A nova Lei de Calidade Alimentaria de Galicia entra na súa recta final

O Consello da Xunta deulle o visto e prace a nova normativa, que actualiza a de 2005 para adaptar o sector á actualidade, e será remitida ao Parlamento para a súa aprobación definitiva. Entre as novidades incorpora un certificado de sustentabilidade, que acreditará que na elaboración do produto respectouse o medio ambiente, os dereitos dos traballadores ou que se pagou a materia prima a un prezo axeitado

A nova Lei de Calidade Alimentaria de Galicia entra na súa recta final

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo en valor a nova Lei de Calidade Alimentaria -á que hoxe o Consello da Xunta lle deu o visto e prace e será enviada ao Parlamento para a súa aprobación definitiva- xa que “garantirá a xa alta excelencia dos produtos agroalimentarios galegos e mellorará a súa competitividade no mercado”.

Rueda explicou que o marco nomativo que regula a calidade destes produtos en Galicia databa de 2005, polo que era precisa unha actualización para adaptalo á realidade actual do sector, en referencia a extensión do uso das novas tecnoloxías na producción ou a incorporación da venda en liña por parte dos produtores.

O presidente da Xunta explicou que o obxectivo deste texto legal é fomentar e garantir a elaboración de produtos sustentables e de calidade diferenciada en Galicia. E iso pasa, segundo precisou, por reforzar a seguridade xurídica das empresas do sector e dar as máximas garantías aos consumidores de que os produtos pasan polos máis rigorosos controis de calidade.

“Trátase de garantir a máxima calidade dos produtos elaborados e comercializados en Galicia. Buscamos que o feito de que un produto teña orixe galega sexa sinónimo de excelencia en todo o mundo”, resumiu sobre a lei o mandatario galego, quen asegurou que a futura normativa vai permitir avanzar nese camiño.

Certificado de sustentabilidade

Entre as novas medidas que incorpora a nova lei, Rueda salientou a creación dun certificado de sustentabilidade, que acreditará que na elaboración do produto respectouse o medio ambiente, os dereitos dos traballadores ou que se pagou a materia prima a un prezo axeitado.

O presidente autonómico aclarou que adherirse será algo voluntario. No entanto, puxo en valor que os produtos que cumpran os requisitos contarán cun logo identificativo.

“Deste xeito, Galicia vai ser a primeira comunidade de España en contar cunha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria”, subliñou Rueda sobre a importancia deste certificado.

Actualización do catálogo de infraccións e sancións

O mandatario galego tamén apuntou que a Lei tamén vai impulsar a produción dentro das denominacións de orixe ou das indicación xeográficas protexidas; afondar na profesionalización dos consellos reguladores; mellorar e actualizar o sistema de inspeccións e controis realizados polas administracións; e actualizar o catálogo de infraccións e sancións para adaptalo a nova realidade, como as vendas por Internet; incluír produtos que non estaban na lexislación actual, como os derivados do viño, en referencia ao mosto ou o vinagre.

Rueda precisou que a nova lei creará dous novos órganos de consulta e participación do propio sector. Un deles será o Consello Alimentario de Galicia, cuxo fin será o asesoramento na regulación, fomento e promoción da calidade alimentaria. O segundo órgano será a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada, que terá como obxectivo impulsar este eido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información