Gandeiros organizados e relacións estables na cadea láctea, claves para o futuro do sector

Resumo das intervencións na mesa redonda sobre a situación actual e as perspectivas de futuro do mercado lácteo, celebrada en Lugo o pasado venres dentro das XIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

Gandeiros organizados e relacións estables na cadea láctea, claves para o futuro do sector

Imaxe da mesa redonda. Autor: Transmedia

Organización dos gandeiros a través das Organizacións de Produtores; aplicación real dos contratos e que estes se adapten a un mercado con prezos do leite cambiante, e relacións estables entre gandeiros, industria e distribución. Estas son algunhas das claves de futuro para o sector que se poden extraer da mesa redonda sobre a situación actual e as perspectivas de futuro do mercado lácteo que se celebrou o pasado venres en Lugo.

O encontro tivo lugar dentro das XIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro e na mesa participaron o director xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Fernando Miranda; o director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil); Luis Calabozo; o representante da Asociación Española de Distribuidores, Autoservizos e Supermercados (Asedas), que representa o 66,7% da superficie de venda de alimentación en España, Felipe Medina; e o profesor asociado do Departamento de Economía Aplicada na Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC, Jorge Antonio Santiso. O debate estivo moderado por Francisco Sineiro, profesor titular do Departamento de Economía Aplicada na Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC.

Velaquí ofrecemos un resumo das intervencións dos distintos participantes, tanto nas súas exposicións como nas respostas ás numerosas preguntas do público.

Fernando Miranda, director xeral de Producións e Mercados Agrarios do MAGRAMA

No sector lácteo vivimos os pasados meses unha tormenta perfecta, despois de dous anos, o 2013 e o 2014, con moi boas condicións de prezos.

En España hai un escaso nivel de organización dos gandeiros, con escaso peso das cooperativas con capacidade de transformación industrial e unha industria moi volcada no leite líquido e con carencias en fabricación de produtos lácteos de alto valor engadido e de longa vida.

Medidas postas en marcha polo MAGRAMA: entre outras axudas á constitución de Organizacións de Produtores de ámbito supraautonómico.

Fernando Miranda: “Un sistema de compras a longo prazo da distribución á industria vai permitir valorizar o leite”

Acordo lácteo: o máis importante é que a distribución cambie o seu sistema de poxas por un sistema de compras a longo prazo, pois iso vai permitir valorizar o produto. O leite non se pode comprar con subastas quincenais ou semanais, porque cando un xefe de compras presume de que está a comprar o leite a 40 céntimos está a arruinar ao gandeiro.

Publicaremos en decembro o primeiro informe sobre o cumprimento do acordo lácteo, sinalando públicamente ás industrias ou empresas de distribución que o incumpren para que sexa o consumidor e a sociedade quen sancionen. É todo o que legalmente podemos facer, xa que a Unión Europea prohíbe fixar prezos de forma directa ou indirecta para todo un sector, aínda que si se pode facer a través dunha Organización de Produtores.

Hai 95 primeiros compradores, e deles o 80% son cooperativas. Neste sentido, hai gandeiros que están traballando para estas cooperativas primeiro compradores e non as cooperativas para eles.

Fernando Miranda: “De aquí a 2020 prevese que en España cheguemos a producir 7 millóns de toneladas”

O futuro? España vai medrar en produción de leite e de aquí ao 2020 prevese que cheguemos a producir 7 millóns de toneladas anuais. Co acordo lácteo iniciamos unha nova cultura de diálogo intersectorial. Non hai solucións máxicas a curto prazo e agora todo depende máis da capacidade do sector de falar entre si e de organizarse.

Luís Calabozo, director xeral da Fenil

Coa fin do sistema de cotas comezou unha nova época na que haberá volatilidade de prezos do leite, das materias primas e da produción láctea. Dende o ano 2007 o leite compórtase como calquera commoditie global e iso non vai cambiar. En todo caso, unha volatilidade extrema pode destruír a oferta de leite, a capacidade da industria e cambiar os hábitos dos consumidores cara outros produtos.

Luis Calabozo: “Non hai garantías de que todos os gandeiros dunha OP asuman un acordo en canto a volume e prezo”

O prezo do leite estandarizado, a 3,7 de graxa e 3,1 de proteína, é similar en España, Francia e Alemaña.

