Madeira

Timbertrack, un sistema para etiquetar a madeira desde a súa corta no monte

A innovación, que xa se probou no sector forestal galego, busca mellorar a trazabilidade da madeira e a xestión de datos asociados á mesma

L. Martínez 13/10/2021 1:38 p.m.

O grupo operativo Timbertack propúxose levar a cabo unha solución práctica para que todo o volume de información do que dispón o sector forestal estea máis accesible. Búscase mellorar tanto a trazabilidade da madeira como a súa propia xestión. Idearon así un sistema de etiquetaxe no monte, no momento da curta das árbores, para conseguir ofrecer mellor acceso aos datos a todos os elos da cadea forestal.

"Cada vez hai máis elementos de recollida de datos no sector forestal e é unha pena que a esa información non se lle saque todo o partido, xa que é de gran interese para toda a cadea, para a industria en primeiro lugar, pero tamén para os propietarios ou as empresas de loxística", explica Jesús Martínez, coordinador do proxecto e responsable da empresa FMC Forestal e Medioambiente Consultores.

"Cada vez hai máis elementos de recollida de datos no sector forestal e é unha pena que a esa información non se lle saque todo o partido, xa que é de gran interese para toda a cadea": Jesús Martínez, FMC Forestal e Medioambiente Consultores 

Hoxe en día, a propia maquinaria de corta mecanizada ofrece xa un importante volume de información. A ela súmase a documentación sobre a xestión que se fixo da plantación ou do monte e que tamén é determinante para a comercialización da madeira. "Buscabamos a posta en valor de todos os datos que facilita a maquinaria e a información sobre a xestión forestal da madeira ou a biomasa, xa que teñen un gran interese", xustifica Jesús Martínez.

Así, o principal obxectivo deste grupo operativo era deseñar e desenvolver un sistema de etiquetaxe e marcado para tronco e lote de madeira que permitise que toda a información recollida por un crecente número de sensores dispoñibles na máquina forestal poida ser posta en valor e permitir xestionar a madeira da forma máis eficiente posible en termos de custo, trazabilidade e sustentabilidade.

Aínda que houbo iniciativas anteriores no norte de Europa que traballaron co mesmo obxectivo, tal e como recoñecen os promotores do proxecto, a diferenza de agora, a tecnoloxía non estaba aínda desenvolvida para conseguilo. O proxecto Timbertrack deseñou non só as etiquetas, senón os dispositivos para a súa colocación e lectura, así como o programa necesario para manexar toda a información solicitada.

Ademais, traballaron nun plan de implantación no que contemplan como levar estas innovacións ao sector. "Buscamos que a solución aterre no sector, que poida ser utilizada polas empresas que o integran en toda España, xa que non é unha proposta para unha soa firma", reivindica Jesús Martínez, coordinador do grupo operativo. A súa aposta pasa por unha implantación rexional.

Tras dous anos de traballo, deron a coñecer os pormenores do proxecto nunha presentación virtual realizada en días pasados e coordinada polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, un dos integrantes do grupo operativo. No proxecto tamén participou o Centro Tecnolóxico Metalmecánico e do Transporte (Cetemet), que se encargou do deseño da ferramenta de etiquetaxe da madeira.

Pola súa banda, a empresa tecnolóxica Emergya desenvolveu o software para manexar os datos solicitados e a firma Myruns levou a cabo o deseño das etiquetas e elementos auxiliares para a súa lectura. Tamén colaboraron outras empresas do sector forestal como Finsa e Dingoma.

As etiquetas

Para lograr canalizar o volume de información optaron por utilizar etiquetas RFID, de identificación por radiofrecuencia. "As etiquetas permítennos enlazar a materia física con todos os datos que xa temos e que hoxe en día é difícil explotalos de forma eficiente", detalla Jesús Martínez. Este tipo de etiquetas, moi utilizadas en distintos sectores, son automáticas, económicas e non precisan batería.

Son etiquetas pensadas para a corta automatizada e manual. Trátase de elementos cos que identificar a madeira para a súa trazabilidade

"O sistema RFID é unha tecnoloxía transversal e que permite identificar gran cantidade de elementos", apunta Jokin Manzanas, da firma Myruns, encargada do desenvolvemento das etiquetas e os sistemas de lectura das mesmas. "Seleccionamos unha etiqueta RFID adecuada para a madeira maciza, xa que cada material interfire de distinta forma no funcionamento da radiofrecuencia", detalla Manzanas.

[caption id="attachment_153911" align="aligncenter" width="660"] Etiquetas desenvolvidas por Myruns para o proxecto Timbertrack.[/caption]

As etiquetas codifícanse de tal xeito que cando pasan por un punto de lectura, como pode ser un arco de lectura, proporciona a información para a trazabilidade da peza. Están pensadas non só para o proceso de corta mecanizada senón tamén manual. "Non se trata de marcar toda a madeira de forma individualizada. Hai industrias, que empregan o material a granel, para as que non ten maior interese acceder a datos de cada peza, mentres que para outras, como a serra ou o desenrolo, si o ten", sinala Jesús Martínez. Así, por exemplo, nas industrias de pasta buscan marcar lotes de madeira no canto de exemplares.

Ademais das etiquetas, Myruns desenvolveu elementos de lectura que lles permitan ler a madeira no monte, nalgún punto da cadea de transporte ou no parque de madeira. "Polo momento non desenvolvemos unha ferramenta de lectura na fase de transporte dos troncos, pero é algo facilmente implementable. Centrámonos máis na fase de corta e na entrada na industria", concreta Jesús Martínez.

