Tratamentos orgánicos combinados con manexo biotécnico, novas alternativas contra a varroa

Distintos expertos e apicultores participantes no proxecto Varroaform proban novos produtos acaricidas de orixe botánica para o control do principal problema sanitario que afecta na actualidade aos colmeares. Coñecemos os resultados

A varroa destrutor é a día de hoxe o principal problema sanitario nos colmenares de todo o mundo. En España provoca unha taxa de montandade invernal superior ao 20%, segundo os datos da campaña 2019-2020, polo que o control deste ácaro é unha das necesidades máis perentorias para os apicultores.

A varroosis é unha parasitosis externa provocada polo ácaro V. destrutor que debilita o estado inmunolóxico das abellas e favorece a aparición de infeccións víricas, bacterianas e fúnxicas que resultan nunha importante perda de poboación e de produción, mesmo con baixos niveis de infestación.

En Galicia, en zonas de costa, a combinación entre varroa e velutina provoca altas porcentaxes de mortandade invernal nas colonias de abellas

A súa presenza é xeneralizada, transmitíndose dunhas colmeas a outras. Os datos oficiais estiman a presenza deste ácaro no 94,5% dos apiarios, provocando perdas de poboación de abellas de ata o 20% e un descenso de produción de mel do 45%, cun incremento engadido dos custos de produción, xa que os tratamentos sanitarios actuais supoñen entre o 15 e o 25% dos gastos totais das explotacións apícolas, ademais de incrementar as necesidades de man de obra e manexo.

Dado que a varroa reprodúcese na cría, a abella nodriza, a que se atopa nos cadros de cría aberta, é a que está máis parasitada ao ser a última en nacer. A multiplicación do ácaro é tamén maior na cría de zángano que na cría de obreira, polo que prácticas de control como a eliminación da cría de zángano ao comezo da primavera ou a redución do nivel de cría da colmea son estratexias que se demostraron eficaces.

Necesidade de novos tratamentos

mapa incidencia varroaProxecto Varroaform, que durante os dous últimos anos implicou a Universidades, investigadores e apicultores, buscou unha formulación eficaz para o control e prevención da varroatosis en abella doméstica, co obxectivo principal de conseguir unha redución das perdas económicas que sofren na actualidade os apicultores debido á parasitación das colmeas por este ácaro, beneficiando ao mesmo tempo a outros sectores como a produción agrícola ou a selvicultura, tan dependentes da polinización.

O proxecto ‘Varroaform: Desenvolvemento dunha formulación eficaz para o control e prevención da varroatosis en abella doméstica’ contou cun orzamento total de 415.440 euros, financiados nun 80% con fondos europeos FEADER

Os novos tratamentos experimentais, desenvoltos na Facultade de Veterinaria de Lugo en colaboración coa Universidade das Palmas de Gran Canaria, foron probados posteriormente en campo en apiarios de Galicia, Castela e León e Castela-A Mancha. O proxecto inclúe a elaboración dun vídeo técnico divulgativo no que se explican con detalle os traballos de campo e tratamentos realizados.

aplicacion formulaciones

“Contra a varroa hai moi poucos tratamentos para escoller e hai que ir variándoos para evitar resistencias”

Asteria Luzardo é investigadora da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo e foi a encargada de realizar as distintas formulacións con tratamentos alternativos porque recoñece que neste momento a nivel comercial “hai moi poucos tratamentos que poder escoller con respecto á varroa e hai que ir variándoos para evitar resistencias”, polo que “sempre hai que xogar con distintos tratamentos e ter en conta que menos potencia terapéutica tamén implica menos toxicidade”, recomenda.

O traballo realizado na Facultade de Veterinaria de Lugo tivo como obxectivo principal o desenvolvemento dunha formulación eficaz e non tóxica a base de produtos naturais de orixe botánica (timol, mentol e carvacrol) que demostraron servir como acaricidas.

Buscáronse formulacións de baixo custo que permitan chegar a un método de fabricación industrial, o que levou a descartar determinadas elaboracións

Pero este tipo de moléculas son volátiles e facilmente degradables no medio natural en presenza de osíxeno ou raios ultravioleta, polo que é necesario chegar a unha formulación que permita manter a súa estabilidade e a liberación do principio activo durante un maior período de tempo.

Xeles e pastas de timol, mentol e carvacrol

En concreto, dentro do proxecto estudáronse catro tipos de fórmulas e métodos de aplicación:

  • Complexos con beta-ciclodextrina de timol e mentol en forma de xel, no que está integrado o aceite esencial. Logrouse unha liberación rápida ao principo e máis lenta posteriormente.
  • Formulación semisólida de base oleosa en forma de crema viscosa (oleoxel), de difícil degradación na colmea, para que as abellas ao tentar eliminala se encargasen de estendela. Logrouse unha liberación máis lenta do aceite esencial ao longo do tempo.
  • Preparación en forma de pasta sólida. Tras unhas probas preliminares, a formulación final contiña mentol e carvacrol. Trátase dun soporte sólido, o que facilita a aplicación e retirada da colmea, con liberación lenta, controlada e sostida ao longo do tempo.
  • Microcápsulas cunha cuberta externa de polímeros naturais biodegradables e un núcleo oleoso de aceite esencial con principio activo de carvacrol. Son formulacións de carácter máis experimental, que se probaron a nivel de colonias de laboratorio, pero non en apiarios. As microcápsulas presentan, con respecto aos demais sistemas de aplicación, a vantaxe dunha maior estabilidade e duración no tempo.

