Suba dos prezos dos becerros de recría en Silleda

Os prezos dos becerros de recría e, en menor medida, do vacún maior subiron este martes en Silleda. Sen cambios no porco cebado e nos leitóns e baixada nos ovos. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 30 de xaneiro

Suba dos prezos dos becerros de recría en Silleda

As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca caracterizáronse pola suba dos becerros de recría e, en menor medida, do vacún maior. No porco cebado e nos leitóns non houbo cambios mentres que os ovos baixaron.

Así, nos becerros de recría, os de raza Frisoa subiron de prezo en todas as categorías. En concreto, na categoría de menos de 20 días, a cotización subiu ata os 107 euros por xato, seis máis que na poxa do pasado martes. E na categoría de 21 a 50 días, a máis numerosa e representativa, os prezos tamén remontaron ata unha media de 136 euros por xato, fronte aos 124 euros de media da pasada semana. Na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, o prezo medio subiu ata os 165 euros de media, 4 máis que o pasado martes.

Nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia xeral dos prezos foi tamén á alza. Asi, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias nos machos subiron ata os 290 euros, fronte aos 276 da pasada poxa. E na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos subiu claramente ata os 359 euros de media, fronte aos 327 euros de media por xato do pasado martes. Nas femias o prezo medio foi de 248 euros, 25 máis que na pasada poxa. Nos xatos de máis de 51 días os prezos nos machos tamén subiron ata unha media de 453 euros por animal, fronte aos 432 euros de media da última poxa. Sen embargo, nas femias houbo a excepción: caeu o prezo medio ata os 303 euros, fronte aos 346 do pasado martes.

Leve suba do vacún maior

No vacún maior o prezo experimentou unha leve suba en categoría primeira e en desvelle. Deste xeito, quedaron en 1.086 euros de media en categoría primeira, 720 en segunda -a máis numerosa- e 467 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.077, 720 e 462 euros, respectivamente.

SILLEDA_VACUN_XANEIRO_18_4

Sen cambios en porcino e baixada nos ovos

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse baixar por terceira semana consecutiva os prezos dos ovos: 0,03 euros a ducia na categoría XL, que quedou en 1,74 euros; 0,04 na L, que queda en 167 euros e 0,05 euros nas categorías M e S, que rematan en 1,56 e 1,24 euros a ducia, respectivamente.

As galiñas de desvelle mantivéronse nun intervalo de entre 0,10 e 0,17 euros o quilo.

Na Lonxa de Madrid  o coello tamén non sufriu cambios e fixouse o prezo en 1,55 euros o kilo.

En canto ao porco cebado, a mesa de cotizacións acordou manter as cotizacións da pasada semana. Así, o prezo para as categorías Selecta e Normal segue en 1,060 e 1,035 euros por quilo, respectivamente; a Canle II queda en 1,344 euros por quilo e no desvelle, as cotizacións quedaron tamén sen cambios nun intervalo de prezos de entre 0,67 e 0,73 euros o quilo.

En Alemaña, país de referencia para os prezos do porcino en Europa, o porco cebado quedou estable esta semana nos 1,300 euros o quilo, unha tendencia á estabilidade que se estendeu ao resto de países da Unión Europea.

En canto aos leitóns, acordouse manter as cotizacións nos 46 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 51 euros para os procedentes dunha única explotación.

SILLEDA_porcino_XANEIRO_18_4

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información