Os ministros de agricultura da Unión Europea reuníronse este luns en Bruxelas nun esperado Consello de Agricultura no que deron os primeiros pasos para responder as demandas de miles de agricultores e gandeiros que desde hai semanas maniféstanse en gran parte dos estados membros.
Baixo a “presión” duns 700 tractores que bloquearon as rúas da capital comunitaria e de centos de agricultores e gandeiros, os ministros adoptaron un primeiro paquete de medidas, á espera dun novo Consello de Agricultura, previsto para o 26 de marzo, no que se concretarán novos cambios propostos pola Comisión Europea.
Como primeira medida, que recibiu o visto e prace dos ministros de agricultura dos 27 estados da UE, é que este ano deberían flexibilizarse as obrigacións de mantemento de pradarías permanentes para os gandeiros en proceso de reconversión, para que non perdan ingresos. Así mesmo, concederíase unha tolerancia aos agricultores que non cumprisen os requisitos da PAC debido a episodios climáticos extremos (secas, inundacións..etc) .
Ademais, os requisitos de presentación de xustificacións aliviaranse e o uso de imaxes satelitais axudaría a reducir as visitas de inspección “até nun 50%”.
Igualmente, nas medidas que teñen que ver coa simplificación da presentación das solicitudes da PAC, acordouse a eliminación dos controis da condicionalidade pola alta carga burocrática que implica para as explotacións de menos de 10 hectáreas de superficie. Esta medida ten un gran impacto no caso de España, xa que beneficia a 345.000 agricultores, o 55 % do total dos perceptores de axudas da PAC.
Por outra banda, a maioria dos Estados membros están comprometidos coa idea de relaxar as condicións de sustentabilidade vinculadas á Política Agrícola Común (PAC). En concreto, os requisitos de cobertura mínima do solo no inverno (BCAM 6), rotación de cultivos (BCAM 7) e cultivos en barbeito ou non produtivos (BCAM 8). A Comisión Europa xa aprobou unha exención parcial destas obrigacións en barbeito, pero varios Estados piden flexibilidades similares en materia de obrigacións de rotación de cultivos.
En canto á ecoloxización da PAC, o comisario europeo de Agricultura, Janusz Wojciechowski, avanzou que a Comisión Europea está a considerar unha maior flexibilidade na interpretación das exencións por forza maior e circunstancias excepcionais, para non penalizar aos agricultores.
Ademais, defendeu que “deberiamos considerar moi seriamente a idea de que certas condicionalidades da nova PAC que limitan a liberdade de produción dos agricultores (BCAM 6, 7 e 8), pero tamén as BCAM 1 (conversión de terras cultivables en pastos permanentes) obterían mellores resultados en forma de ecoloxía voluntaria”. “Os incentivos son mellores que as limitacións”, asegurou o comisario.
Por último, a Comisión Europea tamén proporá de cara á reunión do próximo 26 de marzo que se poidan aumentar as axudas estatais (“de minimis”), para axudar aos agricultores neste período de crise, así flexibilizar os requisitos das axudas estatais para facer fronte aos efectos negativos no sector da guerra de Ucraína.