A Xunta destina este ano un total de 33,1 millóns de euros ao Plan de prevención de incendios forestais, o que supón un incremento de preto dun 13 %, segundo se recolle no informe presentado no Consello da Xunta desta semana.
En total, con eses fondos está previsto actuar en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en 5.780 quilómetros de pistas forestais e outras vías. Ademais, neste plan tamén se establece como horizonte a construción de 111 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes. Isto suporá actuar nun total de 4.861 puntos.
O principal obxectivo deste plan preventivo é anticiparse aos incendios forestais ou que, no caso de que se rexistren, a súa propagación sexa a menor posible. Asemade, entre as súas finalidades específicas están as de limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais (GIF), elaborar a cartografía necesaria para planificar as actuacións preventivas con maior eficiencia ou deseñar unha rede infraestruturas preventivas correctamente dimensionada e mantela en bo estado de conservación.
Con este plan trátase tamén de xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas e de fomentar actuacións silvopastorais e pasteiros. Así, contempla desenvolver un plan de queimas prescritas para reducir a biomasa en lugares estratéxicos, e crear un visor en que se rexistre a cartografía de todas as redes de faixas existentes.
Accións dirixidas á poboación e ó territorio
O plan, que estará vixente ata que se aprobe o de 2023, contempla medidas e accións dirixidas á poboación e as centradas no territorio. Entre as destinadas á ciudadanía prevén realizar un total de 304 charlas, 16 en cada distrito forestal, dirixidas a estudantes de diferentes niveis, así como accións de formación dirixidas á poboación rural.
En cantó ás accións no territorio inclúense a vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa tanto nas faixas primarias (de estradas e vías férreas) como nas secundarias (as máis próximas ás vivendas) e nas terciarias (de camiños, pistas e devasas en terreo forestal, fundamentalmente).
O plan integra, entre outras accións, as vinculadas ao convenio de colaboración subscrito coa Fegamp e Seaga para a protección das aldeas. Xa estean adheridos ao acordo o 87% dos municipios galegos (273 en total), e xa elaboraron 259 plans municipais antiincendios (representan o 95 % dos concellos adheridos) e aprobáronse 178 plans (o 67 % dos elaborados).
No plan contémplanse todos os datos relativos a superficies de actuación tanto en parroquias priorizadas como non priorizadas dentro deste convenio, así como as execucións subsidiarias previstas, os labores en vías de titularidade municipal, nos perímetros de alto risco de incendios e, como novidade, en varios concellos piloto. Estes municipios piloto son os de Carnota, As Nogais, Cualedro, A Gudiña, Lobios, Monterrei e Gondomar, nos que se está a limpar a totalidade do perímetro. A maiores, recóllense as iniciativas veciñais realizadas ou planificadas e as actuacións mecanizadas previstas (mediante o uso de ata 35 tractores).