O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos leva dous anos organizando cursos de apicultura, que imparte César Crespo. Enxeñeiro técnico agrícola e enxeñeiro de organización industrial, César completou desde o ano 2013 diversas estancias no estranxeiro traballando con apicultures profesionais en países como Francia, Suecia ou Inglaterra e conta cunha explotación apícola en Montederramo, de onde é natural, con arredor de 150 colmeas que están situadas a 1.100 metros de altitude.
Ademais da formación que imparte en Monforte, foi o encargado de dar os cursos no Concello da Veiga para os veciños interesados en iniciarse na apicultura co obxectivo de poñer en marcha a marca Montañas de Trevinca.
– Que consellos darías para alguén que quere iniciarse no mundo da apicultura?
– O primeiro consello é formarse e para min a formación necesaria debería ter varias fases. O primeiro sería facer un curso de iniciación, que sexa básico, sen demasiada complicación, e a partir de aí que esa persoa teña a súa propia colmea, mellor dito, tres ou catro colmeas, porque che van dar o mesmo traballo ca unha e tes máis variabilidade para ver o que pode pasar nelas e aprender porque se só tes unha e che morre non aprendiche moito, pero se tes tres ou catro podes ver moitas máis cousas. Despois de curtirte aí un pouco sería convinte facer algún curso un pouco máis específico de temas como reprodución e se queres máis, ben para poder vivir delas ou para ter un complemento, esa xente si que se ten que formar en cría de raíñas que lle permitan medrar rápido e sacarlle un rendemento.
A formación en apicultura non é un ciclo formativo que estea regulado en España, noutros países si
E xa por último, facer algunha estancia con algún apicultor profesional. A xente pide cursos de perfeccionamento e moita práctica e iso non existe. A formación en apicultura non é un ciclo formativo que estea regulado en España, noutros países si. Eu o que lle recomendo a esa xente é que se saque un billete de avión e irse a visitar explotacións profesionais e traballar gratis e aí é onde se van a curtir e ter esa práctica que están buscando. Os cursos son clases teóricas e fas algunas prácticas, pero non estás no día a día dunha explotación apícola. Esa sería a última fase que debería facer unha persoa que se queira formar de verdade para vivir das abellas, viaxar todo o posible e ver as distintas formas de facer apicultura posibles.
– Iso foi o que ti fixeche, con estancias en Francia, Inglaterra e Suecia. Hai moita diferenza da apicultura que se fai aquí á que se fai noutros países?
– Si, hai bastante diferenza: tipos de colmeas empregadas, floracións diferentes, materiais distintos. É que prácticamente todo é diferente. Chamoume a atención a cantidade de maneiras que hai de facer a mesma cousa e como os apicultores se foron adaptando á súa zona e son capaces de sacarlle partido a cousas que ao mellor de primeiras parecen imposibles.
En Suecia, onde o clima é moi complicado, souberon adaptarse a esa circunstancia e logran sacar tantos quilos de mel coma nós
Son países moi diferentes, imaxínate en Suecia, onde o clima é moi complicado, pero logo estás alí e ves que tamén sacan mel, e fan tantos quilos coma nós en moitos casos. Adáptanse os materiais e os tamaños, o papel da selección xenética, que é moi importante, pero ao final a xente logra sacarlle partido ás condicións que ten, e iso é o que máis me impresionou. Por iso o que hai que facer é coñecer todas esas realidades e formas de traballar e adaptalas á nosa zona, pensando que podemos aproveitar e que non.
– No curso de iniciación que impartiches este outono en Monforte asegurabas que tan importante é coñecer as abellas e as colmeas como o entorno no que as vas poñer.
– O entorno botánico é clave para planificar a túa tempada, non é o mesmo estar nunha zona de costa chea de eucaliptos que estar nunha zona de alta montaña con monte máis raso, os tempos para os distintos traballos e tratamentos son diferentes. Coñecer en que entorno te atopas axúdache a saber por exemplo cando dividir, poñer alzas ou ter que alimentar.
– Que recomendación darías para a escolla do emprazamento?
– Unha xenérica sería que a súa exposición sexa sur-sureste; que teña zonas de sombra cando o sol está no seu punto máis alto, sobre todo no verán, algo importante tanto para as colmeas como para o apicultor; que non sexa un terreo encharcadizo pero que teña fontes de auga próximas, como un río ou un rego; que teña acceso doado con vehículo até o propio colmear, en especial se queres ter un número importante de colmeas.
Non é lóxico poñer as túas abellas ao lado das do veciño, aínda que desde o punto de vista lexislativo está permitido, pero a floración é a que é e tocaremos a menos
– E en canto á configuración do colmear?
– Véñense pondo de media 40 colmeas por colmear, o que nos limita non é tanto a superficie destinada ás abellas, porque as colmeas ocupan pouco, como o espazo necesario para entrar e saír co coche, onde xirar co remolque, etc. Esas cousas hai que pensalas á hora de instalar as colmeas.
– E deberíase estudar que outros apicultores hai na zona ou cantas colmeas hai xa instaladas?
