Contar cos 300 gandeiros de España cos menores custos de produción, situando os mesmos en menos de 300 euros por cada mil litros. Este é o obxectivo do Proxecto 300, unha iniciativa que a cooperativa Feiraco poñerá en marcha este ano, e cuxas liñas xerais avanzou recentemente o director de Recursos Agrogandeiros da cooperativa, Alfonso Raffin, durante VII Xornada de Xestión de Vacún de Leite celebrado na EFA Fonteboa, en Coristanco (A Coruña).
E é que segundo explicou o representante de FEIRACO “a única posibilidade para os produtores lácteos galegos é integrarse en cooperativas para reducir custos e diferenciarse no mercado”. Neste sentido, subliña que “o principio da rendibilidade é o custo de produción”.
Para iso, Alfonso Raffin avanzou que “imos poñer en marcha este ano o Proxecto 300: ter en Feiraco aos 300 gandeiros de España cos menores custos de produción, situando os mesmos en menos de 300 euros por cada mil litros”. Actualmente os custos de produción dos arredor de 500 gandeiros socios de Feiraco son dispares, sen que exista unha relación directa entre tamaño da explotación e custos de produción.
Neste sentido, o desafío que se expón aos 300 gandeiros socios de Feiraco é baixar o custo medio de produción do litro 5 céntimos, un 17%, ata situalo nun límite máximo de 30 céntimos por litro. Hai que lembrar que segundo os cálculos do Ministerio de Agricultura os custos de produción do leite en España están nunha media de 34 céntimos o litro.
“Pensamos que podemos baixar de media ata 50 euros por cada 1.000 litros, reducindo sobre todo os gastos de insumos agrícolas agrupando a demanda e tamén mellorando noutros ingresos como a venda de tenreiros ou de xovencas”, asegurou Raffin na súa intervención durante na EFA Fonteboa.
Ademais, a filosofía do Proxecto 300 de Feiraco é a redución de custos pero apostando pola sustentabilidade e polo benestar animal, “a diferenza doutros proxectos cooperativos doutras zonas de España que meteron moita presión en aumentar os litros de leite producidos por vaca”.
Está previsto que o proxecto sexa presentado publicamente e de forma máis pormenorizada ao longo deste mes de xaneiro.
Fai cantos anos que se ven vendo toda esta problemática?