Mostra Galega de Apicultura esta fin de semana en Arzúa

A 36 edición desta cita de referencia organizada por AGA contará cun foro sobre apiturismo e outro sobre apicultura, ademais de múltiples actividades para todos os públicos

Unha das palestras formativas impartida nunha edición anterior da Mostra Galega de Apicultura antes da covid-19

Unha das charlas formativas impartida nunha edición anterior da Mostra Galega de Apicultura antes da covid-19

Esta fin de semana, en concreto os días 3 e 4 de xullo, celebrarase en Arzúa, na sede do Centro do Queixo e do Mel e na carballeira anexa, a 36ª Mostra Galega de Apicultura, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (AGA), que se centrará nun foro de apiturismo e máis nun foro formativo de apicultura, á parte da exposición e do visionado do vídeo sobre o apiturismo e o control da velutina, a exposición Máis que Mel!, a feira de material apícola e as visitas ao Enredo do Abelleiro.

No Foro de Apiturismo haberá palestras sobre as distintas rutas de apiturismo a cargo de estudosos e especialistas na materia. Así, o sábado tratarase o apiturismo na Serra do Candán, na Costa da Morte, no Courel e na Serra do Xurés, e o domingo nos Ancares, na Ribeira Sacra, así como o patrimonio cereiro de Galicia.

Todo o programa está organizado tendo en conta as circunstancias que impón a covid-19, sendo necesario inscribirse previamente

En paralelo, desenvolveranse actividades propias da 36ª Mostra Galega de Apicultura, dentro da cal se celebrará o Foro de Apicultura 2021, por medio do Plan de Formación ao Agro Galego da AGACAL e financiado con fondos Feader.

Todos os actos serán presentados polo actor e apicultor Avelino González e o xantar campestre será amenizado polo Mestre Cociña e o seu acordeón. Así mesmo, tamén haberá unha carpa para a xente miúda.

Todo o programa está organizado tendo en conta as circunstancias especiais que impón a covid-19, sendo necesario inscribirse previamente na páxina de AGA para participar nas distintas actividades. Para o sábado o aforo está xa completo e só quedan prazas libres para o domingo. 

Formación e novidades técnicas

As accións formativas terán lugar ao aire libre en dez carpas instaladas tanto no Parque dos Polinizadores coma na carballeira lindante. Ao igual que o resto do progama, está organizado tendo en conta la situación de pandemia sanitaria.

As palestras sobre apicultura terán lugar ao aire libre en 10 carpas habilitadas

Tamén haberá carpas para a cata de meles IXP Mel de Galicia e a degustación de Meles Cinco estrelas de AGA, así como elaboracións. Na carpa de Máis que Mel!, disertarase coas persoas asistentes sobre a própole e o pole. E nas outras carpas trataranse temas de interese como a reprodución das abellas, a alimentación natural e complementaria das abellas, a sanidade apícola, o control do tártago Vespa velutina desde o punto de vista práctico e científico, a produción ecolóxica e as innovacións apícolas.

Roteiros de Apiturismo

En Galicia, arredor do mundo das abellas, desenvolveuse unha actividade milenaria, da que dan boa conta unha morea de construcións, denominadas alvarizas, alvares, oseiras, abelleiras ou cortíns, que xa forman parte da contorna paisaxística e do acervo cultural do noso pobo.

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) conta cun Programa de Apiturismo en toda Galicia, que permite realizar as visitas a estas paraxes de interese apícola, xa sexa de xeito individual ou en grupo, logo dunha solicitude na oficina central de Arzúa.

Este programa de turismo cultural e de natureza ofrece visitas a paraxes de interese apícola de distintas zonas de Galicia

Este programa de turismo de natureza e cultural ofrece visitas á apicultura de montaña dos Ancares e O Courel, á apicultura heroica da Ribeira Sacra, á apicultura de muros e lacenas da Costa da Morte e á apicultura con teitos de palla da Serra do Xurés, entre outros, así como aos sonados lagares, ás pías e ás eiras da cera das provincias de Pontevedra e Ourense.

Distincións ‘Corenta anos facendo camiño’

O domingo día 4, ás 13.30 horas, entregaranse as distincións de AGA Corenta anos facendo camiño, que recaerán nas seguintes institucións e persoas:

1.- Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, polo seu apoio ao Programa de Apiturismo da Asociación Galega de Apicultura, con sete rutas de apiturismo postas en funcionamento no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.- La Voz de Galicia, pola abundante información sobre a Vespa velutina nas súas páxinas desde a aparición desta praga para a apicultura.

3.- Concello de Allariz, pola cooperación con AGA na creación da Escola Galega de Apicultura.

4.- Concello de Arzúa, pola súa colaboración con AGA e Erica Mel desde a súa instalación nese concello.

5.- Concello de Oleiros, pola organización anual da afamada Feira do Mel.

6.- O Enredo do Abelleiro, Portodemouros, Arzúa, pola participación con AGA na elaboración do Concurso de Meles Cinco Estrelas.

7.- Irmáns Santiago e Ramón Leiras Pértega, polo seu traballo a prol da DAGA de Mondoñedo.

Programa completo: 

FORO DE APICULTURA FORO DE APICULTURA FORO DE APICULTURA FORO DE APICULTURA

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información