Produtos non autorizados

A pesar de tratarse de produtos naturais de orixe botánica, o seu uso non está aínda autorizado pola Axencia Española do Medicamento, polo que este tipo de preparados non poderían ser empregados neste momento por parte dos apicultores.

“O período habitual para sacar ao mercado un medicamento veterinario son 6 anos, polo que os estudos presentados están nunha fase inicial antes de que cheguen a unha comercialización definitiva, xa que terían que pasar determinadas regulamentacións e períodos de garantía”, advirte Asteria.

O ser humano necesita ás abellas e elas necesítannos cada vez máis

Con todo, estes tratamentos en base a estes principios activos naturais están autorizados e son usados noutros países, como en Arxentina ou Italia, pero en España non se poden usar por non estaren autorizados pola axencia avaliadora española, a AEMPS.

resultados gel timol+mentolresultados oleogel timol+acido oxalicoresultados pasta mentol+carvacrol

“Hai aínda moito por facer neste mundo dos acaricidas orgánicos, sobre todo na súa aplicación e combinación con prácticas de manexo”

Os distintos produtos foron probados nunha fase inicial en colmeas da aula de apicultura experimental da Universidade de Gran Canaria, onde desenvolve o seu labor docente e investigador Anselmo Gracia. Con estes ensaios fóronse dando pasos para ir modificando o desenvolvemento galénico dos tratamentos.

As cremas secábanse moi rapidamente unha vez aplicadas na colmea, mentres a pasta sólida mantiña moito mellor a súa estrutura transcorridos 15 días ou un mes da súa aplicación

“Detectamos tratamentos que se secaban ou cristalizaban, reaccións nas abellas moi defensivas e afectacións á estabilidade da cera. Hai aínda moito por facer neste mundo dos acaricidas orgánicos, sobre todo na súa aplicación e a súa administración dependerá da temperatura ambiental ou do nivel de ocupación das colmeas, factores dos que depende o seu vaporización e eficacia”, explica.

Hai que combinar estes tratamentos orgánicos con manexo biotécnico, retirando os cadros de cría cando se aplican

“Os resultados non son moi alentadores, hai que combinar estes tratamentos orgánicos con manexo biotécnico, como pode ser quitar os cadros de cría cando se aplica o tratamento. Realizouse unha proba tratando con ácido oxálico por goteo e sacando os cadros de cría pechada no momento de aplicar o tratamento e viuse unha eficacia maior”, indica.

colmenar Leon

“Hai que cambiar o chip e non depender só dun tratamento porque non hai tratamentos milagreiros 100% eficaces”

Patricia Combarros Fortes é veterinaria especializada en sanidade e produción apícola e foi a encargada de avaliar a eficacia acaricida destes tratamentos en condicións reais, en colmeares experimentais de Castela e León e Galicia, así como o comportamento das abellas e os posibles efectos sobre elas.

Realizouse unha avaliación previa inicial do vigor das colmeas (cadros ocupados con abellas, cadros de cría e reservas de mel e pole) e do nivel de afectación por varroa (grao de parasitación), seguindo o criterio de reconto do Ministerio de Agricultura, cun baremo de 6 niveis que vai desde moi leve (1 acaro ao día) a moi grave (cando se recollen máis de 25 ácaros ao día).

O recomendable tería sido aplicar os tratamentos antes de que houbese un nivel tan elevado de cría nas colmeas

Para estimar o nivel de infestación utilizouse o método de cálculo de varroa forética (a que está adherida á abella). Aínda que se estima habitualmente que 10.000 abellas correspóndense cun kg de abellas, atopáronse diferenzas importantes de peso, polo que se optou polo cálculo real en 100 abellas. As diferenzas de peso débense a varios factores, como a presenza de zánganos ou a cantidade de mel que inxire a abella no momento de abrir a colmea, aplicar fume e recoller as abellas.

No momento de aplicación do tratamento, que durou un mes nos catro casos, avaliouse a súa eficacia contando diariamente a cantidade de varroas que caían na bandexa do fondo sanitario da colmea. Tras este período retirábanse os restos do produto e despois aplicábase un segundo tratamento de seguridade con Apivar, un medicamento convencional antivarroa comercializado por Véto-pharma e cuxo principio activo é o Apitraz, para comprobar o grao de eficacia dos tratamentos previos.

Comportamentos dispares e resultados non concluíntes

Os resultados logrados nos distintos apiarios experimentais variaron en función do tipo de aplicación. No caso do xel timol+mentol, o 44% das colmeas presentaron unha redución ou estabilización dos niveis de varroa, mentres co oleogel timol+ácido oxálico, os resultados foron un pouco mellores, xa que o 56% das colmeas presentaron unha redución ou estabilización do grao de infectación.

