Friol reivindica a Feira do Queixo e do Pan de Ousá como un referente en Galicia

O alcalde de Friol, José Santos, debulla o que será a XXX Edición da Feira do Queixo e do Pan de Ousá, que se celebra o víndeiro día 24

Friol reivindica a Feira do Queixo e do Pan de Ousá como un referente en Galicia

Que significa para Friol esta 30ª Edición da súa ‘Feira do Queixo e Pan de Ousá?
Efectivamente, o vindeiro domingo 24 de marzo estamos de celebración aquí en Friol, porque a nosa Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá cumpre 30 anos: desde 1993 sen perder a esencia e amosando ao mundo o mellor da nosa terra e o bo facer da nosa xente, promocionando os saberes e sabores de Friol. 30 anos nos que a nosa Feira pasou de ser unha pequena celebración local a converterse hoxe nunha das festas gastronómicas referentes de Galicia. A Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá significa cada ano un impulso económico en todos os sentidos, xa que, ademáis de promocionar os dous productos gastronómicos estrela que temos no municipio, como son o queixo e o pan, tamén é un impulso para o resto de sectores de actividade, como o comercio, a hostalería e alimentación. Pero ademais tamén serve de empuxe turístico durante todo o ano, xa que, ao ser recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia, consolida a Friol como destino turístico e garante un maior número de visitas tanto de xente de Galicia como do resto de España, dando a coñecer o municipio de Friol.

Como será o formato da Feira este ano en canto á exposición dos produtos?
En canto ao formato da feira mantemos a mesma infraestructura dos últimos anos, unha vez consolidadas as melloras que tivemos que introducir despois da pandemia, modernizándoa cada vez máis e adaptándonos aos novos tempos. Na praza Andón Cebreiro instalarase a tradicional carpa que serve como eixo do recinto feiral, e no seu interior os produtores locais de queixo e pan organízanse en diferentes stands. Arredor da carpa instalaranse outros postos de venda dos diferentes produtos agroalimentarios do Municipio. E na Praza Rosalía de Castro e nas rúas colindantes coa praza estarán expostos produtos de diferentes sectores, como artesanía, textil, etc; que, como é habitual, non terán que pagar ningún tipo de taxa municipal.

Cales son as previsións de participación para esta edición?
Levamos dous anos marcando cifras históricas de participación e resulta difícil seguir superándose, pero desde o Concello temos preparado un ambicioso programa de actividades para celebrar esta edición da Feira, coa esperanza de manter a mesma cantidade de público, e incluso, se o bo tempo nos acompaña, mesmo superar as 30.000 persoas que nos visiten nesta 30ª Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá. En canto á participación de queixeiras e panaderías, mantéñense os números de anos anteriores, con unas 60 queixeiras e 5 panaderías que estarán expoñendo os seus productos. Pola información que nos fan chegar os produtores, poido asegurar xa que a Feira deste ano será de novo un grande éxito. E a maiores, como todos os anos, a capitalidade do municipio estará ese día ateigada de expositores de diferentes sectores, xa que na contorna da carpa principal ubicaranse numerosos stands de produtos agroalimentarios do municipio, tamén de ámbito textil, e distintos postos de hostalería tradicional.

Cales son as principais novidades do programa da Feira para este ano?
Os actos do día da Feira seguen a estrutura habitual, así que ás 11 da mañá do domingo 24 de marzo estaremos inaugurando esta 30ª edición. Durante toda a mañá haberá pasarrúas a cargo de ‘Xesta Verde’ de Friol. Ás 7 da tarde o salón de actos do Centro Sociocultural acollerá un concerto de música folk a cargo do grupo ‘Comando Curuxás’. E a partir das 10 e media da noite dará comezo a romaría, que nesta edición amenizará a ‘Orquestra Marbella’. Como motivo deste 30 aniversario celebraremos un acto especial o venres 22 de marzo no Centro Sociocultural, no que se proxectará un novo documental sobre a historia da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá e tamén se fará unha homenaxe aos nosos produtores locais.

O público infantil terá algún protagonismo na feira?
Despois do grande éxito do ano pasado, este ano volvemos organizar un obradoiro infantil de elaboración do queixo de Friol, aberto a tódolos pequenos do noso municipio para que coñezan a maneira de elaborar este produto tan noso, e inculcarlles o valor que supoñen estes produtos para o rural.

Cal é o segredo do Queixo de Friol e do Pan de Ousá?
Non hai segredo máis aló de dispoñer dunhas materias primas de máxima calidade, o excelente sector primario de Friol e o bo facer artesán das nosas queixeiras e os nosos panadeiros.
O queixo de Friol e o pan de Ousá son xa dous produtos consolidados, coñecidos en toda a xeografía galega, e agora empezan a selo tamén no ámbito nacional e internacional. Incluso tanto queixeiras como panaderías teñen moita máis demanda que a súa propia producción. Por iso nos últimos anos fixeron un esforzo transformando e modernizando as súas instalacións para poder ampliar esta producción, sobre todo nas queixerías.

Que expectativas de futuro pode ter unha feira tradicional como a de Friol?
Desde o Concello de Friol apostamos non só pola continuidade e futuro da nosa Feira do Queixo e Pan de Ousá, senón tamén estamos impulsando outras celebracións como a Feira Mensual, que, despois de 12 anos celebrándose no recinto do mercado gandeiro, a partir do vindeiro domingo 7 de abril volverá celebrarse cada primeiro domingo de mes no centro da capitalidade. Así queremos promocionar os ‘Saberes e Sabores de Friol’ para poñer en valor a nosa cultura popular, mantendo vivas as nosas tradicións, fortalecendo o sistema económico e produtivo de Friol e impulsando os nosos produtos agroalimentarios para seguir dinamizando e impulsando o sector primario do municipio e continuar potenciando o sector empresarial e o comercio local

FRIOL2024_CARTEL

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información