Leite

O xabarín intensifica os estragos nas semanas previas ó ensilado do millo

Multiplícanse os danos do porco bravo en cultivos por toda Galicia. Ás perdas pola falta de chuvias súmanse as desfeitas da fauna salvaxe. Os gandeiros demandan solucións e compensacións xustas, mentres comezan as primeiras capturas de exemplares co inicio da tempada de caza

Loading ad.
Ad could not be loaded.
L.M. / C.F. 02/09/2020 12:29 p.m.

Coa colleita do millo próxima, van aparecendo por toda Galicia fincas arrasadas polo xabaril. Agroman as parcelas onde as mandas causan estragos, malia que moitas veces se empreguen métodos para tentar evitalos, como cercados eléctricos ou sistemas disuasorios.

Gandeiros e organizacións agrarias reclaman medidas para atallar as incursións nas semanas previas á recollida, que se suman ás que xa se detectaran na sementeira, cando algúns produtores tiveron que sementar varias veces. Os danos da fauna están mesmo reducindo a superficie cultivada de millo en comarcas coma Deza ou Chantada.

“Seguimos na mesma dinámica de tódolos anos, cada vez hai máis xabaril, menos cazadores e menos millo” (Jacobo Feijoo, Unións Agrarias)

Loading ad.
Ad could not be loaded.

“Seguimos na mesma dinámica de tódolos anos, cada vez hai máis xabaril, menos cazadores e menos millo”, explica Jacobo Feijoo, secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias. A organización xa propuxo o ano pasado cambiar o marco legal actual a través da Iniciativa Lexislativa Popular, de xeito que a Xunta asumise a xestión do xabaril e se responsabilizase dos danos ocasionados, proposta que foi rexeitada. “Precisamos que se centralice a xestión dos danos para que coordinen as accións dun xeito resolutivo e eficaz, xa que o sistema actual non está a dar resultados”, puntualiza.

As perdas causadas polo xabaril engádense á redución da colleita que se prevé para este ano, tanto en cantidade como en calidade, logo da seca dos meses centrais do verán. As primeiras estimacións realizadas por Unións Agrarias apuntan a que a colleita se reducirá nun 30% por mor da falta de humidade. “As chuvias chegaron moi tarde para moito millo”, detallan dende a organización agraria.

[caption id="attachment_125718" align="aligncenter" width="660"] Desfeita causada polo xabaril nunha parcela de Catasós (Lalín).[/caption]

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Atopar o millo arrasado

Gandeiros e agricultores temen nestes días achegarse ás leiras do millo e descubrir unha incursión da fauna. Tanto grandes extensións de cultivo como fincas próximas a núcleos urbanos ou pechadas con cercados eléctricos rematan sendo obxectivo das mandas do porco bravo. “Cando cheguei á finca xa vin que pouco me deixara de pé. Debeu entrar unha porca con cría e arrasou con case todo”, explica José Faílde, un gandeiro da parroquia de Catasós, en Lalín (Pontevedra), que en días pasados descubría a desfeita que lle causaron os xabarís nunha parcela dunha hectárea.

“Cando cheguei á finca xa vin que pouco me deixara de pé. Debeu entrar unha porca con cría e arrasou con case todo” (José Faílde, gandeiro)

Loading ad.
Ad could not be loaded.

No Deza e tamén na veciña Tabeirós, en zonas como Vea, as incursións están a ser frecuentes nestes días e son moitas as leiras, de pequenas e grandes dimensións, que acaban afectadas. A semana pasada, varios gandeiros decidían mesmo ensilar o millo, sen que acabase de criar e case cun mes de adianto, dadas as perdas que estaban a ter.