– Efectivamente, se un veciño ten as colmeas nun lugar o lóxico non é poñer as túas na finca do lado, aínda que desde o punto de vista lexislativo está permitido, pero obviamente a floración é a que é e se saturamos unha zona tocamos a menos. Penso que en Galicia hai monte dabondo como para repartilas un pouco máis.
Hai zonas que están xa moi saturadas e iso é preocupante. En Galicia hai monte dabondo como para repartilas un pouco máis
– Nos últimos anos houbo bastantes incorporacións de persoas á apicultura en Galicia. Consideras que aínda hai capacidade para que o sector siga medrando ou pensas que xa hai zonas que comezan a estar en certa medida saturadas de colmeas?
– Eu penso que hai capacidade para seguir medrando sobre todo desde o punto de vista da profesionalización pero é certo que hai zonas que xa están moi saturadas e iso é preocupante, porque moita desa saturación é debida a apicultores que ao mellor non están nin sequera dados de alta nin rexistrados, non teñen os coñecementos para manter as colmeas nun estado sanitario mínimo e iso afecta directamente sobre os que realmente si que queren telas coidadas.
Considero que se debería meter man para controlar as colmeas que hai sen rexistrar e que son un foco de contaminación grandísimo porque non se atopan nun mínimo estado sanitario
Polo tanto, considero que si que se debería meter man niso dalgunha maneira e facer un control porque iso é un foco de contaminación grandísimo que afecta a esa outra xente que vive das colmeas. Hai que lembrar que é obrigatorio dalas de alta, tanto para os apicultores profesionais como para os afeccionados. E ti podes ter moi controladas as túas colmeas, pero se o veciño non as ten hai pillaxe, hai deriva, hai transmisión entre colmeares. Se o veciño está a tope de varroa aínda que ti trates, estarás uns días sen varroa, pero a recontaminación é inminente. Entón se eres profesional e che pasa iso é lóxico que protestes e con razón.
– Fai uns anos o perfil do apicultor era o dunha persoa xubilada ou de certa idade. Foi mudando isto? Como ves o sector a día de hoxe en canto a relevo xeracional?
– Pola xente que vén aos cursos de formación, hai moitas persoas mozas. Iso é importante porque é xente máis aberta a coller os novos coñecementos que tentamos transmitir, porque si que é certo que até fai uns anos era un sector bastante envellecido o da apicultura en Galicia. Non quere dicir que esa outra xente máis maior non saiba ou non teña experiencia, pero si que é certo que xa se manteñen no que fan habitualmente todos os anos, teñen menos gañas de aprender e aplicar novas técnicas ou tratamentos, porque lévano facendo así, dese xeito, toda a vida e non lles apetece cambiar agora. É entendible.
– É difícil vivir profesionalmente das abellas?
– Non é difícil pero si que te tes que concienciar de que é un traballo diario e por momentos do ano tamén vai ser un traballo duro e moi físico. Si que se pode vivir perfectamente das abellas pero non é tan doado como ao mellor a xente pensa. Fan falla moitos coidados e moito control, moita formación.
– É máis cuestión de volumen ou de diversificación para conseguir ese obxectivo de vivir da apicultura?
– Baixo o meu punto de vista un apicultor debe considerar a diversificación, porque das abellas pódense sacar moitos productos: mel, pole, propóleo, material vivo en forma de enxamios e raíñas. Se só te dedicas ao mel vas precisar moitísimas colmeas para sacar un rendemento económico mínimo, pero se empezas a diversificar e a cada colmea lle sacas mel, polen, propóleo e por exemplo un enxamio, aí estaslle sacando moito máis partido e dese xeito vas poder baixar considerablemente o número de colmeas necesarias.
Pódese vivir perfectamente das abellas, pero se só sacas mel vas necesitar moitísimas colmeas; se diversificas con pole, propóleo e venda de enxamios ou raíñas reduces considerablemente o número de colmeas necesarias para obter un rendemento económico mínimo
– Cuestións como a selección e a mellora xenética, están ao alcance dun pequeno apicultor ou é algo reservado únicamente a apicultores profesionais?
– Todos sen querelo seleccionamos cando dividimos. Cando escolles unha colmea para dividila e desprezas as demais xa estás seleccionando. A selección ao fin e ao cabo é suprimir o que non nos interesa, polo tanto está ao alcance de calquera. Outra cousa é a inseminación instrumental, para o que xa se precisa moita máis formación, moita experiencia e moita práctica, pero o que é seleccionar un pequeno apicultor pódeo facer. Si que é certo que coñecementos básicos de xenética non hai moita xente que os teña, de xenética en abellas, que non é o mesmo que noutros seres vivos.
– E baixo que criterios, segundo o teu punto de vista, se debería seleccionar en Galicia?
– Como temos que comer, o primeiro criterio ten que ser o da produción, loxicamente. O segundo criterio podería ser a sanidade, en xeral colmeas que sexan moi limpadoras e moi hixiénicas, que teñan esa capacidade, e o terceiro, por cuestión de manexo, mirariamos a mansedume. E tamén é moi importante aquelas colmeas que non enxamean. Serían os catro criterios a ter en conta, baixo o meu punto, de vista, para a selección das colmeas a multiplicar. Hai moitos máis, pero como principais quedaríame con eses catro.
