“Non se entende que a nova Lei do Solo prohiba ampliar as instalacións agrogandeiras nas aldeas”

Entrevista a Ana Rivas García, secretaria interventora do Concello de Becerreá (Lugo). Critica que a nova Lei do Solo de Galicia “non prevé a posibilidade de ampliar explotacións en solo de núcleo rural” das aldeas, algo que si facía a normativa anterior, e prohíbe a construción de novas granxas.

“Non se entende que a nova Lei do Solo prohiba ampliar as instalacións agrogandeiras nas aldeas”

Ana García Rivas

A nova Lei do Solo de Galicia (Lei 2/2016), en vigor desde marzo do pasado ano, introduce cambios nos usos agrarios e forestais no rural, sendo unha das maiores novidades a prohibición de ampliar ou construír granxas en solo de núcleo rural das aldeas, en tanto en solo rústico continúan os mesmos criterios á hora de autorizar ampliacións.

Para abordar as novidades da Lei do Solo, a Oficina Agraria Comarcal de Lugo organizou o pasado mes de decembro unha xornada técnica adicada a analizar o impacto no agro da nova normativa, a cargo de Ana María Rivas García, a secretaria interventora do Concello de Becerreá. Analizamos nesta entrevista os principais cambios que introduce a nova lei para as actividades agrogandeiras no rural.

A grandes rasgos, ¿Cales son as principais novidades da nova Lei do Solo no agro?
Non supón un cambio radical no réxime urbanístico tradicional. Con carácter xeral, mantén a clasificación do solo diferenciando en urbano, de núcleo rural, urbanizable e rústico.

A novidade máis significativa afecta ao solo rústico, pois mantén a vella distinción entre o solo de protección ordinaria e solo de especial protección, remitíndose agora para a súa definición e limitacións ao que estableza a lexislación sectorial e sen prexuizo das maiores limitacións contidas na propia lei, no seu caso.

¿Facilita a nova lei o traballo aos concellos? ¿E aos gandeiros?
En relación aos Concellos e con carácter xeral considero que non. Máis ben reduce o ámbito de colaboración entre os concellos e a Xunta, principalmente no relativo aos usos en solo rústico. Así, os usos autorizables mediante autorización autonómica previa se reducen, pasando a maior parte deles a ser de licenza directa.

Parece entón que a Xunta se desentende dos usos agropecuarios. De feito, só mantén a devandita autorización autonómica previa para construcións destinadas a usos residenciais vinculados á explotación agrícola ou gandeira e para construcións de natureza artesanal ou de reducida dimensión que alberguen actividades complementarias de primeira transformación, almacenamento e envasado de produtos do sector primario, sempre que garden relación directa coa natureza, extensión e destino da parcela ou explotación do recurso natural. Isto entra en contradición coa afirmación da exposición de motivos na que se sinala que a Lei do Solo aposta pola defensa e respecto do solo rústico, sen perder de vista a súa dimensión como solo produtivo e útil, que debe ser recollida e potenciada.

 “A situación máis difícil é para os novos gandeiros”

A Comunidade Autónoma deixa de exercer as súas competencias en materia de economía e loita contra o despoboamento, aspectos vinculados ao urbanismo de xeito moi estreito, máis aínda, atreveríame a dicir, cando eses últimos pasan por unha regulación axeitada do urbanismo.

Os gandeiros que continúan na súas explotacións van ter que facer números para modificar e basicamente para ampliar as súas explotacións. Agora ben, quen ao meu xuízo o ten máis difícil son os novos gandeiros pois para eles é o réxime máis rigoroso.

¿Considera que os concellos están preparados para asumir os cambios que comporta a nova Lei do Solo?
Os concellos estamos preparados para calquera cousa agás para a aplicación de rexímenes pouco claros que se resisten a modificar a nivel lexislativo e pretenden solventar con solucións peregrinas á marxe da xerarquía das normas.

A Consellería de Medio Ambiente abre a porta a que os concellos cun planeamento urbanístico en vigor permitan as ampliacións das explotacións gandeiras. Os sindicatos agrarios consideran insuficiente a medida, pois vai depender da boa vontade do goberno municipal e do peso que teña o sector gandeiro no municipio. ¿Comparte esta crítica? ¿Debería irse a unha solución máis global, de ámbito galego?
Si, como xa dixen con anterioridade, a Xunta de Galicia non pode lexislar a trozos. Se ten como preocupación e ten competencia no desenvolvemento económico e social e na loita contra o despoboamento, debe regular o urbanismo en Galicia desde estas perspectivas e segundo os obxectivos que cada goberno queira conquerir.

Cómo se han de levar a cabo as ampliacións das explotacións existentes e mesmo a súa nova implantación afecta tamén a estes aspectos, polo que a Xunta de Galicia non pode sen máis remitirse a cada instrumento de planeamento municipal.