O tratamento con pasta mentol+carvacrol foi o que mellor funcionou nos colmenares do noroeste

No caso da pasta de mentol+carvacrol produciu resultados moi bos nalgunhas colmeas e moito menos eficaces noutras, existindo unha gran variabilidade, aínda que foi o tratamento que mellor funcionou nos colmenares do noroeste, cun 75% das colmeas con redución ou estabilización dos niveis de varroa.

“Foi complicado atopar unhas conclusións comúns a todas as colmeas e unha análise estatística pola variabilidade de datos, porque cada colmea comportouse dunha forma distinta”, recoñece Patricia, que considera que “a primavera inestable que tivemos este ano no noroeste, con altibaixos importantes de temperatura, afectou ao desenvolvemento e crecemento das colonias e tivemos colmeas pouco poboadas e ás que lles custou arrincar, con niveis de cría moi baixos e reservas de mel e pole moi escasas”, argumenta.

Axitación e instinto de limpeza

En canto aos efectos sobre as abellas, o tratamento en xel a base de timol+mentol fai que as colmeas se poñan agresivas e as abellas desenvolvan rapidamente o seu instinto de limpeza daquilo que lles molesta, un comportamento que sen embargo non se produce co oleogel de timol+ácido oxálico. No tratamento con pasta de mentol+ carvacrol as abellas propolizan a tira, o que tamén indica que é un produto agresivo para elas, e mesmo nalgúns casos paralizaron a posta durante a aplicación do tratamento, aínda que despois reactivouse sen maiores problemas.

Os resultados non son tan bos ou concluíntes como esperabamos, porque hai gran variabilidade, o que impide sacar estatísticas uniformes, pero animan a seguir investigando

“Hai que cambiar o chip e non depender unicamente dun tratamento, porque non hai tratamentos milagreiros e ningún tratamento é 100% eficaz, polo que hai que vixiar a colmea e actuar no momento adecuado. Os tratamentos actuais ben aplicados e combinados con determinadas prácticas de manexo son eficaces, pero se esperamos a que a colmea estea moribunda non haberá nada que facer. Retirar cría de zángano ao comezo da campaña ou reducir o nivel de cría da colmea son prácticas eficaces”, asegura Patricia.

“A varroa é sen dúbida o problema máis grave que temos hoxe na apicultura a nivel mundial”

colmenar Benigno

Benigno Basteiro, nunha das visitas a un dos seus colmeares na provincia de Ourense

O proxecto Varroaform contou coa colaboración de tres apicultores profesionais de Galicia (Benigno Basteiro), Castela e León (Urbano González) e Castela-A Mancha (Agustín Arias), que prestaron os seus colmenares para probar en campo os novos produtos antivarroa.

Agustín Arias Martínez é apicultor en Azuqueca de Henares (Guadalaxara) e testou a eficacia dos novos tratamentos en dous colmeares experimentais, un con 32 comenas layens e outro con 32 colmeas langstroth, para observar posibles diferenzas de efectividade en función do tipo de colmea na aplicación das catro formulacións: GelTimen, Oleoxel, Pasta mentol+ carvacrol e Vasoxatim (formulación en pasta de vaselina filante, ácido oxálico e timol que se introduce pola piqueira sobre unha tira).

“O grado de eficacia está aínda por determinar, pero observamos reducións desde os niveis de infestación inicial tras un mes de tratamento”, indica Agustín, que recoñece que “a varroa é sen dúbida o problema máis grave que temos hoxe na apicultura a nivel mundial”.

A varroa é un parasito moi complicado e cada colmear é distinto, mesmo cada colmea

Urbano González Escapa, da consultora Urzapa, que leva 12 anos axudando a apicultores afeccionados a profesionalizarse e a pasarse de convencional a apicultura ecolóxica, puxo ao dispor do proxecto Varroaform un colmear experimental en Cerezales del Condado, a 20 km de León, con 40 colmeas langstroth.

“A varroa é un parasito moi complicado e cada colmenar é distinto, mesmo cada colmea”, afirma. Unha das súas conclusións é que “trala aplicación dos tratamentos observamos unha maior agresividade nas abellas a respecto doutros colmenares nosos que non participaron no experimento”, di, aínda que o achaca non só ao efecto dos produtos aplicados senón tamén ao número de visitas realizadas para seguimento. “Foron máis de 25 visitas nun ano e as abellas tamén se cansan de nós”, asegura.

Houbo parada de posta durante a aplicación dos tratamentos e temiamos que as colmeas puidesen mesmo quedar zanganeiras, pero recuperáronse moi ben

Finalmente, Benigno Basteiro probou a eficacia dos tratamentos nun colmear con 32 colonias situado na zona de alta montaña na provincia de Ourense, a 800 metros de altitude. “Houbo mesmo parada de posta durante a aplicación dos tratamentos, polo que temiamos que puidesen mesmo quedar zanganeiras, pero recuperaron moi ben e están a día de hoxe nun moi bo estado para afrontar o parón invernal, a pesar de que por culpa da covid-19 tardamos moito en tratar e o nivel inicial de varroa era alto”, indica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información