Desenvolvemento rural

O GDR Limia-Arnoia rexistra 76 solicitudes para o desenvolvemento de proxectos no rural

Esta convocatoria foi na que o GDR recibiu un maior número de solicitudes. Dentro delas, 31 correspóndense con iniciativas produtivas procedentes de pequenas e medianas empresas, 20 públicas e 25 privadas

Campo Galego 18/02/2023 9:45 a.m.

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia pechou o prazo de solicitude de axudas a proxectos do territorio cun total de 76 solicitudes, o maior número de solicitudes de toda a comunidade. No caso de que se aprobaran todos, suporían unha inversión na zona de máis de sete millóns de euros. Entre as solicitudes presentadas hai 31 proxectos produtivos -procedentes de pequenas e medianas empresas-, 20 públicos -entidades públicas- e 25 privados -asociacións e comunidades de montes-.

Respecto ao total, máis do 70% están promovidos por mulleres e repártense polos diferentes municipios que compoñen o noso territorio. Así mesmo, estas solicitudes encádranse do Plan Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, que executa coa colaboración da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), polo cal, o GDR Limia-Arnoia ten concedidos un total de 710.392,92€ para o período 2023-2024.

Como novidade, esta foi a convocatoria na que o GDR recibiu un maior número de solicitudes. Para a coordinadora da entidade, Eva González, este feito demostra “por unha parte, as ganas que hai no noso territorio de apostar polo rural aproveitando os nosos propios recursos e, por outra, é un indicador de que a pesar de estar nun territorio con moitas dificultades demográficas o GDR Limia Arnoia está a levar a cabo unha importante labor de dinamización rural que ten os seus froitos”.

Etiquetado
Ir a la portada