O SLG acorda achegar propostas aos partidos políticos sobre a situación do agro

As medidas que precisa o agro son garantir prezos e transitar cara a un modelo agroecolóxico

O SLG acorda achegar propostas aos partidos políticos sobre a situación do agro

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas celebrou este mércores unha reunión extraordinaria da Dirección Nacional (DN), o órgano de maior dirección, constituído por persoas labregas dos distintos sectores e comarcas de Galicia.

A DN reafirmou que o obxectivo fundamental do SLG-CCLL é producir unha alimentación saudábel e accesíbel para o conxunto da poboación. Unha parte da achega social que fai a organización é “alén doutras moitas, é coidar o territorio, conservar a biodiversidade e manter o territorio rural con vida xerando emprego, contribuíndo así a mantermos o tecido social”.

Dende Sindicato Labrego Galego sinalan que “hai unha necesidade do sector de mobilizarse para conseguir melloras urxentes, nomeadamente no establecemento de medidas que garantan prezos xustos polos produtos agrarios, a eliminación de sobrecargas burocráticas das pequenas e medianas explotacións e a transición cara un modelo de produción agroecolóxico que recoñeza a alimentación como un dereito, non como unha mercadoría, aspirando á soberanía alimentaria dos pobos”.

O SLG non está de acordo con que se poña o foco das reivindicacións en eliminar as medidas relacionadas co medio ambiente, o benestar animal, nin coa saúde das persoas. Avalían como “un feito moi negativo a decisión da Comisión Europea de rebaixar os agrotóxicos perigosos, malia terse demostrado que moitos deles chegan ao organismo das persoas, á auga e ao medio”.

Neste senso, a Dirección Nacional do SLG-CCLL aprobou apoiar e colaborar con outras organizacións sempre que consensuemos unha táboa reivindicativa común, “pero iso non supón renunciar a moitas outras reivindicacións propias”.

A DN tamén decidiu reforzar dende o SLG-CCLL as liñas de traballo para visibilizar tanto as dificultades que afrontan os agricultores e gandeiros como os aportes do modelo da pequena e mediana agricultura existente en Galicia, a riqueza xerada non só a nivel económico, senón tamén medioambiental, social e á propia saúde das persoas.

Tamén se acordou na Dirección Nacional presentarlle aos partidos políticos unha batería de medidas básicas para o futuro do agro galego, “tentando que se comprometan con elas máis alá do día 18 de febreiro”.

O SLG sinala que “dende hai décadas padécese a falta de resposta por parte da Administración galega ante as dificultades do sector”. Segundo expón o SLG nun comunicado: “A Xunta de Galicia vense caracterizando por establecer prácticas que favorecen o modelo agroindustrial en detrimento das granxas de modelo familiar, por limitar a capacidade produtiva do noso sector ecolóxico, dificultar as novas incorporacións, facilitar o acaparamento industrial de terras no medio rural, pechar centros de formación agraria, contribuír a aumentar a nosa carga burocrática e dar mostras de patente desleixo fronte ás novas enfermidades e especies invasoras que están causando problemas ao sector”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información