Suba dos becerros pintos e cruzados de máis de 3 semanas en Silleda

As femias de cruce industrial destinadas a matadoiro baixan 60€, mentres as vacas de desvelle seguen en prezos elevados

silleda_poxa_standar

A Central Agropecuaria de Galicia segue a manter a tendencia das últimas semanas, co vacún maior pagándose a prezos altos e os xatos mamóns de máis de 3 semanas, tanto pintos como cruzados, acadando revalorizacións de entre 10 e 20 euros. 

Na sesión celebrada este martes na feria de gando de Silleda continuaron as subas dos becerros pintos de entre 20 e 50 días de vida, mentres baixaron, con respecto á semana pasada, os de menos de tres semanas. O mesmo aconteceu cos de cruce, que no caso de xatos de máis idade (dous meses) acadaron de media os 376 euros, 23€ máis que a semana pasada.

As vacas de categoría extra seguen a pagarse a máis de 2.000€

No que respecta ao vacún maior, rexistráronse lixeiros descensos na cotización das vacas de categoría superior (extra, primeira e segunda), mentres as de desfeito acadaron unha importante revalorización, volvendo aos niveis de hai dúas semanas e cotizando de media a 459€.

En canto aos becerros carniceiros, practicamente repetiron os prezos das últimas semanas, cos xatos cruzados machos a 987€ e as femias a 800€. Neste caso si que se nota unha tendencia á baixa nos últimos 15 días (77€ menos que na última subasta de agosto e 63€ menos que a semana pasada).

O diferencial do cruce industrial con respecto á raza rubia galega foi esta semana en Silleda de só 50€ no caso dos machos e 125 no caso das femias

No resto de sectores gandeiros, os ovos subiron de novo cinco céntimos en todas as categorías por segunda semana consecutiva, cotizando a ducia XL tanto de ovos brancos como mouros a 2,55€.

En canto aos porcos, manteñen a cotización despois da suba xeralizada en todas as categorías da semana pasada.

A táboa completa das cotizacións da poxa deste martes 13 de setembro celebrada na Central Agropecuaria de Galicia pódese descargar no seguinte enlace

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información