Un grupo de 12 alumnos de segundo curso do ciclo superior de Xestión Forestal e Medio Natural do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Lourizán, localizado en Pontevedra, levaron a cabo unha viaxe formativa ás Illas Cíes ao longo de catro días para valorar a aprendizaxe adquirida dentro desta disciplina educativa.
Baixo a tutela do persoal do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e do profesorado do CFEA, os estudantes tiveron a posibilidade de actuar dentro dos espazos desta contorna natural para desenvolver in situ, e con especialistas altamente cualificados, actividades vinculadas cos aspectos modulares recollidos dentro da oferta formativa do Ciclo superior de Xestión Forestal e do Medio Natural.
Deste xeito, puideron abordar cuestións de botánica agronómica, topografía, fitopatoloxía, proxecto de viveiros, técnicas de educación ambiental, xestión cinexética, defensa contra os incendios forestais e xestión da conservación de montes e do medio natural.
A finalidade desta visita foi a de analizar as posibilidades, tanto da contorna como a nivel material e humano, para establecer un proxecto pedagóxico e accións formativas para a realización da FCT -formación en centros de traballo- por parte dos alumnos, e na liña da transferencia de coñecemento por parte do persoal dos parques nacionais cara os estudantes.
Este proxecto buscou a recollida de material vexetativo de interese singular para que os alumnos os poidan replicalos nos viveiros do CFEA de Lourizán, coa fin da súa propagación e engorde para entregalos posteriormente tanto aos técnicos de parques naturais como do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, co obxectivo final de que os alumnos rematen o peche deste ciclo produtivo coa posta en práctica de diferentes técnicas de plantación, baixo a dirección técnica e seguimento da trazabilidade por parte de dito persoal se isto fose preciso.