A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou esta mañá un récord absoluto no prezo pagado por un becerro carniceiro. O animal, procedente dunha granxa de Lalín (Pontevedra), acadou un prezo de 1.754 euros, superando o récord histórico desta categoría na Central que se situaba nos 1.638 euros pagados por un exemplar na puxa do pasado 11 de xullo de 2017. Trátase dun macho nacido en decembro de 2018 e que foi adquirido por unha empresa cárnica de Ourense.
Á marxe do prezo máximo, rexistrouse unha suba xeral na cotización media dos becerros carniceiros. Nos animais de raza frisoa o prezo medio situouse nos 453 euros, 77 por encima dos acadados na feira anterior. A única femia desta categoría vendeuse por 371 euros, 36 euros máis da media rexistrada na sesión pasada. En canto ós becerros de cruces industriais, o prezo incrementouse en 123 euros ata os 920 euros para os machos. No caso da femias a suba foi de 12 euros ata situarse nos 772 euros de media.
Becerros de recría e vacún maior
Namentres, nos becerros de recría a tendencia volveu ser á baixa, aínda que con algunhas excepcións. Nos de raza frisoa, a única suba rexistrouse nos animais de menos de 20 días, que incrementaron en 2 euros o seu prezo ata situarse nos 76 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, o prezo medio situouse nos 90 euros logo de baixar 3 euros. No caso das femias desta sección, a baixada foi de 18 euros ata os 46 euros. Os animais de máis de 50 días baixaron ata os 97 euros, 41 euros menos que na feira pasada. Nas femias, o prezo medio foi de 87 e acusaron a maior baixada desta raza, ó descontar 48 euros do acadado hai unha semana.
A situación foi similar en canto ás razas de cruces industriais. A única suba rexistrouse nos animais de menos de 20 días, que pasaron a cotizarse a 267 euros logo dun incremento de 87 euros. Nas tenreiras, a suba foi de 4 euros para situarse nos 152 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, o prezo mantívose case sen variacións, logo dun leve desconto de 0,10 euros con respecto ó rexistrado a semana anterior e continúa nos 289 euros. Nas femias a baixada foi de 17 euros ata os 176 euros. Nos becerros de máis de 50 días, houbo tamén unha baixada dos prezos que no caso dos machos acadou os 35 euros, ata os 365 euros, e no das femias foi de 4 euros para cotizarse a 262 euros de media.
No gando vacún maior, esta semana as vacas de categoría primeira rexistraron unha baixada do prezo medio de 29 euros para cotizarse a 1.099 euros. As de segunda categoría foron as únicas que rexistraron un leve incremento do prezo, de 8 euros, ata os 723 euros. Mentres, as vacas de desvelle pagáronse a 423 euros, 2 euros menos que a semana pasada.
Sen cambios no porcino e nos ovos
En canto ó porcino, a mesa de cotización decidiu manter sen variacións o prezo do porco cebado. Deste xeito, o selecto e o normal quedan nos 1,485 e 1,460 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense en 1,896 euros o quilo. Nos animais de desvelle, o prezo oscila entre os 0,69 e os 0,75 euros o quilo.
No caso dos leitóns continúa unha semana máis sen cambios. O bacoriño de 20 quilos está nos 54 euros para os animais procedentes dunha única granxa e nos 49 euros para os de varias ganderías. O prezo por quilo é de 2,7 e 2,45 euros respectivamente.
De novo nesta sesión non houbo variacións no prezo dos ovos e os de categoría XL mantéñense a 1,31 euros a ducia, os da L están en 0,99 euros, os da M en 0,96 euros e os da S a 0,81 euros. Tampouco variou o prezo da galiña de desvelle que queda nun intervalo de 0,09 e 0,17 euros o quilo.
En canto ó prezo do coello continúa sen cambios e cotízase a 1,85 euros o quilo na Lonxa de Madrid.