“Participar nos concursos de preparadores axuda a mellorar o manexo na gandería”

María Manteiga Rodríguez foi a gañadora do X Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro 2017. Esta moza ven de incorporarse á súa explotación familiar Gandería Manteiga SC, de Vila de Cruces (Pontevedra)

“Participar nos concursos de preparadores axuda a mellorar o manexo na gandería”

María Manteiga Rodríguez, gañadora do X Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro 2017

María Manteiga Rodríguez foi a gañadora do X Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro 2017. Esta moza ven de incorporarse á súa explotación familiar Gandería Manteiga SC, de Vila de Cruces (Pontevedra).

Con 60 puntos, María Manteiga alzouse coa primeira posición, seguida de Ismael García, con 49, e Avelino Souto González, con 48 puntos.

O suizo Markus Gerber, xuíz internacional cunha ampla experiencia en competicións dunha ducia de países, valorou a liña dorsal lumbar e a barriga, a angulosidade, a presentación das xatas e a actitude que demostraron na pista.

Cales foron os aspectos que máis traballaches nesta becerra?
Intentei facer o máis rápido posible cabezas e patas, intentando que non quedasen pelos, para gañar o máximo tempo posible para facer a barriga e o lombo, que son as partes que dan máis traballo, e moito máis nun animal coma este que nunca se pelara e que tiña o pelo moi longo.

Polo tanto, centreime en intentar facer unha boa liña lumbar para gañarlle un pouco de altura á becerra e que quedara cunha boa angulosidade.

Foi bastante forte a competencia?
Si que foi bastante dura. De feito, nun momento que estaba pelando a xata levantei a vista para o meu compañeiro da dereita e pensei que xa o tiña perdido. Pero sempre hai un pouco de factor sorte que che axuda a seguir e a intentar gañar.

Cales pensas que son as claves para un bo preparador ou preparadora?
Creo que estes concursos sempre che axudan a mellorar e a non estancarte. Motívante para seguir mellorando e seguir escalando puntos nos concursos.

Teño pensando seguir presentándome aos concursos de preparadores, ata acadar o límite establecido, que é de 30 anos.

“O Clube de Xóvenes Gandeiros axuda á formación e á motivación dos mozos e mozas”

E como pensas que axudan estes concursos no día a día da gandería?
Sobre todo axúdanche a coñecer mellor as virtudes dos teus animais e a saber de cales debes seguir criando e de cales non. Tamén é unha motivación para mellorar a hixiene, e ter os animais máis limpos, o que sempre redunda en calidade do leite e en saúde animal.

Esta competición foi organizada polo Clube de Xóvenes Gandeiros, do que formas parte. ¿Por que animarías a outros mozos e mozas gandeiras a sumarse ao Clube?
Creo que o Clube é fundamental para axudar á formación dos mozos e mozas gandeiros, non só dende o punto de vista teórico, senón que tamén práctico. De feito, a parte destes concursos, organizamos cursos e xornadas de formación. Así, o vindeiro 18 de febreiro temos organizada unha actividade formativa.

Pero ademais do aspecto técnico, o Clube de Xóvenes Gandeiros tamén serve de motivación e de apoio aos mozos e mozas do sector que están empezando e que nalgún momento se poden sentir sós. Van atopar a outras persoas que teñen a mesma paixón pola gandería de vacún de leite e que os van animar a seguir adiante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información