Obradoiro sobre a normativa sanitaria nas producións alimentarias artesanais

O Sindicato Labrego Galego organiza un taller europeo en Santiago para tratar a situación de alegalidade na que se atopan as producións alimentarias familiares coa normativa sanitaria estatal

Publicidade
Obradoiro sobre a normativa sanitaria nas producións alimentarias artesanais
Data inicio: 05/07/2019
Data fin: 06/07/2019
Lugar: CIPX (Centro de Interpretación dos Parques e Xardíns de Compostela), Parque de Belvís, Santiago de Compostela, España

O Sindicato Labrego Galego (SLG) organiza un obradoiro europeo no que tratará a situación que afrontan as producións alimentarias artesanais coa normativa sanitaria estatal, que califican como “deseñada para as grandes industrias”.

Dende o sindicato advirten de que esta normativa deixa nunha situción de alegalidade a moitas actividades artesanais do sector alimentario que “supoñen un importante complemento económico para moitas granxas.

O taller desenvolverase os días 5 e 6 de xullo no Centro de Interpretación Ambiental de Belvís, en Santiago. Na xornada de mañá venres, analizaranse as normativas concretas e os decretos que regulan a artesanía alimentaria tanto no Estado como en Galicia ou outras comunidades autónomas como Andalucía ou Valencia.

O obxectivo é coñecer outras experiencias existentes e adaptacións que permitiron flexibilizar a normativa hixiénico-sanitaria ás pequenas e medianas producións agrarias e agroalimentarias. Co obradoiro procúrase sentar as bases para construir unha estratexia a nivel estatal para aborar esta problemática.

Analizarán as normativas que regulan a situación sanitaria das pequenas producións agroalimentarias

Nesta primeira xornada abordarán experiencias como os matadoiros móbiles ou a elaboración e comercialización de produtos como o leite cru, o pan, os ovos, as conservas artesanais, os produtos cárnicos ou o mel.

Na segunda xornada, o sábado 6 de xullo, teñen previsto coñecer distintas experiencias que afrontan esta situación. Os participantes visitarán a granxa leiteira O Alle, situada en Lalín e especializada na comercialización de leite cru. Tamén irán ó Mercado do Alimento Labrego de Teo.

Xa pola tarde, abordarán estratexias de traballo para tentar que, a nivel de Estado, se fagan as reformas necesarias para flexibilizar a normativa hixiénico-sanitaria no referido a este tipo de producións agroalimentarias de carácter artesanal.

Proxecto europeo

O obradoiro inscríbese no programa de actividades do Proxecto Bond  (Bringing Organisations & Network Development to higher levels in the Farming sector in Europe) que busca tecer redes de colaboración, coñecementos e experiencias de entidades e organizacións sociais e agrarias de toda Europa para reforzar a profesión labrega.

Xunto ao Sindicato Labrego Galego, neste proxecto participan institucións internacionais como a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación); as universidades de Coventry, Wageningen e Córdoba; organizacións agrarias como Eco Ruralis (Romanía), Confederação Nacional de Agricultura (Portugal) ou Land Workers’ Alliance (Reino Unido); ou federacións nacionais de cooperativas agrarias de Francia (CUMA) ou Italia (Legacoop).

-Consulta aquí o programa completo do obradoiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *