A Asociación Galega de Apicultura (AGA) ven de presentar o programa STOP Velutina ou avespa asiática, unha especie invasora, diferente do avespón galego ou Vespa Crabro, que está a ocasionar importantes danos aos abelleiros.
A campaña comprende varias actividades na primavera consistentes en charlas informativas nos concellos máis afectados e na colocación de trampas para capturar raíñas fundadoras nas zonas onde está presente esta avespa e así evitar o maior número posible de niños para o verán
Nesta campaña colaboran varios concellos e outras entidades. Tamén se utilizarán as trampas, cos seus atraentes, distribuídas pola Consellería do Medio Rural e do Mar.
Consellos para elaborar trampas caseiras
Dende AGA recomendan realizar o trampeo en zonas próximas a apiarios e onde se teña detectado a velutina en marzo, abril e maio.
O tipo de trampa e atraente poden ser caseiras ou comerciais. As caseiros prepáranse con viño branco e cervexa ao 50% con restos de cera vella e algunha velutina.
A trampa débese colgar a unha certa altura do chan (1,5 m), nun sitio soleado e resgardado do vento. A cantidade de atrainte a empregar será de entre 100-150 ml, e será renovado cada 7-15 días para evitar fermentacións.
O número de trampas a colocar nos apiarios serán na proporción de 1 trampa por cada 10 colmeas, 2 ata 25 colmeas, 3 ata 50 colmeas e 4 con máis de 50 colmeas.
En todo caso, como regra xeral, ante a detección dun niño de Vespa Velutina recomendan chamar ao 112, central de emerxencias. Se se confirma chamar ao 012.
Velaquí un vídeo explicativo sobre como elaboralas:
Charlas informativas da campaña Sotp Velutina:
Dende o mes de febreiro ata maio, AGA está impartindo charlas informativas sobre a Vespa Velutina por toda Galicia dentro do programa “Stop Velutina”.
Os contidos que se abordan son:
1.- O que compre saber sobre a vida e comportamento da vespa velutina nigrotorax.
2.- O avespón asiático unha ameaza real. Colectivos afectados.
3.- Como comportarse ante a presenza da V.Velutina.
4.-Vixianza e control, colocación de trampas para capturar raÍñas fundadoras na primavera, eliminación de niños no verán e outono, quen deberá facer esta labor.
5.- Demostración de elaboración de trampas e atraentes para capturar raíñas fundadoras.
Calendario de charlas:
O Vicedo – 17/03 na Casa da Cultura ás 20 h.
Mondoñedo – 18/03 no Centro Comarcal ás 20 h.
Ourol – 19/03 no Edificio Multiusos do Concello ás 20 h.
Culleredo – 21/03 no Xardín Botánico de 11 h. a 14 h.
Tomiño – 25/03 na Casa da Cultura ás 20 h.
Vigo – 26/03 na Casa dos Montes de Valadares ás 20 h.
San Sadurniño – 22/05 no CEIP pola mañán
Calquera persoa interesada pode participar nestas actividades e a entrada é de balde.
Celebración do Día da Abella
O día 21 de marzo de 2015, no Xardín Botánico de Culleredo, DAGA-Coruña e o Concello de Culleredo organizan conxuntamente o Día da Abella, este ano adicado a realizar a campaña informativa e de sensibilización “Stop Velutina” ante a presenza dunha especie invasora, a Vespa Velutina Nigrotorax ou avespa asiática, que está causando moitos problemas aos apicultores e apicultoras, aos madeireiros e fruticultores e tamén representa un perigo para a poboación en xeral e para o medio ambiente.
Programa:
Ás 11 h.: Audiovisual sobre a velutina e mesa redonda con persoas afectadas.
Ás 12.30 h: Concursos. Poderán concorrer persoas individualmente ou en grupo e un xurado concederá un premio por cada concurso nas seguintes modalidades:
1.-Ideas á mellor maneira de combater a velutina. Premio á mellor idea.
2.-Presentación de trampas e outros. Premio á mellor trampa.
3.- Captura de raíñas. Premio ao que máis raíñas velutinas presente durante esta xornada.
Ás 13.30 h.: Acto de entrega de premios.