[caption id="attachment_153917" align="aligncenter" width="660"] Sistemas desenvolvidos por Myruns para a lectura nas distintas industrias forestais.[/caption]

As etiquetas contan cun alcance de lectura de até 15 metros, polo que se contempla colocar sistemas de lectura en puntos específicos e estratéxicos da cadea de subministración. Desenvolveron tanto lectores manuais e fixos deseñados especialmente para o momento da corta da madeira e o seu control na industria transformadora, así como arcos de lectura.

A súa colocación

Para colocar esta etiqueta na madeira avogan por unha solución automatizada que podería integrarse nos cabezais procesadores que traballan no monte. "A idea é moi sinxela aínda que algo complexa a nivel tecnolóxico, xa que hai unha gran variedade de cabezais, polo que supuxo un reto no proxecto", apunta o coordinador do grupo operativo.

Unha vez desenvolvida a etiqueta e elixida a súa mellor localización no tronco, o Centro Tecnolóxico Metalmecánico e do Transporte desenvolveu un dispositivo que se integra no cabezal de corte da procesadora e grapa a etiqueta no tronco unha vez que foi cortado.

"Para desenvolver este dispositivo tivemos en conta os tempos de execución no proceso de corte, o máximo aproveitamento da materia prima e as condicións atmosféricas ás que están sometidas os troncos", indica Juan Antonio Cordón, técnico de I+D+i do Cetemet, centro especializado en ofrecer servizos tecnolóxicos directos a empresas ou realizar proxectos de innovación e cunha ampla experiencia nos sectores de transporte e na enxeñaría de procesos.

[caption id="attachment_153914" align="aligncenter" width="660"] Prototipo del sistema de etiquetado automático y soporte diseñado para su acoplamiento a los cabezales de las procesadoras forestales.[/caption]

Trátase dun dispositivo móbil que inclúe unha posición recollida que evita interferir coa ferramenta de corte da procesadora e que se cambia para a etiquetaxe do tronco unha vez este foi cortado. O dispositivo probouse xa nun banco de etiquetaxe que tamén deseñaron en Cetemet. "O prototipo pódese integrar en moitos cabezais comerciais, só sería necesario deseñar un soporte que se adapte ao bastidor do cabezal procesador", especifica Cordón. Ademais, apuntan que a integración deste dispositivo no cabezal procesador non suporá un impacto nin físico para a máquina nin un importante desembolso económico.

Xestionar os datos

O grupo operativo tamén incluía o manexo dos datos, para o que se levou a cabo o desenvolvemento dun software concibido para facilitar a trazabilidade da cadea da madeira archivando toda a información nunha mesma plataforma. Con todo, esta plataforma topouse de cheo cun sector, no que é habitual que esa trazabilidade se leve a cabo dunha maneira manual, o que supuña unha maior carga de traballo.

Ademais, na recompilación de datos, atopáronse con sistemas totalmente descentralizados, no que cada empresa conta cos seus sistemas, segundo explica Francisco Martínez, da consultora tecnolóxica Emergya, encargada do deseño do software. Tras un traballo en colaboración co sector para adecuar a nova plataforma ás necesidades dos distintos elos da cadea, o resultado é unha plataforma que permite acceder e procesar os datos de forma unificada.

Aproveitando toda a infraestrutura dispoñible para a lectura das etiquetas RFID deseñaron o prototipo dun sistema preditivo de entradas e saídas da madeira, baseado nos históricos de movementos da madeira no almacén. "Todos estes datos de entradas e saídas quedan rexistrados nunha base de datos e poden estudarse para tentar predicir a demanda, o que pode axudar na toma de decisións da empresa", valora Francisco Martínez.

[box style="0"]

Beneficios de Timbertrack no sector forestal

Recollemos a continuación algúns dos principais beneficios de Timbertrack para os distintos elos da cadea forestal, sinalados polos integrantes do grupo operativo:

Propietarios forestais

-Facilita o proceso de certificación.

-Proporciona información en tempo real da localización e o estado da madeira.

-Ofrece maiores garantías no control da madeira.

-Permite optimizar a ordenación e silvicultura do monte.

Contratistas forestais

-Permite unha mellora na loxística dos equipos e maquinaria forestal.

-Facilita o control da calidade das operacións.

-Asegura un rexistro de diversos datos no proceso de aproveitamento da madeira.

-Permite o monitoreo automático e continuo das operacións.

Intermediarios da madeira

-Facilita o acceso e a información sobre a madeira que xestionan.

-Transparencia completa sobre a orixe da madeira.

-Accesibilidade á información asociada, de gran interese para os seus clientes.

-Mellora na eficiencia da cadea de subministración.

Empresas de loxística

-Mellora a optimización do transporte ao posuír información detallada do produto.

-Simplifica o proceso de recepción da madeira nas industrias tranformadoras.

-Facilita a optimización das frotas.

Industria forestal

-Ofrece o acceso a un gran volume de datos e información de alto valor para a mellora dos seus procesos.

-Simplifica o manexo e control da liña de fluxo, conservando todos os datos de procesamento e produción.

-Permite coñecer o estado de subministración en tempo real optimizando o uso dos recursos.

-Facilita a xestión de riscos en materia de subministracións de procedencia ilegal.

-Contribúe a mellorar a xestión dos sistemas de certificación forestal e os procesos da madeira.

Avaliadores

-Ofrece fácil acceso ao recurso que deben avaliar, ao dispor de históricos de datos.

-Permite a integración dos datos que o sistema xestiona nos seus procesos.

-Posibilita prestar servizos con maior eficiencia ao coñecer, en tempo real, como ten lugar o fluxo de madeira entre os distintos actores da cadea de subministración.

Administracións

-Permite dispor dunha potente fonte de datos que lles facilitará o seu labor de control e xestión do recurso, coñecendo en todo momento o estado do mesmo.

-Facilita o deseño de políticas de fomento e a aplicación de áreas de inventario forestal.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada