Resultados prometedores no uso de descartes de algas galegas como abono e antimildio

Publicidade
Resultados prometedores no uso de descartes de algas galegas como abono e antimildio

O proxecto Algaterra chega ao seu fin. Tras máis de dous anos de traballo, nos que as entidades participantes neste proxecto, lideradas pola empresa PORTO-MUIÑOS S.L., traballaron no desenvolvemento de novos fertilizantes e bioestimulantes baseados en extractos de algas, pódese concluír que os resultados alcanzados neste proxecto son alentadores.

ALGATERRA naceu co obxectivo de elaborar novos insumos agrícolas a partir de descartes procedentes do procesado de algas para uso alimentario, que puidesen ser utilizados tanto en agricultura ecolóxica, como en agricultura convencional sustentable; de tal forma que a partir destes descartes se xerase un novo valor engadido para estes recursos ecolóxicos de alta calidade.

Desde hai xa varios anos España lidera o sector da agricultura ecolóxica en Europa, dedicando unha gran extensión de terreo a este tipo de cultivos. Os insumos utilizados neste tipo de agricultura deben superar dous importantes hándicaps, cumprir coa normativa vixente e ser de fácil alcance para os agricultores do sector. Neste sentido, e partindo da ampla experiencia e tradición que os agricultores da costa galega teñen, en canto ao uso dun recurso tan natural e ecolóxico como son as algas mariñas aplicadas como fertilizantes nas súas plantacións, xurdiu a idea do proxecto ALGATERRA.

Algunhas das especies de algas seleccionadas para desenvolver este proxecto foron wakame (Undaria pinnatifida), leituga de mar (Ulva rígida) ou kombu (Laminaria ochroleuca), pertencentes a distintos grupos de algas con propiedades ben diferenciadas entre si, e que proceden de descartes dos procesos produtivos da empresa PORTO-MUIÑOS: leituga de mar (18 toneladas/ano), wakame (16 toneladas/ano), musgo de mar (1 tonelada/ano) e Saccorhiza polyschides (500 kg/ano), ), ademais doutras especies en menor cantidade.

Baixo as premisas de mínimo procesamiento do produto para evitar a perda das súas propiedades, e a produción dun menor impacto no medio ambiente, desenvolvéronse os novos insumos agrícolas a partir destes subproductos que conteñen grandes beneficios para as plantas e o chan.

Inicialmente traballouse na produción de extractos de algas a escala laboratorio e piloto para aplicar en cada cultivo, realizando así mesmo ensaios de crecemento inducido, de tal forma que se puidese coñecer o rango de actividade e de toxicidade dos mesmos; así como ensaios para atopar as doses óptimas.

Tras realizar as correspondentes análises de control de calidade sobre as algas almacenadas, e en base aos valores medios de nutrientes, metais e microbiolóxicos obtidos, as algas preparadas nos seus diferentes formatos (como fertilizante en campo, como compoñente de substrato de cultivo e como bioestimulante) ensaiáronse en campos de plantación de pataca, leituga e vide. As formulacións e o cálculo das doses realizáronse en función das necesidades nutricionais de cada cultivo, tendo ademais en conta os resultados de análises dos solos e as características nutricionais das algas.

Os resultados do emprego das algas, xa sexa como compoñente de substrato ou como fertilizante, son prometedores. Cabe destacar especialmente a súa capacidade de aumentar a aireación do substrato a medida que a dose de algas é maior, o cal resulta moi útil para airear substratos que tenden ao asolagamento.

Os efectos das algas deshidratadas como fertilizante mostraron efectos similares ou mellores que o tradicional esterco de vacún en cultivos de leituga e pataca.

Así mesmo, os ensaios con bioestimulantes están a dar uns resultados significativamente positivos e moi prometedores nos cultivos obxectivo do proxecto, como o incremento do 74% da produción de pataca comercial con respecto á mostra de control ou o aumento do 48% no peso da leituga con respecto a parcelas control.

Nas seguintes fotografías pódese apreciar o diferente aspecto da plantación da pataca variedade Agre nunha parcela da unha das entidades participantes neste proxecto. Por unha banda, na imaxe da esquerda pódese observar o aspecto da parte aérea do cultvo de pataca no que non se aplicou ningún tratamento (parcela testemuña); na imaxe da dereita apréciase o cultivo de pataca no que se aplicou un dos extractos de algas ensaiados como bioestimulante (B2).

algaterra feuga 1

Nos ensaios na vide non se observaron diferenzas significativas entre a testemuña e as plantas con fertilizante de algas, pero si ao aplicar os bioestimulantes, tanto en maceta como en campo. Observouse un efecto positivo, aumentando a lonxitude do brote e tamaño das follas.

Un dos resultados máis prometedores do proxecto é o potencial do extracto de algas como axente protector e/ou preventivo contra enfermidades fúnxicas da vide, xa que se observamenor incidencia de Mildiu cos bioestimulantes, especialmente se se aplican antes que o inóculo de fungo.

algaterra feuga 2

Segundo isto, e en base aos resultados obtidos nas probas realizadas durante a execución do proxecto ALGATERRA, pódese determinar que a aplicación de principios activos procedentes de algas mariñas aos diferentes cultivos cos que se traballou exerce efectos positivos sobre as plantas a moi baixa concentración.

En consecuencia, pódese concluír que ALGATERRA preséntase como unha alternativa viable para dar resposta á demanda dos agricultores en sistemas de agricultura ecolóxica, facendo máis sustentable de maneira ambiental, social e economicamente a actividade ao redor da industria das algas mariñas galegas, no marco dunha economía verde e circular.

Na execución do proxecto ALGATERRA, ademais da empresa PORTO-MUIÑOS, S.L., participaron tamén a Universidade de Santiago de Compostela a través do Grupo de Investigación de Agronomía e Ciencia Animal, a Misión Biolóxica de Galicia, FEUGA, Horta da Lousa, Riveiro Ecolóxicos e Adegas Terra de Asorei.

O proxecto está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas pola Consellería do Medio Rural co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información