O sector da planta ornamental en Galicia factura máis de 39 millóns de euros ao ano e dá emprego a máis de 1.500 traballadores directos. Así o destacou este xoves en Santiago a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, durante a inauguración da IX edición da feira Arco Verde e XV exposición de produtores de planta de Galicia, no recinto feiral de Amio.
Belén do Campo sinalou que o sector da planta ornamental resulta especialmente atractivo en termos de rendibilidade agraria, xa que é un dos cultivos que máis renda xera por unidade de superficie. Así, explicou que Galicia “é con diferencia a maior produtora de camelia a nivel europeo, consolidándose tamén a nivel nacional na produción de hortensia, rododendro, azalea, abelia, acivro e coníferas de peche”.
No tocante aos datos de exportación, a directora xeral indicou que dos 39 millóns facturados no ano 2016, “o 20% correspóndense á ventas no exterior, converténdonos na quinta comunidade que máis exporta a nivel nacional”. No mercado internacional os principais destinos da planta galega son Francia, Alemaña, Reino Unido e Portugal.
Belén do Campo aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo que realiza a Asociación de Viveristas del Noroeste (Asvinor), que aglutina a 37 produtores responsables do 82% da produción de planta de Galicia. Cifra que, segundo explicou, chega aos 291 produtores galegos inscritos no Rexistro Nacional de Productores de Semillas y Plantas de Vivero (Prosemplan).
Feira Arco Verde
Os asistentes á IX feira Arco Verde poderán desfrutar de charlas técnicas para profesionais da produción e venta de planta ornamental, así como outras de carácter máis técnico relacionadas coa mellora da xenética do castiñeiro, caracterización de variedades autóctonas de mazás de sidra, sanidade vexetal e técnicas comerciais.