Novo portal web con infomación actualizada do Inventario Forestal Continuo de Galicia

Novo portal web con infomación actualizada do Inventario Forestal Continuo de Galicia

A Consellería do Medio Rural -en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia- vén de desenvolver un novo portal web con toda a documentación e información do Inventario forestal continuo de Galicia. Trátase dunha páxina moi completa, onde se pode acceder a un visor cartográfico para a súa consulta ou a un centro que permite descargar diversos datos.

Poden verse as presentacións do proxecto do Inventario, artigos científicos, así como todo o relacionado cos cursos gratuítos de formación para poder participar como persoal de campo na toma de información das parcelas de inventariación.

A nova web enmárcase no convenio de colaboración asinado pola Consellería do Medio Rural e as universidades de Santiago de Compostela (USC) e Vigo (UVigo) en 2020, de cara ao desenvolvemento do referido Inventario forestal continuo. As actuacións comprendidas no acordo están dirixidas a realizar un traballo conxunto entre as institucións para coñecer a situación dos recursos forestais de Galicia e desenvolver plenamente a necesaria produción científica e académica en materia de inventarios forestais dos bosques galegos.

Nesa liña de colaboración, estanse a elaborar de xeito continuado resultados en forma de mapas e de datos provenientes das parcelas de inventariación que están a recoller as brigadas da empresa pública Seaga baixo os protocolos establecidos polas universidades galegas, e que serán os que se irán reflectindo na páxina web que se vén de estrear.

Consello Forestal de Galicia

No ano 2018 o Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia sinalaba que era necesario crear un “Sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia, como mecanismo que permitise facer diagnoses adecuadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.”

Comezados os traballos do Inventario forestal continuo, a Consellería do Medio Rural dirixiuse -en cooperación coas universidades galegas- ás entidades que compoñen o Consello Forestal de Galicia para trasladarlles unha enquisa electrónica co fin de coñecer as solucións ou requirimentos técnicos que as organizacións, asociacións e entidades involucradas no sector forestal galego desexaban que incorporase o Inventario.

Acceso á web do Inventario forestal continuo: https://invega.xunta.gal/
Acceso ao visor cartográfico: https://invega.xunta.gal/invega/web/visor-gis

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información