O secretario xeral de Finsa, novo presidente de Unemadera

José Carballo releva ao tamén galego Elier Ojea na dirección da patronal española da madeira e do moble, constituída o pasado ano

O secretario xeral de Finsa, novo presidente de Unemadera

Unemadera propón a constitución dunha Mesa Sectorial da Madeira.

A patronal española da madeira e o moble, Unemadera, creada no 2015, renovou os seus órganos de dirección en asemblea xeral ordinaria. Ao primeiro presidente de Unemadera, Elier Ojea, tamén presidente de Confemadera Galicia, sucédelle agora o secretario xeral de Finsa e presidente da Asociación Nacional de Fabricantes de Tablero (Anfta), José Carballo.

A asemblea de Unemadera deseñou tamén o seu plan de actuacións 2016 e xa lle propuxo ao Ministerio de Industria e ás organizacións sindicais sectoriais a constitución dunha Mesa Sectorial da Madeira. Esa Mesa tería o obxectivo de avaliar a situación da cadea de valor tras o período de crise que sufriu o sector, así como as perspectivas de futuro da industria madeireira e do moble.

A asemblea acordou ademais as bases para o novo convenio colectivo do sector, co que pretende aumentar a produtividade e competitividade da cadea de valor.

Comité executivo
O novo comité executivo de Unemadera pasa a estar constituído por representantes das organizacións Cemcal, Fedemco, Cluster Habic, Asmadera, Confemadera Galicia, Aeim, Aefcon-Caema, Feim e Anfta, que asume os labores da Presidencia.

Durante a Asemblea realizouse un chamamento á unión de todas as organizacións do sector, para ter unha posición máis forte na defensa dos intereses das empresas. Nesta reunión participaron representantes de 12 organizacións territoriais xunto coa maioría das asociacións sectoriais: Ademan (Navarra), Cluster Habic (País Vasco), Cemcal (Castela e León), Confemadera Galicia (Galicia), Femamm (Madrid), Asmadera (Asturias), Cecomadera (Córdoba), Fedemco (Envase), Feim (Multisectorial), Aeim (Comercio), Aefcon (Contrachapado) e Anfta (Taboleiro Aglomerado). Tamén participaron como convidados a Confederación Catalá da Fusta (Cataluña) e Baskegur (País Vasco).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información