O mercado gandeiro de Pedrafita do Cebreiro acolleu este sábado a tradicional poxa de gando de Rubia Galega organizada por ACRUGA. Saíron a venda seis xovencas preñadas, procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro dependente da Deputación de Lugo, que se adxudicaron moi por riba dos prezos de saída o que supuxo unha media de 2.725 euros.
Finalmente, o gando vendido hoxe foise para explotacións da Golada (Pontevedra), Sarria, As Nogais, O Corgo e da mesma Pedrafita do Cebreiro, un dos municipios con máis peso en canto a explotacións de Rubia Galega e que ademais celebra todos os anos outra importante poxa no mes de setembro.
As cotizacións finais das seis xovencas, todas elas de entre 24 e 28 meses de idade e preñadas duns oito meses, superaron os prezos de saída fixados en 2.000 euros. A maior cotización foi para a cuarta xovenca da poxa da mañá, adxudicada en 3.100 euros a un gandeiro da Golada (Pontevedra).
Próximas citas
A seguinte poxa de Acruga chegará o 1 de maio en Láncara, na Feira da Tenreira Galega, á que a asociación acudirá cunha representación dos mellores 80 exemplares das ganderías da zona. O canlendario de citas seguirá o 7 de maio, noCourel, no municipio de Cervantes, o día 13. Desde o 9 ao 11, a raza Rubia Galega estará na Semana Verde de Silleda, para finalizar o mes coa gran cita nacional de Acruga, en Adai, no Corgo, que celebrará o 16 de xuño a poxa, a exposición e o concurso nacional, que supón o evento máis importantes de cuantos organiza a asociación.