A visibilización, exaltación e promoción dos viños, augardentes e licores tradicionais elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, así como recoñecer o saber facer dos adegueiros e augardenteiros galegos, é o obxectivo polo que todos os anos a Consellería do Medio Rural pon en marcha as Catas de Galicia. Un certame que culmina coa tradicional gala de entrega de Acios e Potes.
Nesta ocasión, a celebración correspondeuse coa XXXV Cata dos Viños, XXV Cata das Augardentes e XII Cata dos Licores Tradicionais de Galicia. Tivo lugar ás 19.00 h deste luns, 26 de xuño, no Pazo Quián en Sergude, pertencente ao concello coruñés de Boqueixón. Baixo o título Os Acios do Bo Facer, fíxose entrega dos cobizados Acios aos mellores viños de Galicia, así como dos esperados Potes que distinguen aos mellores Augardentes, Licor Café e Licor de Herbas da nosa comunidade.
Entre os premios máis destacados, como mellor viño branco de Galicia foi elixido o Terras de Abelán, da Denominación de orixe (D.O) Rías Baixas. En tintos, o mellor de Galicia foi Viña Vella, da Sat Virxe dos Remedios, na D.O Ribeira Sacra. Pódese consultar neste documento a lista completa de premiados.
A maiores dos premios dentro das categorías habituais, este ano tamén se outorgou un Acio de Ouro de Honra, premio honorífico que recaería en Fernando Garrido Valenzuela, enxeñeiro agrónomo e Conselleiro de Agricultura da Xunta de Galicia no ano 1987, pola súa contribución á hora de rescatar, modernizar e impulsar a viticultura galega.
Cabe recordar que os gañadores de cada categoría foron elixidos tras un proceso de cata a cegas levado a cabo entre os días 5 e 9 de xuño por unha vintena de expertos, encargados de avaliar sensorialmente as 384 mostras de tintos e brancos pertencentes 166 adegas, e as 44 mostras de augardente, licor de herbas e licor café correspondentes a 16 industrias galegas.