O cociñeiro Yayo Daporta e dono do restaurante que leva o seu nome, situado en Cambados, foi o encargado de realizar a última acción da Aula Gastronómica Galicia Calidade que este martes se desenvolveu no IES de Foz. Ante unha ducia de alumnos de primeiro curso de Dirección de Cociña, o restaurador pontevedrés elaborou un menú baseado nos principios básicos do seu facer gastronómico: o bo gusto e o sentido común que dan lugar a unha cociña tradicional, innovadora cun toque emocional e da terra.
Trala benvida feita polo director do IES, Nicolás Asensio Nogales, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destacou que esta acción culmina a rolda iniciada en abril no IES Compostela de presentación e divulgación dos produtos e cociñeiros avalados por Galicia Calidade entre o alumnado dos centros da Comunidade nos que se estuda a rama profesional de Hostalería e Turismo.
A iniciativa pretente divulgar entre os novos cociñeiros os produtos e restauradores avalados por Galicia Calidade
“Estamos seguros de que os futuros cociñeiros de Galicia serán quen de levar a nosa marca nos seus proxectos a afianzala aínda máis como referente da excelente gastronomía que se fai en Galicia grazas aos produtos de calidade cos que contamos”, asegurou Alfonso Cabaleiro.
A Aula Gastronómica Galicia Calidade celebrouse no CIFP Compostela, en Santiago de Compostela, coa restauradora Lucía Bretal; o CIFP Carlos Oroza, en Pontevedra, coa cociñeira María Varela; o CIFP Manuel Antonio, en Vigo, con Iñaki Bretal; o IES Vilamarín, con Héctor López; o IES de Pontedeume, con Adrián Felípez; o CIFP Paseo das Pontes da Coruña, con Xoán Crujeiras e o IES de Foz, con Yayo Daporta.
Máis de 600 produtos certificados por Galicia Calidade
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, salientou o interese que está a espertar esta iniciativa promovida co fin de achegar aos futuros profesionais da restauración galega os máis de 600 produtos certificados por Galicia Calidade. Animou ao alumnado a sacar proveito “de experiencias innovadoras como esta que contribúen a elevar o nivel das ensinanzas da Formación Profesional galega”, que a día de hoxe son un modelo de referencia no conxunto do Estado.
As empresas de Galicia Calidade que participaron na acción foron Terras da Mariña, Puerto de Celeiro, Pementos Carmucha, A Pementeira, A Rianxeira, Pazo de Anzuxao e Feiraco
O menú proposto por Yayo Daporta consistiu en fabas de Lourenzá estofadas con cocochas de merluza ao pil-pil, navallas ao natural, canelón de tartar de navalla e pil-pil de pescada de Celeiro. Tamén elaborou este excelente peixe ao vapor acompañado de moluscos e ameixas ao natural; crema de pementos de Herbón e xarda ou xurelo mariñado e asado, espaguete mariño e pan de millo. Finalmente, Yayo Daporta propuxo unha mousse de queixo de Arzúa e marmelada de pementos de Herbón.
Traxectoria profesional
Yayo Daporta leva 16 anos á fronte do seu restaurante, aberto na rúa Hospital de Cambados, que rexenta xunto coa súa irmá Esther. O seu bo facer valeulle unha Estrela Michelin, ademais do recoñecemento de Galicia Calidade.
Yayo Daporta procede dunha familia de arraigada tradición no cultivo de marisco da Ría de Arousa, é defensor dos produtos autóctonos galegos e conta cunha estrela Michelín
O chef cambadés estudou na Escola de Hostalería de Santiago de Compostela e traballou máis tarde en Casa Solla, onde empezou a sentir curiosidade pola cociña de vangarda e o achegou á súa verdadeira vocación. Tamén se formou nos restaurantes Alejandro, de Almería, e El Amparo, de Madrid. Yayo Daporta é un auténtico defensor dos produtos autóctonos de Galicia, especialmente do marisco, xa que procede dunha familia de arraigada tradición no cultivo de marisco da Ría de Arousa.