Pedro Alonso Iglesias suma décadas de estudo do lobo. Foi coautor do recente documental ‘Entre pastores e lobos’, gravado na provincia de Ourense, e liderou o estudo que identificou a comarca da serra do Xistral (Lugo) como un dos puntos de maior densidade de lobos en Europa. Nesta entrevista, falamos con el sobre a situación demográfica do lobo en Galicia e sobre a falta de eficacia da lexislación que regula ó cánido. Alonso defende que a prioridade de xestión ten que pasar por un maior coidado da natureza, de xeito que o lobo teña alimento nos montes.
– Como está a situación do lobo actualmente en Galicia?
Eu considero que se atopa nun estado favorable, en termos demográficos da poboación. Dende o punto de vista ecolóxico, non é unha poboación homoxénea, que viva ou sobreviva de alimentarse da fauna silvestre. Hai moitas zonas de Galicia nas que este depredador depende, case exclusivamente, da gando equino, vacún, caprino ou ovino.
A pesar de que en moitas zonas si é certo que hai xabaril, estes depredadores tratan de equilibrar o esforzo que supón a captura dunha presa (buscala, derribala e matala). Toda a enerxía que poñen na captura ten que ser compensada coa biomasa que inxiren, de maneira que poidan render moito máis o esforzo que fan. É dicir, un grupo de lobos que nunha ladeira do monte conta cun grupo de bestas e poldros, van observar que son presas fáciles.
Se hai vacas, tamén preferirán atacar as vacas antes que os xabarís. Ademais, os porcos bravos para sobrevivir á caza e ás batidas achéganse ás vilas e aí os lobos non poden facer nada, porque teñen que facer as capturas dunha maneira discreta.
Hai moitas zonas de Galicia nas que o lobo, para a súa alimentación, depende case en exclusiva do gando
– En que áreas se rexistran máis danos?
Hai zonas como as montañas de Ourense ou o oriente de Lugo (Os Ancares ou O Courel) na que depredan máis corzos, porcos bravos… e non ocasionan tantos danos no gando extensivo. Porén, na parte central ou occidental de Galicia provocan numerosos danos, porque non poden alimentarse de fauna silvestre, xa que non hai. Isto leva a que as perdas económicas sexan elevadas.
– Cantas mandas constan nestes momentos?
No censo encargado pola Xunta entre 2021 e 2022 rexistráronse 93 unidades familiares. No anterior (2013-2014) eran 90. Tanto un coma o outro subestiman a poboación real. Na zona norte das provincias de A Coruña e Lugo, nun traballo que estou elaborando con outros compañeiros, estimamos a presenza de 23-24 grupos de lobos, cando o censo cita nada máis que 12. O mesmo acontece no resto de provincias e por iso publicaremos un artigo crítico neste sentido, porque se está a subestimar non menos dun 18-20 % da poboación real.
Os censos están subestimando a poboación de lobo en Galicia cando menos nun 18 – 20%
– Dende un punto de vista social, como está a percibirse a xestión do lobo?
Agora fálase de que o lobo está protexido e isto derivou nun rexeitamento por parte da poboación rural que está afectada polos seus ataques (sectores gandeiros ou cinexéticos, principalmente). En zonas rurais onde a poboación ten certa vitalidade aumentou a mortalidade do lobo a través de velenos, atropelos non accidentais, batidas camufladas coas do porco bravo, lazos que se poñen para o xabaril pero nos que cae o lobo e logo se mata etc.
Esta reacción exércea parte da poboación rural, e en xeral non se comprende que estando os efectivos do lobo nun estado favorable de conservación, se abandone e desatenda a gandería extensiva, especialmente a de equino e vacún, que se mantén en grandes extensións do monte veciñal onde os condicionantes e limitacións da aplicación de medidas preventivas de ataques de lobo son evidentes.
Son evidentes os condicionantes para medidas preventivas do gando extensivo, equino e vacún, nos montes veciñais
– Na normativa da UE, haberá algún cambio no futuro que modifique a protección do lobo en España?
