O Ministerio propón destinar as axudas europeas ás ganderías que non aumentaron vacas desde 2015

Dos 14,7 millóns de euros de axudas europeas ao sector lácteo que lle corresponden a España, o Ministerio propón destinar o 80% aos gandeiros que non aumentaron vacas de leite nos dous últimos anos, exceptuando desta esixencia ás pequenas explotacións

O Ministerio propón destinar as axudas europeas ás ganderías que non aumentaron vacas desde 2015

Vacas na Gandería Langueirón SL

O director xeral de Producións e Mercados Agrarios, Fernando Miranda, reuniuse este xoves cos directores xerais das comunidades autónomas e con representantes do sector lácteo para presentar a proposta deseñada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para a axuda excepcional de adaptación, destinada a mellorar a liquidez do sector lácteo.

Esta nova axuda enmárcase no último paquete de medidas comunitarias para o sector, anunciado no Consello de Ministros da Unión Europea do pasado 18 de xullo e publicado no mes de setembro. Para esta axudase dispuxo, por parte da Comisión, un total de 350 millóns de euros, dos que 14.665.678 euros corresponden ao sobre para España.

A proposta do Ministerio de Agricultura é destinar a totalidade do orzamento ao sector vacún de leite. Así, o 80% dos fondos irán dirixidos á media cuxo obxectivo é o mantemento da produción, e o 20% restante a apoiar ás Organizacións de Produtores recoñecidas no marco do “paquete lácteo”.

Exceptúanse aos pequenos produtores e ás explotacións en zonas de montaña da necesidade de non aumentar cabana gandeira

A este respecto, serían beneficiarios da primeira medida os gandeiros que non incrementasen o seu censo de vacas de leite durante os dous últimos anos, exceptuando deste requisito aos pequenos produtores e a aqueles cuxas explotacións se localizan en zonas de montaña ou insular.

A segunda medida estaría dirixida aos gandeiros integrados en Organizacións de Produtores a fin de recoñecer o papel que estas desempeñan en reforzar a posición dos produtores na cadea. Concibiuse na forma dun montante fixo por explotación, cuxa concesión estaría ligada ao compromiso da permanencia do gandeiro na organización.

Durante este encontro, representantes do Ministerio de Agricultura explicaron con detalle o deseño da medida, orientado por unha banda á necesidade de cinguirse ao obxectivo do Regulamento e, por outra, a permitir unha xestión o máis áxil e sinxela posible.

Así mesmo, escoitáronse as diferentes opinións e propostas expostas polos participantes, a partir das cales se elaborará a proposta definitiva para iniciar a tramitación coa maior celeridade posible, xa que a axuda debe estar pagada antes de que finalice o mes de setembro do próximo ano.

Haberá ampliación da información

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información