Un total de 54 meles e 47 queixos participan este ano na Cata de Queixos e de Meles de Galicia

Dous paneis de cata formados por un total de 19 expertos serán os encargados de elixir totalmente a cegas os mellores queixos e meles de Galicia deste 2023.

2020_catas_queixos_meles_2Nos últimos anos, a Cata de Queixos e de Meles de Galicia converteuse nun dos certames de referencia para produtores e envasadores da comunidade. A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, por medio da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, coa colaboración dos catro consellos reguladores de queixos con denominación de orixe galega (DOP San Simón da Costa, DOP Cebreiro, DOP Queixo Tetilla e DOP Arzúa-Ulloa), así como do consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, son os organismos encargados de convocar unhas distincións que teñen por finalidade premiar o saber facer e a dedicación dos profesionais galegos, así como a excelente calidade destes produtos senlleiros.

Finalizado o prazo para inscribirse nesta XXVI Cata dos Queixos e XXII Cata dos Meles, Medio Rural iniciou o día 9 de novembro a recollida de mostras para a celebración da cata oficial, un traballo que finalizará o vindeiro martes 14 de novembro. Na presente edición, rexistráronse un total de 28 queixerías pertencentes ás catro denominacións de orixe galegas e 25 industrias de mel acollidas á IXP Mel de Galicia.

Este traballo realizado polo persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria en colaboración cos consellos reguladores, desenvólvese con todas as garantías de seriedade e rigor, avalando en todo momento o anonimato das marcas participantes. De feito, non é a industria quen facilita á organización a mostra a concursar mediante o seu envío, senón a propia comisión de recollida quen realiza a identificación e recolla dos queixos e meles dos lotes inscritos, certificando que compren cos requisitos establecidos nas bases.

Catro intensos días de recollida de mostras

Os días 9 e 10 recolléronse as mostras de mel por toda Galicia, un proceso no que participaron un representante da Axencia Galega da Calidade Alimentaria acompañado dun técnico do consello regulador da IXP Mel de Galicia. Nesta ocasión, foron 25 as industrias de mel as que inscribiron 54 mostras para concursar nas categorías de Meles monoflorais (31 mostras), Meles multiflorais (21 mostras) e Mel de melada ou de bosque (2 mostras).

No caso das industrias queixeiras, a recollida realizarase os días 13 e 14 de novembro por parte do persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e os representantes dos distintos consellos reguladores.

Nesta vixésimo cuarta edición, son 30 as industrias queixeiras a concursar, cun total de 47 mostras distribuídas entre a DOP Queixo Tetilla (18 mostras), DOP Arzúa-Ulloa e Arzúa-Ulloa Curado (19 mostras en total), DOP San Simón da Costa (6 mostras) e DOP Cebreiro nas categorías Cebreiro e Cebreiro Curado (4 mostras entre ambas).

Un esixente Panel de Cata

Tras a fase de recollida, as mostras trasladaranse ao Mercado de Abastos de Santiago de Compostela. Na Aula Gastrocutural situada na popular Praza de Abastos celebrarase a cata-concurso os días 14 e 15 de novembro.

O martes día 14 desenvolverase a XXII Cata dos Meles, mentres que o día 15 destinaranse á XXVI Cata dos Queixos. Un labor que levará a cabo un panel integrado por 19 expertos, 7 no caso dos meles e 12 para os queixos, encargados de analizar totalmente a cegas e de forma minuciosa as mostras, para pasar a seleccionar as marcas gañadoras. Todos eles, profesionais experimentados vencellados co ámbito da gastronomía, hostalería, comunicación e ao sector agroalimentario.

Concretamente, a XXVII Cata dos Meles contará coa presenza de catro membros do panel de cata da IXP Mel de Galicia: Paula Casaleiro Barros, Javier de la Fuente García, Miguel Ángel Rodríguez Garea e Beatriz Ríos Cebreiros. Aos que se sumarán o xornalista gastronómico Jorge Guitián Castromil, o chef Julio Mato del Río e o reposteiro Diego Trillo Caamaño, premio Pasteleiro Revelación dos Madrid Fusión Alimentos de España 2022.

No que respecta á XXVI Cata dos Queixos, alén dos catro membros do panel de cata de Medio Rural (Sonia Otero Padín, Carlos Veiga Pérez, Mariela Barca Villarta e Salomé Beiroa Fernández), incorpóranse oito profesionais máis. Dunha banda, Mikel López Iturriaga, xornalista gastronómico e director de El Comidista. Miguel Fernández Vidal, chef e propietario do restaurante Morgana. Un rostro moi coñecido da TVG, Merchi Rodal Mallo, á que podemos ver no programa ‘A voltas co prato’. O xornalista Carlos Crespo Gómez de La Voz de Galicia. Javier Sampayo Menéndez, presidente do Consello Regulador da DOP Queixo Tetilla. E, finalmente, Johanna Christina Sweers Penalonga, membro da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA).

Eles completan de forma maxistral dous paneis de excepción para unha data moi sinalada para o rural galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información