Peticións de corredores seguros para a saída de carne dos matadoiros e a chegada de pensos ás granxas

A Consellería do Medio Rural e as industrias cárnicas demandan ao goberno central medidas para paliar as consecuencias do paro do transporte, así como unha suba de prezos dos bens producidos polo sector

Peticións de corredores seguros para a saída de carne dos matadoiros e a chegada de pensos ás granxas

As peticións xiran en torno á alimentación para o gando, a saída de carnes do matadoiro e a subida de prezos dos produtos

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo onte un encontro con representantes das industrias cárnicas para abordar a súa situación ante o paro do transporte. Na reunión, o conselleiro e as propias industrias demandáronlle ao Goberno central que facilite corredores seguros para garantir a saída de carne dos matadoiros e a chegada de pensos ás granxas, así como o abastecemento de cereais ás fábricas que producen estes compostos.

Nada dixo o conselleiro nas súas declaracións previas ó encontro sobre o bloqueo que manteñen gandeiros de vacún de carne nos matadoiros, en demanda dun maior prezo da carne. A Consellería limitouse a sinalar en nota de prensa que ante o incremento dos custes de produción, agravado pola invasión rusa a Ucraína, o conselleiro insta ao ministro de Agricultura a que “faga cumprir a Lei da Cadea Alimentaria, facendo efectiva a prohibición de venda e perdas”, xustifica. Da mesma maneira, o titular de Medio Rural aproveitou a cita para pedir ao Ministerio que “se reúna inmediatamente coa distribución, coa industria e coa gandaría para acordar unha suba dos prezos que están percibindo os produtores”.

Ademais, o conselleiro referiuse ao Ministerio de Transportes para demandar que “se reúna canto antes coa plataforma que convocou o paro para desbloquear esta situación, a cal, está situando a cadea alimentaria galega en risco de parálise”. A maiores, José González “insistiu na necesidade de levar a cabo outras actuacións, como a inmediata baixada de impostos dos carburantes e doutros insumos claves para o sector primario”.

Anticipos da PAC
Medio Rural lembra tamén que a pasada semana aprobou medidas para achegar liquidez ás empresas no ámbito das competencias autonómicas. Así, o Goberno galego asumiu o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da Política Agraria Común, que os produtores adoitan cobrar en outono. En concreto, anticiparanse seis meses uns 200 millóns de euros de liquidez para os agricultores e gandeiros, subvencionando os xuros.

Doutra banda, contémplase a apertura de liñas de crédito para poder atender compras de circulante, por parte dos gandeiros. Para esta operación, a Consellería do Medio Rural dispón dunha liña de avais para chegar ata os 25 millóns de euros de préstamos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información