[caption id="attachment_125853" align="alignright" width="320"] Danos en San Andrés de Vea, na Estrada.[/caption]

As compensacións que se contemplan por parte da Administración polos danos no millo quedan moi lonxe do valor real do cereal. “A estimación que fixo o axente que avaliou os danos foi que me darían uns 300 euros, mentres que o ano pasado saquei desta finca 4 remolques co que serían uns 4.500 euros”, explica José Failde. “O millo dános moito traballo como para que termine botándose a perder deste xeito”, sentencia o produtor afectado.

Os danos no millo e as forraxes a causa do xabaril supoñen de media entre un 5 e un 7% de sobrecusto para os gandeiros en Galicia, segundo as estimacións realizadas por Unións Agrarias. Calculan que supón preto duns 12 millóns de euros para os produtores galegos, que no sector lácteo é un custo adicional duns 0,4 céntimos de euro por litro de leite en perda de competitividade.

Ataques desde moi cedo este ano

O do porco bravo é un problema xeralizado por toda Galicia, sexa onde for a finca, o que está a desincentivar o cultivo de millo nos últimos anos e a condicionar o seu ciclo natural. Na zona de Portomarín, por exemplo, houbo ganderías que comezaron xa estes días tamén a ensilar, malia que a planta non se atopaba aínda no seu momento óptimo de maduración, para tratar deste xeito de salvar a colleita e minimizar os danos.

Na Mariña, un dos lugares de Galicia onde tanto a sementeira como a recollida comeza máis cedo, os danos son cuantiosos este ano. Foi unha das comarcas que se salvou da seca, pero non do xabarín, que fixo estragos na colleita. "A afección é xeralizada por todos os sitios, tanto da Mariña como do occidente de Asturias, coa particularidade de que este ano o porco bravo xa comezou bastante cedo a atacar. Está a haber bastante problemática nesta campaña, máis ca outros anos, penso que se está a notar máis e desde máis cedo, porque a principios de agosto o xabarín xa estaba andando polas fincas", relata José Portela, de Comercial Agropres.

Está a haber bastante problemática nesta campaña, máis ca outros anos, e comezou a atacar máis cedo porque a principios de agosto o xabarín xa estaba andando polas fincas (José Portela, Agropres)

Malia todo, esta empresa, que serve mestura húmida a 60 ganderías da zona, descarta adiantar o comezo da campaña de recollida, que segundo as súas previsións arrincará na semana do 14 de setembro, xa que "se o millo non vai no seu momento óptimo perdes en materia seca e amidón, as calidades resíntense se adiantas". Coa decisión de agardar son conscientes tamén de que os danos aumentarán. "A caza empezou fai 15 días pero os danos xa están feitos e seguirán porque as nosas previsións son empezar a picar en dúas semanas e aínda haberá máis ataques, pero ata empezar a andar as fincas non sabes ata onde chegan os danos realmente porque non o ves todo", teme José.

Máis ao sur da provincia de Lugo, na zona de Chantada, Jorge Meiriño, da cooperativa Aira, relata tamén importantes danos. "Nunha finca de 8 hectáreas lindando con Carballedo nunha semana acabaron con ela, hai hectárea e media ou dúas hectáreas totalmente aplastadas por camas. Tiveron que ser dúas ou tres laradas para poder facer esa desfeita en poucos días", describe.

Nas zonas ás que vén o cocho non se aproveita nada e dá máis traballo para triturar e envolver o millo na terra, que non é doado (Jorge Meiriño, Aira)

O problema non son xa só as perdas económicas e da colleita de forraxe para o inverno, senón que o feito de que o millo estea tirado complica as propias labores de recollida. "En zonas ás que vén o cocho non se lle aproveita nada e hai que trituralo ou senón pasarlle uns ganchos para arrimalo para as beiras, porque o problema agora aínda é envolver ese millo, que non é doado", asegura.

As primeiras cacerías

O tempo fresco destes últimos días foi un aliado importante nas primeiras cacerías de xabaril, despois de que se iniciase a tempada o pasado día 22. “As chuvias e a baixada de temperaturas fixeron que tanto o número de cazadores que foi ó monte nestas primeiras xornadas como o de animais abatidos fose maior que o doutros anos”, apunta Antonio Mota, secretario da Unión de Tecores de Galicia (Unitega).

