Publicada a Lei de Calidade Alimentaria para reforzar as producións primarias

O texto asegura a calidade dos produtos alimentarios e a lealdade en transaccións comerciais

Publicada a Lei de Calidade Alimentaria para reforzar as producións primarias

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Lei da calidade alimentaria de Galicia, unha norma que reforza a aposta da Xunta a prol da excelencia, a sustentabilidade e a promoción das producións primarias galegas. O texto legal -que entrará en vigor aos vinte días da súa publicación- establece o marco normativo que permite asegurar a calidade dos produtos alimentarios e que defende a lealdade das transaccións comerciais e dos dereitos e intereses lexítimos dos produtores primarios, operadores económicos e profesionais do sector, así como dos consumidores.

Ademais, a lei fomenta, potencia e garante a produción de alimentos de calidade diferenciada en Galicia e regula o funcionamento dos consellos reguladores como entidades de xestión de figuras de protección da calidade diferenciada. Neste sentido, promove tamén a profesionalización e a participación do sector e aposta, así mesmo, polo consumo e a compra pública de producións de proximidade.

O texto converte a Galicia na primeira comunidade autónoma que regula unha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria, de forma que se establece un sistema baseado nun conxunto de normas encamiñadas a garantir o respecto ao medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria, a protección das persoas traballadoras e a cidadanía, e unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor, especialmente no caso dos operadores primarios.

Tendo en conta estas premisas, a norma recolle a regulación do fomento e do desenvolvemento da produción amparada polos distintivos de calidade diferenciada -como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas-, que recoñecen uns altos estándares de calidade e permíten ás persoas consumidoras recoñecer no mercado estes produtos con maior valor engadido.

Obrigas dos operadores

O texto legal tamén persegue establecer as obrigas dos operadores do sector en relación coa súa actividade como produtores, elaboradores e comercializadores de produtos alimentarios, así como regular a actuación de inspección e control da Administración autonómica e establecer o réxime sancionador ante incumprimentos da lexislación. Tamén, mellorar a eficacia do sistema de control oficial e perseguir as prácticas fraudulentas.

No referente aos consellos reguladores, avógase por unha adaptación ao novo marco legal destas entidades, afondando na súa profesionalización, especialmente no caso dos de menor tamaño, na procura da súa consolidación como eixos fundamentais da calidade diferenciada galega. Así mesmo, poténciase a Axencia Galega da Calidade Alimentaria como eixo fundamental de toda a calidade alimentaria de Galicia, asumindo importantes funcións neste sentido.

A lei publicada hoxe no DOG -xunto coas de recuperación da terra (en vigor) e a futura de loita integral contra os incendios forestais (en elaboración) pecha o ciclo do marco de ordenación e normativo para o rural galego que permite avanzar nas liñas estratéxicas da recuperación, a prevención e a calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información