Cando unha colmea está forte, o natural é que saia un enxamio. Algo parecido lle pasou a Uxío Veiga. Para David, o seu fillo, as abellas son o que as vacas para outros mozos do rural galego: criouse entre elas e desde pequeno tomou contacto co oficio axudando na casa. Despois formouse e hoxe xa voa só, cunha explotación que está a medrar e que busca garantir a rendibilidade pero mantendo o sistema tradicional de producir mel en Galicia nas últimas décadas.
David representa esa remuda xeracional que está a tomar o relevo no sector apícola galego. Os seus pais, Uxío e María, comezaron con dúas colmeas antes de que el nacera e manteñen hoxe unha explotación profesional con 10 apiarios repartidos polos concellos de Sarria, Láncara, O Incio, Bóveda, A Pobra do Brollón e Samos. David, o máis pequeno de tres irmáns, seguiu os seus pasos. Conta hoxe xa con 400 colmeas propias pero quere chegar ao dobre “para que deixe un soldo digno cando hai un ano malo”.
Os seus pais, Uxío e María, comezaron con dúas colmeas antes de que el nacera e manteñen hoxe unha explotación profesional con 10 apiarios repartidos polos concellos de Sarria, Láncara, O Incio, Bóveda, A Pobra do Brollón e Samos
A base de operacións tanto de David coma dos seus pais atópase no lugar de Crecente, na parroquia de Santa María de Vilar, en Sarria. Alí está a casa familiar e a sala de extracción e envasado do mel. Alí faise o traballo “coma toda a vida: pélase co coitelo, os panais van para a centrifugadora e o mel que sae repousa no madurador antes de ser envasado”, explican. “Desde que recupere un pouco o investimento inicial que tiven que facer para montar os colmeares quero mercar algo de maquinaria para axilizar o proceso de extracción pero sen perder a esencia do produto final”, di David.
“Como o manexo que fago é o de toda a vida, o sabor tamén o é. Este mel sabe ao que sempre se colleu nas casas”, asegura. David pretende seguir aumentando o seu número de colmeas até acadar unha cantidade que lle asegure unha rendibilidade mínima. “A miña idea é chegar a 700 ou 800 para dar atendido sen ter que meter xente”, xustifica.
A miña idea é chegar a 700 ou 800 para que deixe un soldo digno se vén un ano malo e dar atendido sen ter que meter xente
Pensa que “o sector ten capacidade para seguir medrando en Galicia” e defende que “cantos máis sexamos mellor”. Cando tomou a decisión de deixar o traballo para adicarse profesionalmente á apicultura, fixo cursos de formación de iniciación no CFEA de Monforte, de perfeccionamento na Escola Galega de Apicultura de Allariz e de fecundación instrumental de raíñas en Madrid. “Trato de facer algún curso todos os anos, porque sempre coñeces xente e sacas amigos daí”, destaca.
Descenso da produción
O manexo das colmeas que fai este mozo é o mesmo que xa facían os seus pais, pero hai unha diferenza evidente de cando comezaron Uxío e María a hoxe. “Os anos bos que había antes, cando se sacaban 30 ou 35 quilos por colmea, non volven”, di Uxío. “Agora o normal está entre 10 e 12 quilos, un ano moi bo podes chegar a 20 como moito”, compara David. Hai tamén menos estabilidade e a produción volveuse moito máis variable. “Este último ano saquei a metade, sobre 4.000 quilos, cando nun ano normal había que sacar o dobre”, explica.
Os anos bos que había antes, cando se sacaban 30 ou 35 quilos por colmea, non volven
Entre os factores aos que achaca o descenso na produción están o cambio climático, a varroa ou a vespa asiática. Na zona que el traballa (9 colmeares repartidos pola comarca de Sarria), “o cambio climático e a varroa case son máis problema que a velutina”, di. “Aquí aínda non temos a infección que hai na costa e o ano pasado, por exemplo, non afectou moito porque veu mal tempo ao principio para as abellas e tamén para as velutinas”, remarca.
Loita contra a velutina e a varroa
O traballo tamén se multiplicou con respecto a cando empezaron os seus pais. “A apicultura cambiou moito, eu acórdome de pequeno que era poñer as alzas e as tiras para a varroa e listo. Hoxe hai traballo todo o ano, entre limpar e desbrozar os colmeares, poñer cera, tratamentos, renovar as trampas para a velutina, etc. Mínimo hai que ir cada 15 días ao colmear, non é só ir sacar o mel”, evidencia.
A apicultura cambiou moito, hoxe hai traballo todo o ano, mínimo hai que ir cada 15 días ao colmear, non é só ir sacar o mel
O que David e Uxío fan para minimizar os ataques da vespa asiática ás colmeas é colocar trampas para a captura de raíñas. “Trampeamos a partir da primeira revisión, desde mediados de febreiro ata maio ou xuño e colocamos piquera antivelutina ao final do verán, para que non entren dentro en agosto e setembro”, explican.