Hai certos tratamentos que non están permitidos legalmente en España a día de hoxe e a xente estaos utilizando
– A varroa segue a ser un dos principais problemas sanitarios. Nos últimos anos están a xurdir avances en canto a tratamentos. Custa que a xente se decida a aplicalos?
– Si, custa e sobre todo hai un problema grande porque hai certos tratamentos que non están permitidos legalmente en España a día de hoxe e a xente estaos utilizando, en moitos casos sen formación, polo que está pondo en risco a súa saúde por un lado e as súas abellas por outro, porque se ti mercas un produto que non está certificado, que non está acreditado pola Axencia do Medicamento para usar en abellas, neste caso estaste pondo en risco ti e as túas abellas.
Logo tamén hai moitos productos que hai que valorar en que concentracións se están vendendo ilegalmente en tenda, porque ninguén che garantiza que sexa a axeitada. Pola contra, cando aplicamos un tratamento que está etiquetado e que está autorizado pola Axencia do Medicamento para abellas ti sabes que a concentración que aparece no prospecto é a concentración que trae, por tanto non tes máis que seguir esas indicacións e sabes que o estarás facendo correctamente.
Penso que falta concienciación sobre o que podemos provocar nas colmeas se aplicamos un tratamento sen control e nos equivocamos en cuestións como a dosificación. Os novos tratamentos, sobre todo os que hai agora en ecolóxico, hainos que saber aplicar, non serve dicir aplícoos como lin en internet. Hai que saber cando aplicalos e como aplicalos para que sexan efectivos. Nese caso si que funcionan ben.
Está claro que a velutina veu para quedarse. Canto antes aprendamos a manexala mellor para todos porque erradicala vai ser xa imposible
– En canto á vespa velutina, consideras que é unha praga incontrolable xa e que temos que aprender a convivir con ela?
– Está claro que a velutina veu para quedarse. A día de hoxe non está aínda en toda Galicia pero é só cuestión de tempo. Entón, coa velutina canto antes aprendamos a manexala mellor para todos porque vai ser imposible xa erradicala do noso medio ambiente. De momento en alta montaña é un problema que non temos pero alguna que outra xa imos vendo, é certo que non tes a carga que hai na costa, pero penso que é cuestión de tempo que nos afecte tamén.
– Que consellos darías a aqueles outros apicultores que a están a sufrir en maior medida?
– A día de hoxe temos básicamente tres cousas para combatila e reducir os seus efectos nos colmeares: temos o trampeo, temos as arpas eléctricas e temos os frontais que se poñen na piquera. Non queda máis que seguir investigando e ideando novos métodos. Liñas futuras coma a das feromonas que atraian os machos, por exemplo, para impedir que fecunden as raíñas, son liñas interesantes.
“Os CFEA deberían ter un papel máis protagonista na formación agraria”
Ademais de apicultor, César é profesor no CFEA de Monforte, onde se encarga tamén de dirixir e planificar os traballos na explotación do centro, composta por unha superficie de 30 hectáreas e onde se atopan dous campos de ensaio de primeiro nivel sobre froiteiras e vides.
– Cal é a finalidade destes campos de ensaio?
– Eses dous campos de ensaio son o obxectivo principal do centro. No de froiteiras temos unha réplica do banco de xermoplasma que hai no CIAM, con 332 variedades de mazá galegas. Pola súa banda, no campo de ensaio de viñedo tamén temos a colección de vides autóctonas galegas, e a maiores temos outro campo de vides, de pés nais, que se iniciou fai pouco, haberá uns 5 anos, onde se busca conseguir púas e material para no futuro intentar subministrar aos viveiros, tratando de certificar e estandarizar un pouco as variedades.
A maiores, na finca que rodea ao centro temos unha explotación gandeira de rubia galega para que nos axude a manter o terreo, dado que ten unha extensión importante, é dicir, as vacas témolas como desbrozadoras naturais, esa é a súa función principal.
Desde Monforte impártense os cursos de Aptitude Empresarial Agraria na modalidade de teleformación para máis de 400 alumnos de toda Galicia
– Que papel consideras que deberían ter os Centros de Formación e Experimentación Agroforestal na formación agraria en Galicia?
– No CFEA de Monforte de Lemos en concreto dedicámonos a dar os cursos de Aptitude Empresarial Agraria en teleformación a uns 400 alumnos cada ano, é a sede central, por así dicilo, para toda Galicia con ese cometido específico. É básicamente ao que nos adicamos en Monforte, pero noutros CFEA tamén teñen ciclos de FP, tanto medios como superiores, en ámbitos como o agrario ou o forestal. Paréceme que debería concentrarse a formación agraria neste tipo de centros porque tes a infraestrutura e a explotación, polo que considero que se debería incrementar o papel protagonista dos CFEA na formación agraria e deixar para os institutos outro tipo de formación.