Galicia elixe os seus mellores meles con récord de participación

Galicia elixe os seus mellores meles con récord de participación

A Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, será testemuña este luns da décimo novena edición da Cata dos Meles de Galicia, un certame que ten como finalidade premiar o saber facer e a dedicación dos apicultores e envasadores galegos, así como a excelente calidade dos meles autóctonos. A partir das 09.00 horas deste luns, 36 meles acollidas á IXP Mel de Galicia, procedentes de 25 industrias envasadoras, competirán por erixirse coma as mellores da comunidade neste 2020.

“Estas cifras baten un récord de participación, situándose por riba das acadadas na pasada edición, con 32 mostras saídas de 20 industrias envasadoras, o que pon en relevo novamente a saúde da que goza este selo de calidade que, neste mesmo ano, tamén viviu un importante incremento das altas no número de envasadoras, así coma un ascenso na cifra de novos apicultores que apostan por esta actividade coma modo de vida sostible”, destacan dende o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia.

A análise sensorial máis rigorosa

Sete expertos en análise sensorial serán os encargados de elixir mediante o sistema de “cata a cegas”, aos meles dignos de galardón, tras unha pre-cata inicial e unha cata final que se celebra hoxe Cidade da Cultura, respectando estritamente as medidas de seguridade sanitaria.

Á súa análise someteranse as mostras participantes, entre as que se establecen dúas categorías: meles monoflorais e multiflorais. De cada unha delas, a través desta cata-concurso, designaranse as distincións Ouro, Prata e Bronce que se entregarán este xoves durante a gala das Catas de Galicia 2020: XXIII Cata dos Queixos e XIX Cata dos Meles.

“A importancia desta cita vese reforzada se temos en conta que estamos a falar do Consello Regulador de España que maior cantidade de mel certifica e o único con panel de cata propio. De feito, serán seis os representantes deste cadro os que participarán en calidade de expertos no proceso de cata, aos que se sumará un recoñecido chef galego”, salientan dende o CRIXP Mel de Galicia.

A entrega de premios poderá vivirse en streaming

Co obxecto de cumprir de forma rigorosa coas medidas sanitarias e de aforo pertinentes, a XXII Cata dos Queixos e a XIX Cata dos Meles celebrarase reducindo ao máximo o número de persoas asistentes, de tal forma que sexa absolutamente seguro para tódolos presentes. Así, esta gala de entrega será retransmitida en streaming para que todos os que queiran estar presentes dalgunha forma, poidan seguila a través de calquera dispositivo.

Apoio da Xunta

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, en colaboración co Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, convoca anualmente esta cata-concurso co obxecto de distinguir, revalorizar e poñer o acento na extraordinaria calidade dun dos produtos senlleiros do agro galego: o ouro doce da natureza galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información