Os viños, augardentes e licores tradicionais galegos promocionaranse de forma conxunta esta semana na London Wine Fair

Os seis consellos reguladores que conforman ACRUAGA exhibirán entre o 7 e o 9 de xuño diferentes referencias de produto nun stand compartido na feira vinícola máis relevante da capital británica

Publicidade
Os viños, augardentes e licores tradicionais galegos promocionaranse de forma conxunta esta semana na London Wine Fair

Un total de 120 adegas galegas e oito empresas comercializadoras e destilerías de augardentes e licores tradicionais darán a coñecer preto de 150 referencias de viños brancos e tintos e tamén de destilados entre o 7 e o 9 de xuño na London Wine Fair, un dos foros de promoción vinícola máis relevantes de Europa que se celebra na capital británica.

Trátase da segunda acción de promoción conxunta levada a cabo pola Asociación de Consellos Reguladores do Viño de Galicia e a II.GG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA), tras a experiencia do pasado mes de febreiro en París, na Feira Vinexpo, que foi “todo un éxito” segundo recalca o presidente desta entidade, Juan Gil de Araujo. “Esta acción promocional e divulgativa dos viños, augardentes e licores tradicionais galegas é posible grazas ao decidido apoio do IGAPE”, salienta Gil de Araujo.

O presidente de ACRUAGA considera tamén que a promoción conxunta dos viños, licores e destilados galegos nalgúns dos foros máis importantes do continente, como é o caso da London Wine Fair, axuda a promover a internacionalización dos “magníficos produtos que elaboran en Galicia as nosas adegas e destilerías” e a por en valor “os diferentes territorios amparados da nosa Comunidade Autónoma”.

“Os viños en Galicia son diversos segundo a zona na que se elaboran e as variedades que lle dan corpo, pero estas diferenzas lonxe de restar, suman, e permiten trasladar no exterior a idea de que contamos cunha ampla gama de paisaxes, territorios e modos de facer que nos permiten crear viños diferentes, que sorprenden pola súa franqueza e non deixan indiferentes aos consumidores”, abonda o presidente de ACRUAGA.

London Wine Fair

Tras a pandemia, a London Wine Fair recupera o seu carácter presencial entre o 7 e o 9 de xuño de 2022. Está previsto que máis de 14.500 profesionais ligados ao eido do viño e das bebidas espirituosas participen nesta edición do foro, un dos máis relevantes de cantos se celebran en Europa.

Sobre ACRUAGA

Hai algo máis dun ano creouse a Asociación de Consellos Reguladores do Viño Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) para dar cobertura a un convenio de colaboración asinado entre os seis consellos reguladores e o IGAPE co obxectivo de promocionar a nivel internacional os viños e destilados amparados baixo selos de calidade diferenciados de Galicia.

A asociación está a impulsar accións formativas e de difusión dos produtos amparados polas seis entidades incluídas na iniciativa: os consellos reguladores de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, O Ribeiro e Valdeorras -no caso dos viños- e Augardentes e Licores Tradicionais. de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información