“O rural que existe e avanza”, a nova campaña para matricularse no CFEA Pedro Murias

O conselleiro do Medio Rural, José González, acudiu esta mañá á comarca da Mariña para comprobar in situ como se desenvolven as prácticas do Grao medio de aproveitamento e conservación do medio natural inaugurado este curso 2020/2021 no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo, onde posteriormente acudiu á presentación do vídeo promocional “O rural que existe e avanza”.

Acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, o conselleiro puxo de relevo a importancia de iniciativas coma este Grao medio que se imparte en modalidade FP dual para garantir a inserción laboral dos participantes.

Primeiramente, o conselleiro e o director da Agacal estiveron na sede da empresa Tecmaf (Centro Técnico de maquinaria forestal), en Barreiros, observando como os alumnos do Grao medio de aproveitamento e conservación do medio natural do CFEA Pedro Murias aprenden a empregar diversos tipos de maquinaria. Alí, José González lembrou que este ciclo veu inaugurar o “Polo de formación forestal da Mariña”, xa que esta iniciativa xa estaba implantada no IES San Rosendo, de Mondoñedo. Este polo de formación -engadiu- chegou para quedar porque este ciclo ten asegurado o seu futuro no curso vindeiro, cando se desenvolverá o segundo ano de contidos teóricos e prácticos que culminarán máis de 2.000 horas de formación desenvolvidas tanto no propio CFEA ribadense como en empresas do sector.

Nesa liña, o conselleiro agradeceu o labor de todas as empresas da Mariña onde estes alumnos fan prácticas ao abeiro deste ciclo, así como á Asociación de Transformación da Madeira de Lugo, que tamén está a colaborar. Lembrando que cada un dos dous cursos consta de seis módulos, apuntou que no primeiro ano se tratan cuestións primordiais como os fundamentos agronómicos, os principios de sanidade vexetal, as repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, a produción de planta forestal en viveiro, a maquinaria e instalacións forestais e a orientación laboral. Xa no segundo, os estudantes formaranse sobre o control fitosanitario, o aproveitamento do medio natural, a prevención de incendios forestais ou as diversas posibilidades de iniciativas emprendedoras.

Aposta pola formación

A visita do conselleiro e do director da Agacal á Mariña lucense concluíu no CFEA Pedro Murias de Ribadeo, onde se presentou o vídeo promocional “O rural que existe e avanza”. Nel participan representantes e exalumnos deste centro, así como produtores e empresas da zona, para poñer de relevo a necesidade de formación para garantir o futuro dos sectores agrario, gandeiro e forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información