Madeira

Piñeiros 23 celebrarase o 10 de outubro en Santiago

A terceira edición do encontro internacional sobre a cadea de valor das coníferas adicaralle este ano protagonismo á cadea forestal – madeira de Euskadi, un dos territorios do arco atlántico europeo que é referente en coníferas

Campo Galego 25/04/2023 9:50 a.m.

A Cidade da Cultura de Santiago acollerá o martes 10 de outubro ‘Piñeiros 23’, a terceira edición do encontro internacional especializado nas coníferas. O evento, organizado pola Fundación Arume, convertiuse xa nunha cita clave para toda a cadea forestal – madeira, pois aborda cada ano innovacións e tendencias, tanto a nivel forestal como da cadea industrial dos piñeiros.

A maiores de analizar o escenario e perspectivas do sector en Galicia, a edición 2023 de Piñeiros daralle especial protagonismo a Euskadi, un dos territorios do arco atlántico europeo que é referente no manexo silvícola e no aproveitamento industrial do piñeiro radiata.

Coa inclusión de Euskadi no programa, séguese a liña iniciada o pasado ano, cando fora o sector forestal e da madeira de Portugal o convidado especial de Piñeiros, con investigadores, empresas e outras entidades do país veciño participando nas distintas mesas do programa.

Deste xeito, consolídase o posicionamento internacional do encontro Piñeiros, pois cada ano serve de escaparate non só das innovacións e tendencias en Galicia, senón do camiño que se está seguindo noutros territorios nos que a cadea forestal – madeira de coníferas é punteira e recoñecida a nivel internacional.

Etiquetado
Ir a la portada