O mercado gandeiro de Silleda comeza o 2024 con escasa afluencia de animais e prezos á baixa na recría

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca celebrou este martes o seu primeiro mercado gandeiro do 2024 con escasa afluencia e prezos á baixa, algo habitual nestas datas, e tralo récord de asistencia da última poxa celebrada o pasado 19 de decembro. Como mostra, a asistencia rexistrada foi de 130 becerros de recría e de 43 de vacún maior, fronte aos 758 e 248 animais, respectivamente, da última poxa.

Nas mesas de prezos, non houbo cambios nas cotizacións dos ovos e da carne de porco, pero si se rexistraron subas nos leitóns.

Prezos do vacún

Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

SILLEDA VACUN 24 XAN 1

Nos animais de recría de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, tiveron unha baixada de 2 euros o seu valor e sitúanse nos 70 euros. Os exemplares frisóns de entre 20 e 50 días -a categoría máis numerosa e representativa- tiveron un valor medio de 99 euros (-9 euros). Os becerros pintos de máis de 50 días tiveron un prezo de referencia de 100 euros (-57 euros).

Nos becerros de recría de cruces industriais, os tenreiros máis novos, con menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 218 euros, logo dunha baixada de 86 euros. As femias desta sección cotízanse a 198 euros (-29 euros). Pola contra, nos animais de entre 20 e 50 días -a categoría máis numerosa-, rexistrouse unha leve suba: o valor medio dos machos está nos 401 euros, tras subir 27 euros con respecto da feira anterior, e as femias marcaron un prezo de referencia de 289 euros (+ 19 euros). Nos exemplares de máis de 50 días, os machos baixaron de prezo unha media de 95 euros e sitúanse nos 438 euros. Mentres, as femias descontaron 55 euros con respecto da cotización de hai dúas semanas e quedan cun valor de referencia de 295 euros.

No caso dos becerros de cebo  apenas houbo asistencia (17 becerros) polo que as cifras tampouco son representativas.

No vacún maior só os animais de primeira e de desvelle experimentaron subas esta semana,mentres que no resto de categorías impuxéronse as baixadas. Así, nos de primeira o prezo incrementouse 20 euros e acadan os 1.162 euros. Pola contra, nos de segunda houbo unha baixada de 51 euros e sitúanse nos 699 euros. Nos animais da categoría extra houbo tamén un descenso de 176 euros e quedan cun valor de referencia de 1906 euros. Os animais de descarte cotizáronse a un prezo medio de 522 euros, o que supuxo unha suba de 86 euros con respecto á ultima poxa.

Subas nos leitóns

Esta semana o porco cebado mantense de novo estable, mentres, os leitóns continúan á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.

Os leitóns experimentaron un incremento de 2 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 94 euros (cun prezo de 4,7 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 89 euros e cun prezo por quilo de 4,45 euros.

O mercado do ovo mantívose sen cambios esta semana. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,40 euros, os da M están a 2,04 euros e os da S a 1,74 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo, segundo a última Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun), do pasado 21 de decembro.

SILLEDA porcino e ovos 24 XAN 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información