Desenvolvemento rural

As organizacións agrarias de Galicia e da Cornixa Cantábrica convocan mobilizacións o martes 20

Os colectivos maioritarios de Galicia, Asturias e Cantabria acordaron protestas coordinadas, que se agarda se estenderán dende a fronteira con Portugal á de Francia. Espérase que Euskadi tamén se sume

Campo Galego 09/02/2024 12:19 p.m.

As organizacións agrogandeiras da Cornixa cantábrica sairán á rúa o vindeiro 20 de febreiro. A data foi fixada nunha reunión na que participaron os colectivos maioritarios de Galicia, Asturias e Cantabria. No encontro deron luz verde ás mobilizacións coordinadas que se agarda se estendan dende a fronteira con Portugal á de Francia. Euskadi non puido participar na xuntanza, pero agárdase que os colectivos da Comunidade tamén se sumen ás accións conxuntas na defensa do sector agrogandeiro.

Ante a existencia de problemáticas comúns a toda a cornixa, os convocantes entenden que é necesario que agricultores e gandeiros de toda esta franxa vaian da man na defensa dos seus intereses. Con ese obxectivo, o vindeiro martes 13 de febreiro celebrarán unha nova xuntanza para pechar a táboa de reivindicacións conxunta, para a que o documento consensuado en Galicia por Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia servirá de base.

As organizacións agrarias entenden que existen suficientes motivos para que o sector produtor saia á rúa. As organizacións ven necesario actuar para paliar a excesiva burocracia e o aumento dos custos xerado pola entrada en vigor de novas normativas europeas; así como para garantir que os acordos comerciais con países extracomunitarios non poñan en risco a soberanía alimentaria nin supoñan unha competencia desleal para os produtores locais.

A pesar de que a Lei de Cadea é clara ao respecto, a ausencia de contratos claros, o pago por debaixo de custos de produción e a imposición de prezos eludindo a negociación colectiva seguen a ser prácticas habituais, segundo aseguran os colectivos. Estas cuestións, din, precisan de solucións contundentes mediante un incremento do celo das administracións e un reforzamento dos medios e actuacións de control

Etiquetado
Ir a la portada