“As chuvias e a baixada de temperaturas fixo que o número de cazadores que foi ó monte nestas primeiras xornadas fose maior e tamén que aumentasen os animais abatidos”, Antonio Mota, Unitega

A Sociedade de Caza de Lalín corrobórao cos 15 exemplares capturados o pasado sábado por 5 das 6 cuadrillas que conforman a entidade. “Foi unha xornada con moi bos resultados para o que adoita ser esta época do ano, onde as altas temperaturas dificultan moito a caza”, explica Julio Mariño, presidente do colectivo.

Recoñece que nestes días previos á colleita do millo están a recibir numerosas solicitudes por parte de produtores afectados para facer batidas. “Non damos atendido a tódolos puntos nin é doado anticiparse ós danos, xa que o xabaril, agás cando está con cría, é un animal moi itinerante”, detalla Mariño.

Na entidade constatan, ademais, un incremento das capturas nos últimos anos. Nun repaso polas cifras manexadas nos 4 anos da actual directiva, as capturas pasaron de 160 na tempada de 2015 a 322 o pasado ano. “Todo apunta a que este ano tamén se incrementará o número de exemplares que cacemos”, indica Mariño. Ademais, a este número deben engadírselle os animais que morren tras ser feridos en cacerías, pero sen chegar a ser capturados polos cazadores, así como as baixas derivadas de accidentes de tráfico ou mesmo da caza furtiva.

En Lalín xa fixeron varias batidas por danos na colleita do millo no tempo da sementeira. “Daquela detectamos que eran porcas con cría e nas proximidades a vivendas, polo que foron batidas de dispersión, sen armas; só cos cans e conseguimos sacar os animais das leiras”, apunta o presidente da entidade.

 

[box style="0"]

Os últimos cambios

Este ano, por primeira vez tamén están autorizados os axexos para cazar xabaril naquelas zonas que sufriran danos, unha modalidade que permite a caza de forma individual, con desprazamentos nas proximidades das fincas afectadas. “Os tecores deberan empezar a facer axexos, xa que pode ser unha medida eficaz para o control de danos, fronte a outras medidas como as batidas, que nos meses de verán están moi limitadas polas altas temperaturas”, detalla Feijoo.

Porén, a medida parece ter pasado moi desapercibida no sector agrogandeiro e mesmo para os cazadores, que tampouco están a ter, polo momento moi presente esta alternativa. Ademais, aquelas primeiras experiencias tampouco resultan moi alentadoras. “Podes estar facendo axexos 3 noites seguidas sen que veña o xabaril e a cuarta, que non puideches ir, é cando eles veñen”, recoñece Mariño.

A autorización de axexos por danos do xabaril pasou desapercibida tanto no sector agrogandeiro coma entre os cazadores

Este ano tamén se eliminou a prohibición de caza nas zonas de adestramento dos tecores, que ata o momento servían como refuxio para a fauna nas cacerías, limitando así as capturas. Foi unha das peticións realizadas por parte de diversas organizacións, como a Sociedade de Caza de Lalín co apoio dos tecores da provincia, ó detectar a necesidade de incorporar estes terreos para conseguir resultados nas batidas.

Esta medida súmase á eliminación dos vedados, aprobada a pasada tempada xunto coa ampliación da tempada de caza. “Agora falta por ver o efectivas que resultaron estas medidas. Nós cremos que se incrementaron as capturas en parte por estas medidas, pero a Administración debería avaliar se realmente están funcionando”, valoran dende Unitega.

O colectivo de tecores de Galicia incide ademais na importancia de ter presente outras ameazas moi relacionadas co xabaril e que poden supor un gran dano para o sector gandeiro, como é a peste porcina africana.

[/box]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada