Uns 25.000 agricultores e gandeiros galegos recibirán 217 millóns de euros de axudas da PAC 2023

Uns 25.000 agricultores e gandeiros galegos recibirán 217 millóns de euros de axudas da PAC 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou que a Xunta incrementa ata os 217 millóns de euros – 7 millóns máis que en 2022- as axudas da política agraria común (PAC) para 2023 co obxectivo de “beneficiar a 25.000 agricultores e gandeiros galegos”.  A Xunta prevé publicar no DOG a convocatoria de axudas ao longo dos pròximos días.

Dos 217 millóns de orzamento global para a convocatoria deste ano, uns 170 millóns de euros correspóndense cos pagamentos directos da PAC -mantéñense con respecto a anos anteriores- e 47 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural asimiladas ao Sistema integrado de xestión e control (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), que se incrementan con respecto á convocatoria anterior.

No tocante ás axudas ao desenvolvemento rural sobe a partida destinada ás achegas agroambientais (ata preto de 27 millóns), destacando as destinadas á agricultura ecolóxica que se incrementan ata os 9 millóns de euros. Neste caso concreto, de xeito consensuado coas organizacións profesionais agrarias aprobouse un orzamento de 45 millóns de euros para o período completo da PAC, ao incrementarse anualmente en máis do 130 % sobre o orzamento previsto inicialmente para 2023 (de 3,9 millóns de euros) e cun aumento do 183 % na dotación en relación co destinado no 2022 (3,18 millóns).

Ademais, tamén se incrementan as axudas para extensificación das explotacións gandeiras ata chegar aos 13,65 millóns de euros. Cabe recordar que esta liña de achegas tamén contén un complemento para o pastoreo en concellos con presenza do lobo.

Por último, as achegas para os pagamentos a zonas con limitacións naturais sitúanse nuns 18 millóns de euros e as forestais nos 2,25 millóns de euros. As axudas da PAC son as máis importantes para o sector primario. 

Novidades da nova PAC

Así, os principais cambios da PAC 2023-2027 con respecto ao período anterior son a introdución dos ecorreximes, compromisos anuais e voluntarios “que implican que arredor do 25 % das axudas irán encamiñadas para un conxunto de prácticas beneficiosas para o ambiente”, entre as que se inclúen o pastoreo extensivo, o mantemento dos pastos, a rotación de cultivos, a agricultura de conservación, as cubertas vexetais e as superficies destinadas á biodiversidade.

A nova PAC inclúe tamén un pagamento redistributivo, pagamento complementario á axuda básica á renda para a sustentabilidade para as primeiras hectáreas de cada explotación, destinada a favorecer a redistribución de axudas cara ás pequenas e medianas explotacións, na súa maioría de carácter familiar e profesional. Tamén se establece unha condicionalidade social das axudas que se empezará a aplicar en 2024.

A remuda xeracional é outra das apostas fortes da nova PAC, con axudas específicas para os agricultores mozos e agricultoras mozas a través do pagamento complementario das axudas directas e os fondos destinados a impulsar a primeira instalación.

Por último, Rueda resaltou que “outra das novidades reside en que as mulleres que se instalen á fronte dunha explotación agraria percibirán un 15 % adicional” no complemento da axuda á renda que reciben os mozos e as mozas.

Balance campaña actual de 2022

Malia que a campaña de axudas da PAC relativas ao ano 2022 aínda non finalizou, xa que -consonte a normativa- os pagamentos poden facerse entre o 15 de outubro do ano no que se fai a convocatoria e o 30 de xuño do ano seguinte, xa se levan pagados ata a data máis de 166,65 millóns de euros -dun total de 210 millóns-, dos cales 146,49 millóns foron en axudas directas e outros 20,16 millóns en axudas para desenvolvemento rural.

O resto dos pagamentos directos efectuaranse ao longo deste ano 2023, antes do 30 de xuño, xunto cos pagamentos das axudas de desenvolvemento rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información