A Comisión Europea abriu un proceso, que xa está pechado, para recoller informes e documentos en toda a UE para revisar o actual modelo de xestión do lobo. Isto vén determinado porque na última década hai un proceso de medre demográfico do lobo, especialmente en Alemaña e Francia.
Cabe dicir que o lobo é unha especie que se reproduce con bastante éxito alí onde non hai demasiada presión humana e debido ao gran nivel de abandono do rural que hai en Europa, prodúcense recolonizacións de especies coma o lobo, o oso ou o lince. Mais o incremento do lobo vai acompañado dun aumento dos ataques sobre a gandería extensiva, polo tanto provoca danos económicos. Por iso se aborda esta revisión, polo aumento dos ataques deste depredador.
Hai que puntualizar que xa Alemaña e Francia estableceron cotas de control demográfico, é dicir, fixan unha cantidade de lobos que se deben abater para controlar o incremento demográfico.
Alemaña e Francia estableceron cotas de control demográfico do lobo, é dicir, fixan a cantidade de lobos que se deben abater para controlar o seu censo
– En España, como se está a xestionar o lobo?
Antes da incorporación do lobo ó Listado de Especies en Protección (Lespre), comunidades como Castela e León, Asturias ou Cantabria aprobaban cada certo tempo uns plans de manexo nos que concretaban o número de lobos que se debían abater para exercer ese control. Unha vez que se incorporou o lobo ao Listado, toda posible acción de control está condicionada a un catálogo de medidas preventivas dos ataques á gandería.
Hai moitas comunidades que non están de acordo porque as medidas preventivas que e marcan non se axustan ás condicións de cada territorio. Como exemplo, este catálogo establece dúas medidas para o gando equino: impulsar un sistema de semiextensivo con peches e incorporar sementais de grande tamaño porque así defenderán mellor ao grupo. Isto en Galicia é ineficiente, primeiro, porque se vai en contra da tradición, que é ter as bestas nun monte veciñal totalmente libres. E segundo, porque a raza pura galega ten pouca alzada.
Aplicáronse criterios normativos que descoñecen ou ignoran abertamente a realidade
Polo tanto non se podería argumentar que se teñen aplicado medidas preventivas para xustificar ou acompañar a solicitude de control demográfico do lobo. Isto sucede por aplicar criterios normativos que descoñecen ou ignoran abertamente a realidade das diferentes situacións.
É preciso incorporar ao sector cinexético nas medidas de control do lobo
Cales serían as solucións para evitar os danos que provoca o lobo?
A realidade é que o lobo non precisa de protección, o que necesita é alimento. Para que teña alimento hai que coidar o territorio. Non serve ter unha superficie de espazos protexidos e logo, no resto do territorio, repartir patentes de corso para a súa destrución: eucaliptización, ríos desfeitos, masificación de parques eólicos… isto non é ningún modelo. Debemos coidar a natureza e a terra, tratando de conservar os aproveitamentos tradicionais e reducir os intensivos. Coa nova Lei de restauración dos ecosistemas da UE, teremos unhaoportunidade para introducir novos enfoques.
Agora mesmo e desde hai décadas, impúlsanse modelos forestalistas por centos de miles de hectáreas. Que alimento proporcionan estes espazos ás especies silvestres? Nada. Por iso se achegan máis ás vilas e cascos de poboación. Hai que cambiar os modelos de xestión cunha política transversal do rural, forestal e do monte.
– Pode existir unha autorregulación da poboación de lobos?
A poboación do lobo non se autorregula en ambientes humanizados, iso é unha falacia. O lobo incrementa a poboación se atopa as condicións necesarias e non se regula mentres os factores que permitiron ese incremento sigan operando, que é o que sucede nestes momentos nunha parte significativa do país. En cambio, alí onde os lobos se alimentan basicamente de especies silvestres, a estabilidade demográfica é a tónica xeral.
O control do lobo é inevitable nas zonas onde os danos ó gando son elevados
Nas zonas onde os danos son elevados e se pon en perigo a viabilidade das explotacións ou a supervivencia de aproveitamentos tradicionais, o control do lobo é inevitable. É peor mañá ter que matar 300 lobos, que hoxe 40, por iso é necesario incorporar ao sector cinexético a un marco legal de control.