Cando unha industria vai negociar cunha Organización de Produtores ten ter garantías de que os contratos vanse cumprir. E a día de hoxe non se garante que que os contratos coas OP´s sexan asumibles en prezo e volume por todos os gandeiros integrantes. Ademais, se nunha OP hai cooperativas industriais que transforman o leite hai un conflito de intereses coa industria á que lle vende o leite a OP.

Sobre as marcas brancas, a distribución acostumou ao consumidor a elixir supermercado polo prezo do leite da marca branca e deste xeito non sobe o prezo de venda ao público. As marcas brancas acaban tirando á baixa o prezo das marcas dos fabricantes.

Luis Calabozo: “As marcas brancas acaban tirando á baixa o prezo das marcas dos fabricantes”

O noso futuro depende de que a poboación se convenza da necesidade de consumir produtos lácteos. En España, ata o mes de setembro as vendas de leite líquido caeron un 4% en volume, un 6% en valor e un 2,7% no prezo de venda ao consumidor.

O aumento da demanda de leite a nivel mundial vai depender do aumento do nivel de renda e do aumeto da poboación, e estas dúas variables parece que se manteñen en liña positiva.

Como dato positivo, hai que salientar que nos últimos 5 anos España pasou de importar 3,52 millóns de toneladas de leite a 3,33 e de exportar 0,77 millóns de toneladas a 1,25. É dicir, gañamos cota de mercado en España e no extranxeiro

Felipe Medina: representante de ASEDAS

Na próxima década a Comisión Europea prevé un aumento do 9% na produción de leite na Unión Europea.

Está caendo de xeito moi importante o consumo de leite líquido, sobre todo na xente nova. Temos que preocuparnos moito de como recuperalos para o consumo.

3 céntimos máis sobre o prezo do leite fan que o consumidor cambie de supermercado.

Son inxustos os ataques ás marcas brancas. Os gandeiros que facían leite de marca branca dunha importante cooperativa -en referencia a COVAP, que elabora a marca branca de Mercadona- foron durante a crise dos que mellores prezos recibiron. Ademais, un prezo baixo do leite no lineal dunha tenda non ten porque ter detrás a gandeiros mal pagados, e viceversa.

Felipe Medina: “Por tres céntimos de diferencia no prezo do leite o consumidor cambia de supermercado”

Dende o primeiro momento a distribución estivo a favor do acordo lácteo. Neste sentido, estamos a traballar coa INLAC para definir que é banalización do produto e que é promoción. Estamos tamén traballando en cal é a forma máis idónea de comunicar a orixe do leite, pero sobre todo dos produtos lácteos, que a veces levan ingredientes que non son elaborados en España.

Non estamos de acordo en que se demonicen as subastas de leite. Está reguladas pola Lei da Cadea Alimentaria e, polo tanto, son legais. Ademais, non toda a distribución compra o leite a 1 ou a 2 meses. De feito, a primeira empresa de distribución en España -en referencia a Mercadona- fai contratos indefinidos para o subministro de leite e a maioría das empresas de distribución con marca branca teñen contratos a un ano.

Jorge Santiso, profesor da Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da Universidade de Santiago de Compostela

O sector necesita información fiable e crible para xestionar os volumes de leite que se producen en España, una información que a día de hoxe non temos.

Hai tamén un problema de xestión da volatilidade de prezos do leite no mercado, que non se está a trasladar do campo aos consumidores. Eso crea tensións na cadea: especialmente aos gandeiros cando baixan os prezos e á industria cando soben porque non o poden trasladar á distribución.

Jorge Santiso: “A administración non debe permitir que quen estea nunha OP asine un contrato individual”

Neste sentido, é urxente unha maior implicación da administración para que se implanten os contratos e as Organizacións de Produtores. A administración non debe permitir que quen estea nunha OP asine un contrato individual coa industria á marxe da OP.

Autor: Jorge Santiso

Autor: Jorge Santiso

As perspectivas para os próximos anos son de prezos inestables e impredecibles e de dificultades para concretar volumes. O problema do prezo e do volume debe contemplarse nos contratos e para iso existen mecanismos que permiten compatibilizar contratos estables en mercados inestables, a través de fórmulas como a indexación de prezos ou un modelo de dobre volume e dobre prezo, que permita axustar os volumes ás producións.

Os gandeiros tamén se deberían organizar para a venda e a transformación do leite, é unha das claves de futuro. Como reflexión final, penso que o futuro pasa pola organización dos gandeiros, pola aplicación real dos contratos e polas Organizacións de Produtores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información