis alá dos nutrientes que lle aporta ó solo (N, P, K, calcio, magnesio, etc.), o abono destacou por manter estes nutrientes dispoñibles para o cultivo durante un longo periodo de tempo, o que o fai ideal para cubrir primeiros e segundos ciclos de cultivo de horta, así como para viña e froiteiras.
O fertilizante de Aviporto, elaborado con esterco de polo deshidratado e peletizado, ten a vantaxe de que os seus nutrientes se mineralizan progresivamente, de xeito que a planta dispón deles segundo os vai necesitando. O seu resultado é similar ó dun fertilizante de liberación lenta, pero demostrou maior éxito que este nun segundo ciclo de cultivo de leituga e tamén en pemento, un cultivo que precisa de aporte de nutrientes ata 9 meses ó ano.
Os ensaios corresponden a unha investigación desenvolta na Escola Politécnica de Lugo (USC), que no marco dunha tese doutoral de Francisco Antonio Cabaleiro, comparou o resultado do abono de Aviporto con fertilizantes químicos convencionais e de liberación lenta.
A conclusión foi que o abono de Aviporto demostrouse superior nos cultivos de ciclo longo ou naqueles que tiñan ciclos sucesivos, pois coa súa aplicación lográronse maiores colleitas e con pezas de maior tamaño.
Doses de abonado
En canto ás recomendacións de abonado, a investigación concluíu que unha dose de 120 kg. N. / hectárea do abono orgánico en leituga é suficiente para obter producións superiores ás que se logran co abono mineral convencional (nitrato amónico) e, en conxunto, similares ás obtidas con fertilizantes de liberación lenta.
En pemento, usando o abono orgánico á dose de 60 kg. N./hectárea obtivéronse rendementos de igual calidade e categoría que os obtidos co fertilizante de liberación lenta. As maiores doses de abono orgánico aumentaron o rendemento produtivo, impoñéndose ós abonados minerais.
Outro beneficio claro da aplicación do abono orgánico de Aviporto radica na aportación de materia orgánica ao solo, o que mellora a súa estrutura, propiedades físicas e biolóxicas, así como a capacidade de retención de auga.
O xerente de Aviporto, Juan Serrano, destaca que o abono orgánico ofrécelle ós produtores tanto rendementos a curto prazo como unha maior sostibilidade da produción, pois contribúe a mellorar o solo e a garantir o futuro produtivo das terras.
Envases para pequenas hortas e xardíns
A maiores de comercializar a súa produción en formato big – bag para a agricultura profesional, Aviporto tamén ofrece envases de pequeno formato (1 Kg.) para hortas e xardíns. A dose recomendada para hortas oscila entre 250 gramos / metro cadrado e 500 gramos metro cadrado, que se corresponde con doses de 60 – 120 Kg. de nitróxeno por hectárea. En xardíns, recoméndase a aplicación de abono á dose de 100 gramos / metro cadrado.
Aviporto lembra que o seu abono está hixienizado, deshidratado e peletizado, para facilitar a súa aplicación, e que non xenera olores.