Subas xeneralizadas en Silleda, tras tres semanas sen poxas polo paro do transporte

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha gran afluencia de gando, que bate as marcas dos últimos 3 anos, ó reactivarse a venda de gando vacún. Incrementos nos prezos de referencia da recría, o vacún maior e os becerros carniceiros. Continúan á alza o porco cebado e os ovos

Subas xeneralizadas en Silleda, tras tres semanas sen poxas polo paro do transporte

Nave de recría este martes, logo de reactivarse as poxas tras 3 semanas sen actividade debido ó paro dos transportes. // Foto Central Agropecuaria de Galicia.

Logo de tres semanas sen celebrarse as poxas da Central Agropecuaria de Galicia Abanca debido ó paro do transporte, na sesión deste martes rexistráronse un total de 1.379 animais, a maior asistencia dende o 31 de xullo de 2018, cando acudiran 1.476 animais. Contribuíu a esta marca a asistencia de becerros de recría, con 914 exemplares, a maior dende o 14 de xaneiro de 2020, cando acudiran 940.

Por outra banda, a Central acadou o seu récord histórico en volume de transaccións, ao sumar as diferentes poxas 821.947 euros e superar os 817.504 euros, que ata este martes era a maior cantidade, e que se acadara o pasado 8 de marzo, que ademais foi a última poxa realizada antes do paro dos transportes e que sirve de referencia para os prezos desta semana.

Na categoría de becerros de recría rexistrouse unha facturación salientable, 195.237 euros, a maior dende o 31 de xullo de 2018, cando se facturaran nesta categoría 227.100 euros. Esta cifra veu motivada pola gran asistencia nesta categoría e tamén polo seu prezo medio, o maior deste ano ó situarse nos 216,69 euros. Ademais, na categoría de becerros carniceiros acadouse o récord absoluto da Central en canto ó seu prezo medio, con 954,68 euros que rebasaron os 918,08 euros do 25 de xuño de 2019, cifra que ata agora supoñía o prezo medio máis alto desta categoría no mercado.

Cotizacións de referencia do vacún

Nesta sesión tamén se apreciou unha suba xeneralizada dos prezos medios das cotizacións do vacún en tódalas categorías, con referencia ós manexados na última sesión celebrada, a do pasado 8 de marzo. Facemos unha comparativa entre os prezos deste martes e as últimas cotizacións, para coñecer as tendencias dos prezos, pero cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

No caso da recría, case tódalas categorías rexistraron subas. No gando de raza frisoa a excepción produciuse nos becerros máis novos, os de menos de 20 días, que tiveron un prezo medio de 78 euros, o que supón 5 euros por debaixo do marcado o 8 de marzo. Mentres, nos tenreiros de entre 20 e 50 días, que ademais supoñen a categoría con maior afluencia do mercado, o prezo medio experimentou unha suba de 22 euros e sitúase nos 125 euros. Nos becerros de máis de 50 días houbo un incremento de 12 euros e acadan os 148 euros.

Na recría de cruces industriais, os becerros máis novos (menos de 20 días) tiveron un prezo medio de 239 euros, o que supuxo un incremento de 49 euros con respecto da última feira. Nos animais de entre 20 e 50 días, o prezo medio foi de 302 euros, é dicir 34 euros máis que o prezo de referencia de comezos de marzo. Nesta sección as femias tamén experimentaron un incremento, neste caso de 45 euros e acadan os 252 euros. A categoría cos becerros de máis de 50 días foi a única que sufriu unha baixada do prezo medio, quedando nos 326 euros, o que supón 64 euros menos.

Tamén cotizaron á alza os becerros carniceiros en comparación cos prezos medios rexistrados na segunda feira de marzo. Os tenreiros frisón tiveron un prezo medio de 909 euros, o que supón 212 euros máis que a última cotización de referencia. Nos becerros de cruzamentos industriais, o prezo medio situouse nos 988 euros, 81 euros máis. Nas femias desta sección, a tendencia foi semellante, cun incremento de 112 euros e atópanse a 856 euros. Nos becerros de Rubia Galega, o prezo medio estivo nos 1.093 euros, 137 euros máis que na última poxa. Nas femias desta raza houbo unha suba de 126 euros, e o prezo medio é de 916 euros. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 1.012 euros, o que deixa unha suba de 188 euros.

O vacún maior experimentou subas en boa parte das categorías. As vacas catalogadas de extra tiveron un prezo medio de 2.097 euros, o que supón 75 euros máis que na última sesión. Nos animais de primeira o incremento foi de 35 euros e atópanse nos 1.158 euros. Nas vacas de segunda o prezo medio é de 788 euros, o que amosa unha suba de 14 euros con respecto da última poxa. A única excepción produciuse nos animais de desfeito, que descontaron 18 euros no prezo medio, que agora é de 451 euros. Nos animais vendidos baixo o selo da IXP Vaca e Boi de Galicia o prezo medio acadou os 3.551 euros, o que supón un incremento de 1.080 euros con respecto do valor medio manexado o 8 de marzo.

Central Agropecuaria de Galicia 05_04_2022

Subas no porcino

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo subas no porco cebado, mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. Así, o porco selecto e o normal tiveron un incremento de 0,06 euros e pasan a cotizarse a 1,505 e 1,480 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, ó igual que nas últimas semanas, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,78 euros e agora sitúanse nun prezo de 1,922 euros o quilo. Os animais de descarte tiveron unha suba de 0,06 euros e cotízanse entre os 0,64 e os 0,7 euros o quilo.

Nos leitóns os exemplares chegados dunha única granxa están nos 69 euros (cun prezo de 3,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 64 euros e teñen un prezo por quilo de 3,2 euros.

No mercado do ovo houbo de novo subas por valor de 0,1 euros en tódalas categorías. Así os ovos da XL cotízanse a 2,28 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 2,04 euros, os da M están 1,86 euros e os da S atópanse a 1,64 a ducia. As galiñas de descarte continúan a cotizarse entre os 0,31 e os 0,38 euros por quilo.

Central Agropecuaria Porcino 05_04_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información