¿Ralentizou a nova Lei do Solo a aprobación o pasado ano das licenzas municipais de obra para os plans de mellora nas explotacións gandeiras?
A entrada en vigor dunha nova lei sempre é un elemento distorsionador no noso traballo diario que require dunha adaptación tras o correspondente período de estudo e comprensión. Non considero que ralentizara especialmente a tramitación das licenzas urbanísticas e, en todo caso, si considero que non se lle pode pedir ao lexislador que analice as mellores datas para a aprobación e entrada en vigor das normas.

¿Que cambios introduce a nova Lei en canto á ampliación das instalacións gandeiras que están en solo rústico e para as que están en núcleo rural?
En contra do entendemento exacto do que é o dereito transitorio, a nova Lei e as súas disposicións transitorias veñen a perpetuar un réxime diferente ao do seu articulado, o que considero que non é de todo acertado.

As explotacións en solo rústico executadas ao amparo de licenza urbanística poderán manter o seu uso e mesmo amplialas cumprindo as condicións de edificación do artigo 39c) da Lei do Solo de Galicia.

“A nova lei non prevé a posibilidade de ampliar explotacións en solo de núcleo rural”

As existentes a un de xaneiro de 2003 poderán manter a súa actividade e amplialas sen superar o 50% e sen a necesidade de cumprir o artigo 39, agás no referente á altura. Na Lei non se prevé a posibilidade de ampliar explotacións en solo de núcleo rural cando si se previa na lexislación anterior.

Trátase de limitar as posibilidades de ubicalas en entornos de vivendas nas nosas aldeas, unha posición que non considero lóxica se se aposta polo rural e o mantemento da vida nos pobos. Sería asumible se fora unha decisión política pero agora resulta que en contra do lexislador, o goberno da Xunta de Galicia corrixe vía regulamentaria esta posibilidade cando un regulamento non pode contradicir unha lei, polo que o máis axeitado, se houbo un cambio de criterio, sería modificar ésta.

Ábrese así a posibilidade de distintas interpretacións que cando están en xogo políticas públicas económicas, de loita contra o despoboamento e outras, debería quedar claras por parte do lexislador.

E para construír novas explotacións gandeiras, ¿Que di a nova normativa?
Ás novas explotacións aplícase o novo dereito na materia recollido na Lei do Solo sendo para elas o réxime máis rigoroso pois deben cumprir sen excepción todas as condicións previstas no artigo 39 da Lei para solo rústico. E en solo de núcleo rural están prohibidas salvo pequenas construcións artesanais ou para o autoconsumo.

Desde o punto de vista medioambiental, ¿Cales son os principais cambios que introduce a nova Lei do Solo para as explotacións agrogandeiras?
No hai novidades destacables nesta Lei dende o punto de vista ambiental incidindo máis outras normas como a Lei de Montes e a de Incendios Forestais que, non obstante, agora teñen que ser lidas tendo en conta tamén esta Lei do Solo.

A título persoal, ¿Como valora a nova Lei do Solo e que aspectos melloraría para a súa aplicación no agro, e no sector agrogandeiro en particular?
As leis teñen que ser froito da estratexia política de cada goberno para solventar os problemas reais da nosa sociedade. Coido que estamos todos de acordo en que o desenvolvemento económico e social do país é un dos grandes problemas xunto co demográfico. O lexislador autonómico parece tamén estar de acordo pero á hora de establecer unha liña estratéxica e unhas políticas concretas boto en falla unha posición máis decidida en orde a seguir mantendo, ou non, no solo de núcleo rural a actividade agrogandeira.

 “Boto en falta unha aposta da Xunta para seguir mantendo no solo de núcleo rural a actividade agrogandeira”

Persoalmente creo que para fixar poboación nas aldeas hai que ofrecer recursos económicos que practicamente se reducen aos do sector turístico e agrogandeiro, principalmente este último na Galicia do interior, xa que non todos vivimos no Eixo Atlántico.

Neste sentido, considero que deberiamos manter o réxime anterior en orde á posibilidade de ampliación de explotacións existentes e mesmo para as novas, co cumprimento dos requisitos que se estableceran para garantir o dereito de todos ao medio ambiente. Pero sempre sen esquecer que de momento, son os gandeiros e agricultores do noso país os que si están colaborando por cumprir os obxectivos da Estratexia Europea 2020, unha estratexia para un crecemento intelixente, sostible e integrador, pola seguridade alimentaria, pola protección do medio ambiente, pola loita contra o cambio climático…. Por iso creo que debemos apostar polos nosos agricultores e gandeiros.

Una idea sobre ““Non se entende que a nova Lei do Solo prohiba ampliar as instalacións agrogandeiras nas aldeas”

  1. moncho

    Se siguen asi cas distancias e as hectareas asociadas teremos que marchar todos de cara as castillas porque aqui con tanto e tanto requisito leis distancias hectareas purins almacenamentos benestar cetificacions e todo o que se nos veña a cabeza a veces penso que ten que haber un grupo de iluminados gañando sueldazos e xa non saben que facer para xustificalos aparte de foder o gandeiro claro xao di o refran querelle facer tanto o demo a sua nai que sacalle os ollos e cagalle nos buracos

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información