Algaterra presenta o proxecto para usar descartes de algas como insumo agrícola e funxicida nas viñas

A xornada terá lugar o próximo 4 de xullo nas instalacións da Misión Biolóxica de Galicia en Salcedo e inclúe unha visita guiada.

Algaterra presenta o proxecto para usar descartes de algas como insumo agrícola e funxicida nas viñas

O martes 4 de xullo o proxecto de innovación Algaterra, conformado, entre outras entidades, por Muiños, CSIC-Misión Biolóxica de Galicia, Universidade de Santiago e FEUGA, celebra unha xornada gratuíta en Salcedo (Pontevedra), onde se explicarán en detalle as actividades impulsadas e os principais resultados e conclusións.

Os asistentes poderán coñecer o proceso de preparación das formulacións desenvolvidas e os seus formatos (extractos, bioestimulantes) e as probas levadas a cabo en campo, que serviron para comprobar a súa eficacia no cultivo de produtos hortícolas como leituga, tomate e pataca, así como o seu efecto no aumento da resistencia a determinadas enfermidades fúnxicas en vide. Así mesmo, as empresas Horta da Lousa, Riveiro Ecolóxicos e Terras de Asorei mostrarán o seu punto de vista, experiencia e interese na participación neste tipo de iniciativas por parte do agricultor. A sesión finalizará cunha visita guiada polas instalacións da Misión Biolóxica, onde se mostrará aos asistentes os diferentes traballos e ensaios postos en marcha por este centro do CSIC.

ALGATERRA é un proxecto piloto que ten como principal obxectivo elaborar novos insumos agrícolas con refugallos de algas mariñas que se producen na industria alimentaria, e probar a súa eficacia para ser utilizados tanto en agricultura ecolóxica, como en reconversión e tamén para agricultura convencional sostible.

Esta xornada enmárcase nas actividades de divulgación do proxecto, financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal. A asistencia é gratuíta previa inscrición antes do 3 de xullo a través do formulario de rexistro.

Máis información e programa: https://www.feuga.es/wp-content/uploads/2023/06/Programa-Evento-final-04.07.23.pdf

ALGATERRA está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes e prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento total: 182.964,40 €. Subvención: 146.371,52 €. Cofinanciamento UE: 75% Feader.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información