Para a varroa tratan con Apivar, seguindo as recomendacións de Gonzalo Calvo, o veterinario da Asociación Galega de Apicultura, da que forman parte. “Seguiremos con este tratamento mentres non cree resistencia. Non estamos en ecolóxico porque dá máis traballo, porque hai que comprobar que o tratamento foi efectivo e en moitos casos volver tratar”, argumenta David.
A eiva da comercialización
Ao coidado das abellas hay que sumar tamén a labor de comercialización do mel. David vende o seu produto a nivel local e en tendas de alimentación, froitarías, panadarías e carnicerías da comarca, da cidade de Lugo e de Monforte. Polo de agora etiqueta coa marca conxunta que a Asociación Galega de Apicultura ofrece aos seus asociados, aínda que está a valorar crear a maiores a súa propia marca para diferenciarse no mercado con determinados produtos.
Eu prefiro traballar coas abellas, aínda que te obriguen a madrugar e che pique algunha de vez en cando
Polo de agora non o fixo porque “se eres produtor, poñerte a comercializar é outro traballo a maiores, moi distinto ademais”, recoñece. “Eu prefiro traballar coas abellas, aínda que te obriguen a madrugar e che pique algunha de vez en cando, pero haberá que poñerse e ir aprendendo pouco a pouco, porque esa é a gran eiva que temos os apicultores”, considera. “Temos un produto bo e temos que saber como vendelo, temos que mellorar niso”, asegura.
Diversificar para reducir os riscos
Unha das estratexias que este mozo está a seguir para valorizar o seu produto é diversificar. “Tratamos de producir mel, pole e núcleos, porque deste xeito se vén un mal ano de mel poder compensar co resto. Eu agora neste momento vendo poucos enxamios porque estou medrando, pero os meus pais venden uns 100 núcleos ao ano para aforrar traballo e non ter que andar con tanto peso á hora de sacar o mel”, conta David. Entre os caracteres que seleccionan á hora de facer os novos enxamios están os da produción e limpeza, algo que considera importante para combater enfermidades como a varroa ou o locke americano.
Tratamos de producir mel, pole e núcleos para poder compensar se vén un mal ano de mel
Outro dos produtos apícolas polo que están a apostar é polo pole. “Aquí practicamente non se coñece pero cada vez é máis demandado”, asegura. Trátase dun produto laborioso e que require de certo investimento. “Dá traballo, porque hai que ir ao colmear a sacalo cada dous días e no noso caso son rutas longas nas que facemos máis de 100 quilómetros, e tamén gasto, porque tes que ter un secadeiro e gastas en luz”, conta David.
Producen entre 1.000 e 1.500 quilos por tempada, que comercializan deshidratado. Trátase dun pole con bastante variedade floral, que se aprecia na súa diversidade cromática: o de silva é verdoso, o de castiñeiro amarelo, o de queiroga marrón claro e o de vigorera violeta.
O pole dá traballo e gasto, pero é un produto cada vez máis demandado
Para colleitalo instalan unhas trampas nas piqueras para que as abellas ao chegaren cargadas co pole nas súas patas o vaian deixando antes de almacenalo nas celdiñas de cera. Iso require estar moi pendente. O proceso posterior tamén é máis complicado ca o do mel. “Recollemos cada dous días o pole no colmear, logo facemos unha limpeza e vai ao conxelador un mínimo de 3 ou 4 días para que se vén algunha larva morra e despois pasa ao deshidratador para que se conserve. Antes de envasalo aínda lle facemos outra limpeza a maiores”, explica David.
Cada vez a xente ten máis información do produto e sabe que se cristaliza é porque é natural. Fai anos dicíanche que era porque lle botabas azucre ao mel
O mel tamén é multifloral, aínda que o da última colleita resultou cun 74% de castiñeiro na analítica polínica realizada, polo que entraría dentro dos parámetros para ser considerado monofloral. “Extraemos en dúas veces por comodidade nosa, pero até agora non nos adicamos a sacar monoflorais”, indica. O seu mel leva castiñeiro, silva, brezo e algo de mielato nun dos colmeares. “Por aquí o que non hai é eucalipto”, di.
O seu pai, Uxío, que trata de contaxiar agora a afección polas abellas ao seu neto Nico, valora que hoxe o consumidor estea máis informado e demande calidade. “Cada vez a xente ten máis información do produto. Moita xente sabe, por exemplo, que a cristalización do mel é unha garantía de que se trata dun produto natural, pero fai anos dicíanche que era que lle botabas azucre”, lembra.