Mazaricos celebra este sábado a Xornada Técnica do Sector Lácteo e o domingo a poxa de xovencas

Mazaricos celebra este sábado a Xornada Técnica do Sector Lácteo e o domingo a poxa de xovencas

Esta fin de semana finaliza Semana Gandeira de Mazaricos organizada polo concello, a asociación Gandeiros de Mazaricos e Africor Coruña. O programa inclúe unha ampla oferta tanto de carácter técnico e comercial como lúdico-festivo.

O sábado pola mañá celebrarase na Casa da Cultura da Picota a Xornada Técnica do Sector Lácteo. A xornada abrirase ás 10:00 horas cunha charla de Jesús Combarro, director de Bancoagro (Abanca) sobre os produtos específicos desta entidade financeira para os gandeiros.

A continuación, Juan Freire Quintáns, asesor técnico da Cooperativa Agraria Provincial, falará sobre se “É rendible producir leite en Galicia?”. Ás 11:15 horas está prevista unha charla sobre “Propiedades do leite na saúde humana: mitos e realidades dende o punto de vista científico”, impartida por Carlos Spuch Calvar, investigador do Instituto de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo.

Despois dunha pausa café, ás 12:15 retomarase a actividade cunha ponencia sobre “Alimentación, manexo e eficiencia alimentaria”, a cargo de Adrián González Garrido, veterinario e nutricionista de Diagnosis Animal S.L.

E ás 13:00 horas chegará a quenda da mesa redonda sobre “Retos, oportunidades e realidades do sector lácteo”. Nela participarán Ismael Herruzo, gandeiro de Córdoba e membro da Cooperativa Valle de los Pedroches (COVAP); Ángel Miranda González, director da área de alimentación da Cooperativa Os Irmandiños; Xosé Turnes, presidente da Asociación Terra e Leite. O veterinario Marcos Fernández exercerá de moderador.

A clausura correrá a cargo do alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro, e da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Campionato de muxido e concerto de “De Vacas” pola tarde

Xa pola tarde, e no Pavillón Polideportivo da Picota, actuará a partir das 17:00 horas o grupo musical “De vacas”. A continuación entregaranse os premios dos concursos de debuxo e de fotografía.

A xornada do sábado rematará cun campionato de muxido a man. A Asociación de Gandeiros de Mazaricos presta a súa mellor vaca para que sexa a anfitrioa do Campionato de Muxido: A Mazarica

Domingo: Poxa de Xovencas

A Semana Gandeira de Mazaricos rematará o domingo coa poxa de xovencas de raza Frisona. Comezará a partir das 11:00 da mañá no pavillón polideportivo da Picota. Ademais, repartiranse rifas gratis para o sorteo de máis de 1.500 euros en regalos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información