Un muíño de Cospeito busca a man que o faga xirar

O seu propietario non quere que quede parado tras a restauración que lle fixeron hai cinco anos e busca que siga producindo fariña

Un muíño de Cospeito busca a man que o faga xirar

Os muíños sempre foron un espazo de reunión da veciñanza, xa que mentres se esperaba a que se moese a fariña botábase un conto e mesmo se tomaban uns viños. Actualmente, poucos quedan que sigan funcionando e un deles é o chamado Muíño do Frouseiro. Está situado na parroquia de Goá, en Cospeito (Lugo), e traballa coa auga do río Anllo. Actualmente segue a ser rendible e por iso, o seu propietario José Engroba busca quen o queira alugar para que non deixe de traballar.

José Engroba afirma que “non quero que quede parado, xa que toda a vida estivo producindo con fins comerciais”. O muíño data do século XVIII no Catastro de Ensenada, que é cando hai a primeira referencia, e foi restaurado hai cinco anos. Aínda así, a maquinaria segue a ser a mesma coa que moía dende hai máis de cen anos. Conta con dúas pedras, unha de orixe francesa e outra do país e as turbinas, que seguen traballando, renováronse en 1926. Estivo traballando ata agora, producindo unha media por pedra de 500 kg aínda que “todo depende da época, porque non se traballa igual se hai moita auga ou moi pouca , aínda que na boa parte do ano esa sería a súa produción media”.

muinocospeitointerior

Conta con certificado sanitario ata o día de hoxe “e é unha pena que se quede sen traballar”. Ademais, demostra que ten unha actividade rendible. Nel móense distintos tipos de fariñas, dende a de trigo, centeo, a de espelta ou de Callobre e Caaveiro. “Algo que ten moito éxito é que o cliente traia o cereal que sexa, veña a moer e recoller a súa propia fariña. Cada vez valoran máis isto, poder confiar en que che están moendo o teu propio cereal”. Engade que dende a pandemia valóranse máis as fariñas artesás, por iso El Molino de Isabel, que era a firma que o explotou ata agora dende hai sete anos, tivo tanto éxito.

O propietario afirma que ata ao muíño achegáronse persoas de Asturias, Ferrol, A Fonsagrada, ademais de clientela de toda a Terra Cha, “xa que non quedan en funcionamento muíños con estas características”. Hai que engadir que as vantaxes que ofrece internet propicia que o muíño cada vez sexa máis coñecido e xere máis interese para ir ver como funciona.

Con todas as vantaxes que ofrece o muíño, “producindo unha fariña de xeito tradicional e de calidade, cunha produción alta”, Engroba anima a quen queira poñerse á fronte deste muíño que o chame a través do contacto 637039525, para que “xuntos poidamos acadar que este muíño siga xirando”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información