Suba do porcino e dos becerros de recría en Silleda

Nas mesas de prezos acordouse subir os prezos do porco cebado e dos ovos. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 20 de setembro

Suba do porcino e dos becerros de recría en Silleda

As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia /Abanca caracterizáronse pola suba dos prezos dos becerros de recría, principalmente os de Cruce Industrial. Nas mesas de prezos acordouse subir os prezos dos ovos e do porco cebado.

Nos becerros de recría de raza Frisona a tendencia foi irregular, con subas nos de menos de 20 días e máis de 51 e unha lixeira baixada no tramo intermedio. Así, os de menos de 20 días, pagáronse a unha media de 92 euros, fronte aos 79 da pasada semana. Con todo, a cifra representativa é a dos de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, onde a media foi de 108 euros por xato, dous menos que o prezo medio pagado o pasado martes. Pola contra, nos tenreiros de máis de 51 días os prezos experimentaron a maior suba, ata situarse nunha media de 148 euros, fronte aos 122 euros da semana anterior.

Nos becerros de Cruzamento industrial as oscilacións nos prezos foron máis claramente á alza. Así, na categoría de menos de 20 días, as cotizacións medias subiron ata situarse nos 253 euros, fronte aos 236 da pasada semana. Na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos subiu ata os 297 euros, dez máis que na última poxa. Nas femias, tamén houbo suba: 214 euros de media, catro máis que o pasado martes. Pola contra, nos xatos de máis de 51 días, o prezo medio baixou ata os 331 euros, unha importante caída en relación aos 376 euros de media da pasada semana.

E se analizamos o vacún maior, a tendencia xeral foi tamén irregular. Deste xeito, quedaron en 1.083 euros de media en categoría primeira, 709 en segunda -a máis numerosa- e 430na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.070 , 716 e 428 euros, respectivamente.

As cotizacións quedaron da seguinte maneira:

silleda_vacun_setembro_16_03

Ovos á alza e coello estable

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse unha semana máis subir as cotizacións en todas categorías, agás na S, onde quedaron nos 0,94 euros a ducia. Pola contra, acordouse subir os prezos da categoría XL un 0,03%, ata os 1,35 euros a ducia, e un 0,03% tamén para a L, que se situou nos 1,22 euros, mentres que para a M a suba acordada foi do 0,020% ata acadar os 1,13 euros a ducia.

Nos coellos, en Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, acordouse manter os prezos sen cambios nos 1,55 euros o kilo.

Suba no porco cebado

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou unha lixeira suba dos prezos, tras varias semanas sen cambios. Así, as categorías Selecta e Normal subiron un 0,010%, ata quedar nos 1,365 e 1,340 euros por quilo, respectivamente. Para a Canle II acordouse unha suba das cotizacións do 0,013%, ata os 1,740 euros por quilo. E na categoría de desvelle decidiuse aplicar unha suba do 0,03%, de forma que o intervalo de prezos quedou entre 0,77 e 0,83 euros o quilo. En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, os prezos tamén subiron, pero de xeito máis decidido: un 0,050%, mentres que nos demais mercados europeos a tendencia tamén foi á alza, cunha media do 0,030%.

En canto aos leitóns, acordouse manter as cotizacións do pasado martes. Deste xeito quedaron nos 31 euros os procedentes de varias explotacións e nos 36 euros os procedentes dunha única explotación.

Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira:

silleda_porcino_setembro_16_03

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información