E todas as prácticas furtivas que se saian dese marco hai que perseguilas con toda a forza da lei, para o que hai que dotar ao colectivo de axentes ambientais dos medios materiais necesarios e das adecuadas condicións laborais. E despregar esas medidas transversais que incidan na mellora dos hábitats e das condicións ecolóxicas e económicas do medio rural en xeral.
– Hai discrepancias entre ecoloxistas e gandeiros sobre como facer os controis de maneira efectiva, cal sería a maneira máis eficaz?
Primeiro hai que asumir que nalgúns contextos se deben facer controis e deben estar planificados, obedecendo a unhas circunstancias e requisitos concretos. As medidas para gando equino contempladas no catálogo anexo á Estratexia para a Xestión e Conservación do Lobo son completamente desafortunadas e non resolven nada, deberían ser retiradas dese catálogo.
Unha vez que se dispoña dunha base clara de medidas preventivas, hai que considerar a área de distribución do lobo, como están os grupos de lobos distribuídos, cales contan con maior produtividade, en que zonas teñen maior incidencia os danos, fixar zonas prioritarias para manter unha determinada densidade ou mesmo zonas onde o lobo non debería estar. Con estas premisas, fíxanse os controis.
En canto á posible desestruturación das mandas por controis, que é un mantra ao que se recorre sempre, hai áreas onde os grupos presentes están compostos por máis de 9 ou 10 exemplares e que só se alimentan de gando. Non hai que agardar a que un grupo familiar estea desestruturado para padecer unha incidencia enorme do lobo na gandería extensiva tradicional.
“Hai que facer unha aposta polo apoio ó pastoreo, do contrario a xente abandonará o campo”
– Recentemente houbo en Zamora un ataque mortal a unha persoa por parte de cans que protexían un rabaño. Como se poderían reducir estes incidentes?
Non é o primeiro caso de risco inminente, desgraciadamente este rematou cun final tráxico. Agora mesmo, comparten espazo o ecoturismo cos aproveitamentos tradicionais do gando, que normalmente están vixiados por mastíns. Cabe destacar que o gando menor soe estar vixiado por persoas, pero, por exemplo, na Cornixa Cantábrica hai vacas que pastan nun espazo diverso e amplo e contan con mastíns para protexer aos animais. Iso é un perigo porque eses mastíns están sos e a xente camiña pola zona. Aí non se poden pechar as vacas en semiextensivo para evitar o contacto entre cans e persoas porque son áreas abruptas e sería moi custoso. A única medida preventiva que lles queda son os mastíns. Salvo que existan axudas amplas para o pastoreo, a xente non vai estar no monte todo o día.
Hai que facer unha aposta clara polo pastoreo, porque senón desaparecerá. Débense evitar a toda costa este tipo de sucesos. Tensionan enormemente a xestión do conflito e teñen unha grande influencia para que a xente abandone as explotacións e o campo. Ante a imposibilidade ou a dificultade de ter mastíns, a demanda basculará entón cara un maior control poboacional do lobo.
Non é realista pensar en que o lobo ataque a humanos. Tampouco poño o brazo no lume, pero as posibilidades son remotas
– Desde algunhas organizacións agrarias advirten tamén de que o lobo pode chegar a ser un problema directo para os humanos. Como ve esa posibilidade?
Iso xa se falou bastante e abordouse dende varias perspectivas. Non creo que volvamos ao que acontecía hai 50 anos. O país mudou moito. Daquela existía unha poboación rural viva, con máis presenza no campo, menos luz, menos escopetas e os lobos atravesando unha situación complexa a nivel demográfico. Volver atrás, ao risco de ataques que existía antes, co nivel de iluminación actualmente existente en todo o medio rural, sen nenos e nenas no campo acompañando a persoas maiores nos seus traballos, e sen traballos tradicionais no campo, eu creo que non é realista. Non poño o brazo no lume, pero creo que as posibilidades son remotas.