Os continuos danos nas leiras de millo provocados polos xabarís están obrigando a gandeiros da comarca do Deza (Pontevedra) mesmo a adiantar o ensilado. Nalgúns casos, a recollida do millo estase facendo estando este aínda verde e co gran sen acabar de criar, con varias semanas de antelación ó previsto. “Ou o ensilábamos así ou xa non colliamos nada”, comenta Román Santalla, un dos gandeiros afectados e responsable comarcal de Unións Agrarias.
No seu caso, Santalla optou por ensilar esta finca dunhas 2 hectáreas situada nas proximidades do lugar de Palio, en Lalín. “Estaba tan próxima ás casas da aldea que non pensamos que fora ir, pero ó ser sementada cedo hai moita diferencia con outras fincas de millo de arredor”, apunta. Barallou tamén a posibilidade de cerrala logo das primeiras incursións da fauna, pero finalmente desbotou esa opción. “Os cazadores dixéronme que estaban a ser ataques dunha camada, polo que aínda que a pechara os ranchos máis pequenos ían seguir entrando e a porca iría detrás”, explica. Así foi que, pese a que o millo precisaba aínda case un mes máis na leira antes do ensilado, optou por recollelo.
Santalla non foi o único gandeiro da zona que optou por ensilar xa algunha finca debido ós danos causados polos xabarís. Na xornada de hoxe outro gandeiro de Méixome está ensilando unha parcela de 8 hectáreas de millo na que leva tempo sufrindo as desfeitas da fauna.
Vídeo de ensilado en Méixome, no que se aprecian os danos causados polo porco bravo
Ó igual que as fincas con millo para ensilar que foron sementadas máis cedo, tamén aquelas parcelas con variedades do país ou para a colleita da espiga están a sufrir importantes danos nos últimos días. “Hai moitas fincas de millo para a espiga que están quedando totalmente arrasadas”, apunta Santalla.
Gandeiros e produtores reclaman á Consellería de Medio Ambiente un maior control desta fauna ante os constantes ataques mesmo en parcelas próximas a núcleos habitados e pechadas con peches eléctricos. En Lalín, está previsto que a Sociedade de Caza comece esta fin de semana as cacerías de xabaril.